Recomendamos: Pasatempo, o novo disco de Radio Cos

Pasatempo é o novo disco de Radio Cos, publicado estes días.

“RADIO COS, uns pandeireteiros de sona que fixeron evoluír a nosa música naturalmente.
Xurxo Fernandes e Quique Peón, cantantes e percusionistas do grupo, son dous referentes no eido da investigación etnográfica en Galiza. As melodías utilizadas neste proxecto pertencen aos seus arquivos de gravacións de campo, traballo que levan facendo por todo o país desde hai máis de tres décadas.
Vai para xa nove anos que RADIO COS leva percorrendo escenarios en Bélxica, Inglaterra, Escocia, Bretaña e Galiza transmitindo o seu modo de entender a nosa música tradicional.
Agora preséntannos o seu primeiro disco, música de raíz que mestura a sonoridade máis arcaica con elementos tirados da propia tradición e melodías alleas que gardan relación co país.
A banda confórmana tres prestixiosos músicos: Pedro Lamas na gaita e saxo soprano, Nikolay Velikov no violino e Xan Pampín no acordeón.
Este traballo, concebido con forza e alegría, quere mostrar a invisibilidade que sufren as culturas minorizadas a pesar de estar aí, de arrodearnos, de ser verdades manifestamente palpábeis.”

Recomendamos: O canto da Sibila, de Rebeca Baceiredo

O canto da Sibila é un poemario de Rebeca Baceiredo, publicado en Galaxia.

“Facendo uso da lírica pagá e medieval mais guindando boias ás tradicións non occidentais, retómase a palabra non dita, a palabra non articulada, a palabra gutural, retida na gorxa das mulleres.
Entre os pasos pisados con solemnidade e forza, rachando a atmosfera postapocalíptica, a sibila anuncia unha lírica que foxe da clausura, abríndose ás fendas do eu.”

Aquí poder lerse esta entrevista feita á autora na Palavra Comum.