Presentación de Arredor das Irmandades da Fala

O xoves 2 de febreiro, ás 20:00 horas, preséntase o libro Arredor das Irmandades da Fala, coordinado por Luís Cochón, e publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao coordinador, Xulio Ferreiro, Xosé Ramón Barreiro, Arturo Casas e Manuel Bragado.

Este libro, coordinado polo profesor Luís Cochón, reúne trinta traballos moi diversos arredor das Irmandades da Fala, o fenómeno que supón o principio da modernidade en Galicia no século XX. Un período, entre 1914 e 1931, que na historia do galeguismo configura un espazo sen volta no acontecer de Galicia, que comeza co inicio da Gran Guerra e se alonga até a proclamación da República do 31, ano de fundación do Partido Galeguista e da celebración da VII Asemblea das Irmandades da Fala, principio e cabo deste tempo. Tras un limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín e unhas palabras introdutorias do editor literario, os traballos organízanse en tres grandes bloques: Pensamento, Política e Poética. Unha tríade que, coincidindo coa celebración do centenario da creación das Irmandades da Fala, artella un libro de intención coral, interdisciplinar, transversal e aberta. “Nesta obra, en realidade, aquel que se presenta como coordinador é verdadeiramente un autor. Luís Cochón esixe e orienta os partícipes que ten ao seu redor e reparte traballo. E dálles a palabra aos mortos. Pilla aquí e acolá, do patrimonio de vivos e defuntos, porcións de pensamento que acheguen máis as Irmandades para que poidamos rescatalas do estado de momificación nocional en que se encontran no discurso histórico comunmente aceite e oficializado. Pódese falar de collage, de mosaico, mesmo de farrapeira, pero o resultado é un centón que vai apaixonar o lector disposto a participar da aventura menos coñecida do pasado do cal dependemos” (Xosé Luís Méndez Ferrín).

Recomendamos: Cando cae a luz, de María Canosa

Cando cae a luz, de María Canosa, é unha obra narrativa publicada por Urco Editora.

“«Moitas veces ouvín dicir que os lobos non atacan as persoas. E isto non é certo», así dicía Ánxel Fole. Claro que, arredor dunha lareira, coas tebras da noite caendo sobre as costas, as lapas bailando na negrura e debuxando monstros na cara, as palabras dos relatos podían vestir de negro os pensamentos máis agochados. Naquela escena resultaba máis críbel e aterrador.
Noites de inverno nas que as palabras, o caldo e o viño quecían máis que o propio lume. Traballar pola fresca da mañá e xuntarse para falar ao cabo do día eran os fitos que marcaban o calendario. Falar. Comunicar. Transmitir. Compartir.
Os radiadores, a calefacción, quentaron os corpos e arrefriaron os corazóns.
Claro que os lobos seguen a existir. Non son tan doados de ver. Ocúltanse no monte e baixan silandeiros, en forma de sombras, ruídos, bicos traizoeiros, treboadas, badaladas… “

Podes ler aquí unha entrevista coa autora e un fragmento da obra en Palavra Comum.

Recomendamos: Denébola a Roxa, de Héctor Cajaraville

Denébola a Roxa, de Héctor Cajaraville, publicada en Baía Edicións, foi a obra gañadora do 7º Premio Meiga Moira.

“O 15 de marzo de 1600, o mesmo día en que fai quince anos, Denébola recibe a noticia de que o seu pai decidiu enviala como noviza a un convento de clausura. Pero a moza, que comparte nome cunha das estrelas máis brillantes da constelación de Leo, loitará por un futuro máis luminoso ca este que o seu pai, o poderoso señor de Mourentán, elixiu para ela.
Marcada pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, buscará o modo de rexerse polos seus propios principios e tomar as rendas do seu destino. Na súa viaxe á procura da liberdade acabará chegando a América, un Novo Mundo no que todo está por facer e onde é posible converter en realidade o soño de trazar o seu camiño na vida.
Denébola a Roxa é unha novela de aventuras de estrutura áxil e dinámica, que relata o desafío dunha muller brava nun mundo de homes. Un exemplo de como a afouteza e a perseveranza conseguen derrubar todas as barreiras.”

Aquí pode lerse esta entrevista ao autor.

Recomendamos: Xa non estou aquí, de Iria Misa

Xa non estou aquí, de Iria Misa, publicado en Xerais, foi a obra gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2016.

“Ánxela repite 1º de Bacharelato obrigada polos seus pais. A súa vida sofre un cambio rotundo cando, a comezo de curso, meses antes da súa misteriosa desaparición, coincide con María, que a seduce para integrala nos Murnios, un grupo de hábitos diferentes ao resto de compañeiros e compañeiras. Fascinada pola acollida destas novas amizades, aceptará asumir as arriscadas probas a que os Murnios se autosometen decontino na procura de experiencias vitais extremas que os satisfagan, o que creará momentos de incerteza na feble personalidade de Ánxela, afectada pola incomprensión da súa familia e polo abandono intensamente doloroso da súa parella. Xa non estou aquí é unha novela que fala de sentimentos universais: da necesidade de pertenza a un grupo, do amor, da soidade e da morte… Unha novela coral onde dende diversos puntos de vista se pon de manifesto o cariz tan distinto que pode tomar a realidade dependendo dos ollos de quen a mira.”

Aquí pode lerse a crítica desta obra a cargo de Ramón Nicolás.