Recomendamos: Lugo, a cidade dos tesouros encantados, de Lois Diéguez

Lugo, a cidade dos tesouros encantados, Lugo cidadede Lois Diéguez, con fotografías de Xulio Gil, está publicada por Engaiolarte Edicións.

A proposta literaria e visual desta obra é un novo xeito de entrar na realidade histórica, patrimonial e cultural da cidade, percorrendo as súas rúas e deténdose na descuberta de tesouros que só aparecen á vista do espectador e o visitante atento.
En palabras de Felipe Senén, “o Lois Diéguez réndelle homenaxe a Lugo, ás súas paisaxes e paisanaxes, ao escenario e os autores e actores. Como un novo e ilustrado Ciprianillo feito á medida de Lugo, complementado con fotografía de Xulio Gil, con cartografía e incluso con plano dos tesouros da cidade. Primeiro fala a chuvia, señora que fai reverdecer o antigo bosque de Lugh, coroado polo que foi castro dos copori e campamento romano a vixiar o Miño, derriba da fonte calda das termas, cidade con orixe no legado fundador Paulo Fabio Máximo. A brétema serviranos de cicerone para furar polo anel, entrar no couto, nun nimbo de Historia, na arqueoloxía de templos pagáns, de solemnes domus, e sobre elas o trepar do tempo: a nula ou moita ilustración municipal, os pazos, as casas humildes, as tabernas, as tendas, os cafés, parladoiros nos que se filosofa e escoitaba, o Circulo das Artes… Lousas sobre as que se presenten os pasos de Pimentel, de Fole, do Cilistro, Isidro Novo, Vázquez Seixas, Trapero Pardo… e sempre o paso pousón e a verba solemne do sobriño do párroco de San Froilán, Manuel María… e Paco Martín e o seu Ramón Lamote”.

Vede este magnífico vídeo e esta entrevista feita ao autor sobre esta obra, desde BiosBardia.

Recomendamos: Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala

Instrucións para tomar café, de Instrucións para tomar caféManuel Núñez Singala, foi publicado en Galaxia en 2014.

“Son un conxunto de relatos cos que consegue reunir o que ben poderían ser catro volumes nun único e libro.
Un concentrado de narracións que inclúe, en pouco máis dun cento de páxinas, catro volumes diferentes: un libro de reclamacións, un libro de estilo, un libro de instrucións e un libro de contos. Os temas dos relatos poden dar unha pista, ou se cadra todo o contrario: estes textos están escritos partindo do que parece non ser, condición sine qua non para chegar a ser algo. Entre eles, por exemplo, un “libro de instrucións” para non galegos dirixido precisamente a estes.
Así, algúns títulos que falan de seu: “Cocido familiar”, “Amputado”, “Gastronomía transfronteiriza”, “Poesía oriental”, “Instrucións para parecer intelixente”, “Instrucións para parecer galego I, II e III”, “Instrucións para falar do tempo”, “Sacrificio”, “Competencia” e “Pro – dutividade”. Neste conxunto de relatos indágase sobre nós mesmos, sobre o que nos fai grandes como seres humanos e tamén arredor das nosas mesquindades, sobre o que nos define como persoas e como galegos, e todo isto dende a ironía, cunha perspectiva impregnada de humor e retranca.”

Aquí deixamos esta entrevista de Montse Dopico ao autor onde fala sobre esta obra, que recomendamos desde a Libraría Sisargas!

Concerto-presentación de Gatuxo, de Magín Blanco, o venres 16 de xaneiro ás 18:00 h.

Este venres, 16 de xaneiro, a partir das 18:00 horas, estará na Libraría Sisargas Magín Blanco, quen fará un concerto de presentación do seu novo libro-disco, Gatuxo, publicado por Fol Música. Estará acompañado por María Faltri e Jorge Juncal. A entrada é libre até completar o aforo.

AMagín Blanco Gatuxo nova obra de Magín Blanco é un libro de ilustracións e de cancións extraordinarias, pausadas, alegres e tranquilas con instrumentacións coidadas e sutís, xogos de voces e ecos beatlelianos que transmiten emocións asociadas ao espertar á vida, alegría, risas, movemento, descubrimento, soño e que utiliza onomatopeas propias deste espertar. Ilustracións e cancións que axudan a crear o vínculo afectivo dos máis pequenos cos seus pais e contribúen ao desenvolvemento do córtex cerebral polo seu efecto positivo sobre a memoria e a atención. A escoita activa destas fermosas accións e a observación das ilustracións xunto ao pequeno, contribuirá a que alcance unha maior precisión para percibir e abstraer estímulos visuais e auditivos, desenvolvendo o seu sentido da orde e facilitando a creatividade. Tamén supoñen unha espléndida preparación pre verbal, co que os nenos poden comezar a falar antes e acelerar a aprendizaxe de idiomas. A súa aptitude musical e a súa coordinación motora desenvólvese e aprenderán a gozar coa música. Estas cancións tamén son moi útiles como terapia de distintas doenzas (ansiedade, estrés, alteracións do sono, autismo, etc.) A autora das ilustracións, Erica Maradona, é unha nova artista brasileira que soubo resumir de forma natural en cada escena ilustrada as emocións que GATUXO quere transmitir e que forman parte do espertar e a aprendizaxe dos que empezan a vivir.