Recomendamos: As últimas galerías, de Xosé María Álvarez Cáccamo

As últimas galerías, Pepe Cáccamo As últimas galeríasde Xosé María Álvarez Cáccamo, é un libro publicado pola Editorial Galaxia.

“Despois de variadas incursións na literatura infantil e logo de publicar dous libros memorialísticos, o autor de Vento de sal dá ao prelo esta novela de evocación coa que pescuda nos enigmas do pasado que, como borranchos que van perdendo senso coa distancia, precisan volver a ser decodificados e rescatados desa liña de sombra na que aparentemente parece acabar por ensumirse toda existencia.
Algunhas das mellores páxinas do Cáccamo prosista atópanse neste relato de ausencias recuperadas e presenzas que se perden nas galerías últimas da vida. A capacidade descritiva, que no poeta é intuición para os símbolos, no narrador transfórmase en potencia para dramatizar as situacións, para illar e extraer delas os elos da cadea argumental, a sintaxe narrativa dos momentos e das vivencias ancoradas nun pasado que a memoria da anciá protagonista case non logra reter.
O narrador, que simultaneamente é personaxe, debrúzase nas situacións, pois para Cáccamo, coma para Jean-Paul Sartre, a novela é un teatro de situacións. O relato elabórase a partir dunha indeterminación radical da situación, xa que tanto en Sartre coma en Álvarez Cáccamo, os feitos son irredutibles mais non determinan a existencia. O paradoxo da liberdade, como escribe Sartre, é que “só hai liberdade nunha situación e só hai situación pola liberdade”; a situación caracterízase pola súa continxencia e pola súa ambigüidade. Ao depender da liberdade, a inserción do significado na existencia fai que esta deixe de ser un longo río tranquilo, pois a través do senso a liberdade quere fixar unha relación co mundo que ha de ser necesariamente indeterminada para dar lugar ao porvir e para producir o mundo. Na novela de Álvarez Cáccamo, esa acción libre sobre o porvir reconstrúese cara ao pasado, o significado é a verdade que se lles quere escapar entre os dedos aos personaxes e, se cadra, se a novela é efectiva, tamén se lle ha escapar a quen le. Pois cómpre “conducir […] a vida por onde a levan as horas, sen proxecto, sen peso, sen medo”.”

Deixámosvos aquí a recensión de Ramón Nicolás sobre o libro, así como a lectura de Xulio García Rivas.

Recomendamos: As mulleres do monte, de José Antonio Gurriarán

As mulleres do monte, deJosé Antonio Gurriarán Mulleres do monte José Antonio Gurriarán, é un libro publicado pola Editorial Galaxia.

Lembranzas e fantasmas dun neno de guerra. Este libro é o resultado da busca de testemuños e documentos realizada durante varios anos polo autor, investigación que iniciou para completar as lembranzas da súa infancia no Barco de Valdeorras, onde eran frecuentes os enfrontamentos entre forzas policiais e guerrilleiros, popularmente coñecidos como fuxidos ou “os do monte”. O autor descubriu dese xeito o importante papel das mulleres no maquis, fornecendo refuxio e apoio aos fuxidos. Moitas desas mulleres levaban practicamente o peso do Servicio de Información da República. Foi o caso de Paquina Nieto, por cuxa froitería pasaban gran parte das mensaxes secretas dos fuxidos; de Matilde Franco, de Cacabelos, moi hábil para obter información sobre as operacións antiguerrilla dos seus “amigos” do cuartel da Garda Civil. Mais só as mulleres que foron torturadas, ou estaban ameazadas de morte, foron autorizadas a unirse aos do monte como guerrilleiras..”

Recomendamos: A utilidade do inútil, de Nuccio Ordine

A utilidade do inútil, portada UTILIDAD.fh11de Nuccio Ordine, traducido do italiano por Carlos Acevedo, está publicado por Faktoría K, de Kalandraka.

“Fronte á crise do sistema e á corrupción, tan tristemente de actualidade, un manifesto necesario que rexeita a actual ditadura do beneficio e do utilitarismo, para apostar polos coñecementos que nutren o espírito: a filosofía, a música, a literatura, a arte…”

Esta é a opinión do crítico literario Ramón Nicolás, no seu blogue Caderno da crítica.