O
venres 18 de decembro, a partir das 20:00 horas, presentamos na Librería Xeixos, o último traballo narrativo até agora por Suso Lista, publicado por Edicións Embora. No acto, xunto ao propio autor, participa o dramaturgo Manuel Lourenzo.
En palabras do crítico literario Ramón Nicolás:
“Suso Lista ofrece a súa segunda incursión narrativa recorrendo, as máis das veces, á semblanza que abala entre crónica e ficción para deseñar un retrato do seu Corme natal, poboándoo así con personaxes e situacións singulares, sempre operativas para construír un vademécum irónico sobre a propia condición humana.
Neste deseño é o mar -ese murmurio continuo por veces abouxador- a testemuña imperturbable dos aconteceres que se experimentan. Mar e xentes simbolizados felizmente neses xeixos igualados pola aparencia lisa exenta de arestas, mais tamén diferentes entre si a rodaren suxeitos á erosión que o paso do tempo imprime. Xeixos que permiten reflexionar sobre o destino, a morte, a soidade ou a afouteza cun ton, naturalmente, salitroso.”
