Presentación, coloquio e obradoiro con Jacobo Fernández Serrano sobre Marcopola

O sábado 22 de xuño, a partir das 19:00 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Monte Alto-Atochas-A Torre, nun acto organizado conxuntamente coa Librería Sisargas, terá lugar a presentación dos libros Marcopola. A illa remeira, publicados en Edicións Xerais.
Estará con nós o seu autor, Jacobo Fernández Serrano, que nos falará das súas personaxes, e das súas divertidas historias.
Podedes traer un caderno de debuxo e lapis de cores. Se vos atrevedes a debuxar algunha das personaxes, adicarávolo con moito cariño.

Presentación de Morreu o demo, acabouse a peseta, o venres 14 de xuño

A sexta feira 14 de xuño, a partir das 20:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Monte Alto-Atochas-A Torre, nun acto organizado conxuntamente coa Librería Sisargas, terá lugar a presentación do libro-DVD Morreu o Demo, acabouse a peseta. Un documental e máis de sesenta páxinas de contidos conforman este lanzamento, que quere difundir a figura de Barriga Verde, títere por excelencia no noso país durante o século XX. O filme, que se puido ver xa en diferentes festivais europeos, chega agora para a súa distribución en formato doméstico nunha edición de luxo que achega múltiples contidos extra.
Anxo García e mais Germám Ermida, da Asociación Cultural Morreu o Demo presentarán a iniciativa, que permite coñecer polo miúdo a figura de Barriga Verde, a súa importancia para a cultura galega entre os anos 10 e 60 do século pasado e mais o seu parentesco con outras figuras do títere popular europeo.
O filme Morreu o Demo, acabouse a peseta, dirixido por Pedro Solla e con produción executiva de Comba Campoy, amosa por unha banda o proceso de recuperación da barraca de Barriga Verde da man da compañía Viravolta Títeres, ao tempo que indaga nos parentes europeos de Barriga Verde: Punch, Pollichinella, Guignol ou Kaspar, amosando a vitalidade dun legado a nivel continental que tamén ten a súa representación no noso país.
O DVD vai acompañado dun libro de 62 páxinas que permite coñecer máis polo miúdo o proceso de xestación do documental, a importancia da tradición europea de títeres, a familia europea destes bonecos ou unha primeira achega á biografía de José Silvent, principal responsable de que Barriga Verde se convertise nun fito da nosa cultura popular. Textos de Toni Rumbau, Xaime Iglesias, Comba Campoy ou Germám Ermida actúan a xeito de extras do documental e permiten unha ollada máis fonda a este fenómeno da nosa escena.
A edición foi froito da colaboración entre Urco Editora, Tintimán Audiovisual e a Asociación Cultural Morreu o Demo, que inicia con esta iniciativa o seu traballo a prol da difusión e recuperación do títere tradicional galego. A Asociación que unifica diferentes inicitivas de investigación e divulgación encol deste tema, presentará proximamente as súas propostas de actividades para os vindeiros meses.
Os membros da familia Silvent foron os principais responsábeis da popularización deste personaxe, coñecido e imprescindible en feiras e festas de todo o país. Malia a se ter retirado da escena nos anos 60, moitos dos ditos das súas obras, como a frase “morreu o demo, acabouse a peseta” quedaron gravados na memoria popular de varias xeracións. No seu día obtiveron unha inmensa popularidade coa foi reivindicada por múltiples voces como a principal expresión teatral galega durante os anos da posguerra.

A noiva e o navio, de Susana Sánchez Arins

Volvemos dar paso aos envíos de clientes e leitor@s. Desta volta, a recomendación é de Ramiro, a quen agradecemos novamente a colaboración. Se queres, podes enviarnos o que che consideres interesante para publicar aquí ao noso correo: libreriasisargas@gmail.com.

A noiva e o navio, de Susana Sánchez Arins, publicado por Através Editora, propõe uma viagem fresca e potente na imaginaria e a realidade do amor, vivenciado como espaço libertador, longe de todos os cânones, com uma autêntica regalia de linguagem marinheira. Um fica nas mãos com um estranho e denso sabor salgado, depois de visitar os espaços do conhecimento, do erotismo, da visão esplendente do verso como fogo onde se (re)criam mundos, com toda a carga de inteligência e paixão que, como mulher, ajuda a reconstruir e reconstituir a realidade, num labor de sega imprescindível.
Gosta este leitor dessas interseções com o passado, na peneira releitora de tudo o que antecedeu a escrita e a vida, convertendo o livro em diálogo amplo e criativo. Parabéns a Susana e obrigado por essa constância na escrita e nas aventuras poéticas que nos tem fornecido ((de)construçom e Aquiltadas).
Vai também este poema-diálogo com o livro, como uma outra leitura do mesmo:

Cantamos a viagem
dos corpos magnéticos
criados neste mar recém
nascido desde sempre,
jazemos no fulgor do poema,
estranhos ao tempo,
enquanto as palavras
copulam, ascendentes:
descobrimo-nos como
amantes a construir
embarcações no início
de nós, habitando
um vazio em brasa
onde conhecemos
a convulsão do abraço
em que se devasta o
escuro e nos perdemos
na inominação deste
navio que nos atravessa.”