Presentación de Nordeste, de Daniel Asorey, o xoves 30 de marzo

O xoves 30 de marzo, ás 20:00 horas, Daniel Asorey presenta Nordeste, obra que obtivo o Premio Repsol de Narrativa Breve 2016, e publicada por Galaxia. No acto, o autor estará acompañado por Mercedes Queixas e Malores Villanueva.

“No bergantín Leboreiro, volve a unha Compostela poderosa e marítima Carme de Candingas, vedora maior da República das Santas Irmandades da Galiza. Recibira a orde de visitar as colonias que a patria posuía no Nordeste brasileiro. Naqueles territorios arredados debeu comprobar se o goberno da Compañía Galega de Indias concordaba cos principios xurdidos, había máis de douscentos anos, nas revoltas irmandiñas. Moito despois, na década de 1930, Matilda, unha xornalista que traballa en São Paulo, viaxa tamén ao Nordeste para informar sobre a máis perigosa banda de cangaceiros, bandoleiros que coa súa presenza talvez están a crebar o autoritarismo que se apodera do goberno do Brasil e do mundo enteiro. Na dureza daquela viaxe coñecerá a Maria Bonita, a máis famosa salteadora do Brasil. A bandoleira, cunha vida fóra das leis ditadas polos homes, presentaralle o sertao desértico, fermoso e implacable. As tres mulleres sentirán o amor, a violencia e a beleza dunha terra castigada e esquecida. As tres compartirán, ao cabo, a difícil e perigosa opción da liberdade.”

Aquí pode verse unha entrevista co autor no programa de televisión Zig-zag.

Presentación de Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira, o mércores 29

O mércores 29 de marzo, ás 20:00 horas, presentamos Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira, publicada na Editorial Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Eli Ríos e Francisco Castro.

“Neste libro de Emma Pedreira hai libros que falan de libros que conteñen libros que nos poden enfermar ou sandar ou sandar ou sacar o mellor de nós, que pode ser o peor.
Un mollo de relatos, dende micros a máis longos, nos que a trama e o desenlace se adiviñan entre páxinas, entre lombos de volumes curiosos para xente así de curiosa: os biblíopatas e fobólogos. Libros polos que matar e polos que vivir. Libros que dan a vida e a quitan. Personaxes nos lindes da razón que atopan na lectura, nas letras, nas semánticas máis estrañas, a súa razón de ser ou un motivo para mandar. Unha proposta literaria de Emma Pedreira, unha das autoras con máis proxección da literatura galega actual.”

Presentación de Amada García e os seus arredores, de Bernardo Maiz, o xoves 23 de marzo

O xoves 23 de marzo, ás 20:00 horas, Bernardo Maiz presenta Amada García e os seus arredores, publicado por Edicións Embora, coa presenza do seu autor, xunto ao que participarán tamén Emilio Grandío e Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

“Amada é o fío condutor deste estudo, figura simbólica dun pobo que viu coutadas as súas esperanzas cando tomaba ao fin o protagonismo histórico.
Ofrece este volume a visión dun tempo republicano que concluíu cando a xente do común como Amada García Rodríguez foi vítima dun “golpe de estado perpetrado por Franco o 18 de xullo de 1936, o réxime ditatorial consecuencia deste golpe de estado e os crimes e represión exercidos sobre as persoas vencidas” (Parlamento Galego, 18 de xullo de 2016).
Preséntanos o autor unha Amada García histórica, fidedigna, contextualizada, lonxe da ficción, extraendo da documentación escrita, “do rastro que deixou”, só o que acredita como verdadeiro, que non é o mais épico nin o máis tenro nin o máis tramático, aspectos estes case sempre esaxerados e inexactos. A historia real supera á ficción.”

Pode lerse aquí esta entrevista de Xurxo Salgado ao autor, Bernardo Maiz, en Historia de Galicia: “Amada García loitaba polo empoderamento feminino e por iso a asasinaron na Guerra Civil“.

Recomendamos: A relixión do mar, de Xosé Iglesias

A relixión do mar, de Xosé Iglesias, obtivo o IX Certame de poesía Victoriano Taibo.

“Trátase dun libro que, sen abandonar a linguaxe poética, constitúe un auténtico tratado sobre a vida en e relacionada co mar. Desfilan por estas páxinas aparellos, artes de pesca, coñecementos de navegación, embarcacións, carpintería de ribeira, lugares, sucesos e un grande etcétera que o autor aproveita habilmente rebordando a súa intención didáctica e presentándonos, a través de imaxes ricas e suxestivas, un proxecto de vida na que cicela a súa propia identidade. Versos con recendo a marusía que evidencian coñecemento profundo e vivencia delongada do mundo mariño nesta “homenaxe á fe infinita que teñen os nosos mariñeiros por este anaco de océano. Unha fe a se representar en distintos rituais que van converxendo ao longo da costa e do tempo”, en palabras do autor.”

Recomendamos: Oiko-nomía do xénero, por Rebeca Baceiredo

Oiko-nomía do xénero, de Rebeca Baceiredo, é un ensaio publicado por Axóuxere Editora.

“A visión que nos presentaron historicamente como verdade única –e que foi usada como criterio socializador–, así como os propios conceptos empregados na confección do discurso patriarcal, son sinxelas proxeccións do actual paradigma interpretativo: a perspectiva patriarcal, edificada como norma hermenéutica, que se impón como prisma para ler a evolución das sociedades e das súas subxectividades interiores.
Rebeca Baceiredo (Ourense, 1979), nunha fina re-interpretación das pegadas históricas, que van desde a Prehistoria ata a vertixinosa contemporaneidade do neoliberalismo, pasando pola Idade Media e por varios sistemas culturais non occidentais, proponnos con Oiko-nomía do xénero. Relato das clausuras unha re-visión e axuste daquel mito explicativo, a partir da análise do xénero como función subalterna, e da íntima relación que o xénero garda co concepto de propiedade, oiko, e co da súa xestión, nómos. Seguindo as liñas abertas pola antropoloxía marxista e feminista, son pensadas as formas da propiedade, a mercadoría e o diñeiro, vinculadas todas elas ao papel deses suxeitos subalternos que son, neste caso, as mulleres.”

Aquí pode lerse a entrevista que Montse Dopico realizou á autora en Praza.