Este sábado, 3 de xaneiro, a partir das 12:30 horas, na Libraría (no noso novo emprazamento, na Rúa San Roque, 7), terá lugar a presentación do libro Man. O alemán de Camelle, escrito por Beatriz Maceda Abeleira e fermosamente ilustrado por Laura Veleiro, publicado por Galebook. Trátase da historia ilustrada dun heroe respectuoso coa natureza e co seu entorno, un artista que non precisaba máis que as súas mans e os materiais atopados entre as rochas para crear un museo único, ao aire libre, do que calquera visitante da vila mariñeira de Camelle pode gozar.
As autoras farán tamén un obradoiro dirixido nomeadamente ao público máis novo, aínda que poderá participar, por suposto, todo o público asistente, onde se transmitirá a forza do traballo creador de Man.