Recomendamos: Transmigrantes, de María Alonso Alonso

Transmigrantes. Fillas da precariedade, de María Alonso Alonso, é un ensaio publicado por Axóuxere Editora.

“Desde a perspectiva da teoría poscolonial e a subalternidade, Transmigrantes. Fillas da precariedade preséntanos un contradiscurso para cuestionar a idealización da nova emigración interior europea, sinalando ademais os varios retos aos que o precariado transmigrante actual ten que facer fronte a causa da súa depreciación como capital humano. Traenos a voz dunha xeración que padece de anacronismo, a voz desas galegas e galegos que ven alén das súas fronteiras o único xeito de supervivencia. Crítica minuciosa pero sen concesións, sentimental pero non emotivista, dun estado de cousas que, de non buscar solucións inmediatamente, creará problemáticas aínda máis fondas, no tecido político e social contemporáneo, das que ten provocado até o de agora.
Nacida na veciñanza de Matamá (Vigo) María Alonso licenciouse en Filoloxía Inglesa e Hispánica, doutorándose no ano 2014 pola Universidade de Vigo cunha tese sobre diásporas e ficcións culturais, publicada como Diasporic Marvellous Realism. History, Identity and Memory in Caribbean Fiction (Brill, 2015). Actualmente reside en Edimburgo, onde leva a cabo diferentes proxectos que varían dependendo da conxuntura do momento. Adícase á escrita de ficción e poesía en lingua galega e inglesa. A súa primeira novela foi Despois do cataclismo (Urco Editora 2015). Ten publicado tamén varios relatos en antoloxías e revistas de creación literaria.”

Aquí pode lerse un texto da autora sobre o libro, publicado na revista Palavra Comum.

Recomendamos: Mariña: de deusa a santa, de Rafael Quintía Pereira

Mariña: de deusa a santa, de Rafael Quintía Pereira, libro que conseguiu o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2016, está publicado por Galaxia.

“O libro é unha análise e estudo da apropiación dos mitos célticos e da relixiosidade galaica realizada polo cristianismo. Neste caso, exemplificada a través das múltiples advocacións a Santa Mariña presentes en Galicia. Mariña: de deusa a santa está escrito nunha prosa áxil e fluída que facilita un percorrido ameno polas transofrmacións históricas do culto pagá e do cristián. Estas transformacións converteron os lugares de culto coma montes, fontes, árbores e lagoas sagradas en lugares cristianizados. O traballo de investigación realizado polo autor insírese dese xeito nunha tradición de grande importancia para a cultura galega, tradición que chanta as súas raíces no labor do Seminario de Estudos Galegos. Velaquí un ensaio ben documentado e cunha exposición analítica dun caso senlleiro que constitúa unha especificidade de enorme significado para a antropoloxía cultural de Galicia.”

Recomendamos vivamente entrar no blogue do autor!

Presentación de Novas do exterior, de Xosé Luís Santos Cabanas, o venres 16 de xuño ás 20:00 h.

En Novas do exterior. 63.000 quilómetros de viaxes á cadea hai unha fronteira que divide o mundo, a que forman os muros e os arames da prisión, e tamén quilómetros e quilómetros de estradas, percorridos co desexo de achegarse a un ser querido, de reducir a distancia que o serpara do fogar. Crónicas dunha viaxe, a do autor e a súa compañeira, para ver o fillo, arrastrado polo espectáculo político construído arredor do que deron en chamar Resistencia Galega, e detido nunha operación policial na que foron usados procedementos tristemente próximos aos de tempos en aparencia xa superados. Un fillo condenado ao afastamento xeográfico, o illamento carcerario e a incerteza do próximo destino. Este libro lémbranos –perante a impunidade dun sistema que precariza a liberdade propia de cada cidadán– que a revolución do cotián é a mellor forma de resistencia, e que fronte á violencia do Estado temos armas que non disparan, senón que vencellan os seres humanos: un activismo de xestos solidarios que racha os muros das cadeas. Fronte á fala burocrática da administración carceraria e a súa visión unívoca, fronte aos berros e a linguaxe autoritaria, temos palabras que conversan e comparten. Fronte aos edificios grises e enreixados das prisións, que levantan muros entre a xente, posuímos a arquitectura colectiva dos afectos, a construción vagarosa, mais tamén firme, dun espazo común de liberdade.

Presentación de Años de guerra y revolución (1936-1939), de Antonio Seoane Vázquez, o martes 20 de xuño ás 20:30

O martes 20 de xuño, ás 20:30 horas, presentamos Años de guerra y Revolución (1936-1939), libro de memorias de Antonio Seoane Vázquez, publicado por Bolanda.

“Este é o libro de memorias temporais de Antonio Seoane Vázquez, “Comandante Profesional del Ejército español”. Como tal asina o mecanoescrito orixinal que, baixo o rótulo de “Malhechores de España” e co subtítulo “Años de guerra y revolución”, recolle as súas lembranzas e visións do acontecido en Barcelona e Cataluña entre o 19 de xullo de 1936 e os primeiros días de febreiro de 1939 nos que, en compañía de miles de persoas refuxiadas, atravesou El Pertús. Atinadamente Bolanda Edicións escolleu, para a súa publicación, o subtítulo engadíndolles o período temporal das lembranzas.
Tras a chegada a Francia, Antonio Seoane ponse a escribir os seus recordos e valoracións dos anos de “guerra e revolución”, intensamente, ata rematar un bo mangado de cuartillas que editadas ocupan case trescentas páxinas. Labor que dá por rematado en Montaubau o 8 de abril de 1940. Nesta vila, uns meses despois, falecerá o presidente Azaña e alí segue soterrado como símbolo manifesto de que a sociedade española non foi quen de superar e enviar á arca da historia o conflito social e político que estourou naquel mes de xullo de hai oitenta anos.
Antonio Seoane era un militar profesional e unha de tantas e tantas persoas que nada tiña claro na realidade confusa, como todas as realidades, que o leva a escribir no primeiro capitulo do seu libro: “¡Son nuestros! ¡Están con nosotros! ¿Por qué, si son nuestros , hacen fuego contra los suyos? (…) ¿quiénes somos unos? ¿quiénes otros? ¡Cómo y por qué podemos distinguir a los enemigos?”. Ata o final deste capitulo non o saberá: “La incógnita se había despejado y por fin sabía lo que era y lo que defendía. Era republicano y defendía la República. Y a solas conmigo mismo, pensé un segundo en mi familia y, para tranquilizarme, como si de esa manera los considerase salvados de todo peligro, y yo más fuerte y seguro de mí, grité con mi corazón ¡Viva España!, y una escalofriante sacudida recorrió todo mi ser. ¡La suerte estaba echada!”.
Pero o pensamento non salvaba a familia. Os outros tres irmáns tamén militares estaban no bando sublevado. O máis pequeno deles, Manolo, falece vítima dun obús das tropas leais. Esa morte marcará a vida de Antonio e impulsarao a realizar unha especie de exorcismo redactando estas memorias que, que saibamos, nunca pretendeu editar nin, o máis seguro, se lle pasou pola cabeza tal cousa. Gardouno e levouno consigo ata a súa morte. Foi a súa esposa quen llo entregou ao seu sobriño e afillado, Antón Seoane, en 1993. Ata agora, pasados setenta e sete anos da súa redacción, non viu a luz nin para o público nin para a maioría dos seus familiares máis achegados.
Antonio regresou, co apoio familiar, en 1948. Estableceuse en Pontevedra, traballou en Jesús Lago y Lago e en Seguros Zurich e paseou polas súas rúas na compaña da súa esposa francesa, Nenette, ata a súa morte en 1983.
E chegamos os que andamos con estas cousas e decatámonos do pouco que entendemos e do pouco que sabemos. Antonio Seoane, militar profesional, de familia de militares, formado en Zaragoza, fogueado na guerra de Marrocos, na Lexión de Millán Astray, sublevado con Sanjurjo en 1932, encarcerado e xulgado polo goberno da República… atópase, en 1936, en Barcelona, ao mando dunha compañía da “Guardia de Asalto” e fará a guerra, ocupando lugares de relevo tanto no campo de batalla como nos servizos secretos, ás ordes da Generalitat e da República ata o exilio. Logo virá a outra vida sostida sobre a ocultación do pasado.
A realidade é ben máis complexa que a diseccionada, analizada, sintetizada, temporalizada polos manuais e as explicacións académicas. A realidade constrúese a partir de decisións persoais, tomadas sen as referencias que nos dá, ou nos oculta, a distancia histórica. As veces un ten a impresión de non entender moito o que pasou.

Venres, 24 de marzo de 2017.
(Texto de Carlos Meixome)”