Caramulo, de Anxo Moure, visto por Olaia

Caramulo e a carpinteira dos soños é unha obra de Anxo Moure, con ilustracións de Cristina Ouro, publicada por Baía Edicións.

Esta é a lectura feita por Olaia (8 anos):

“Eu era unha árbore, e toda a xente me abrazaba. Os nenos trepaban por min, e os vellos desfrutaban da miña sombra. Pero un día un gran temporal tiroume ao chan, mais una rapaza moi corredora tropezouse comigo. Ela era carpinteira, e coas ferramentas na man me creou, e chamoume Caramulo. Tropeceime cunha porta e uns nenos contáronme todo o mal que podía pasarlle ó mundo. Crucei os bosques, e as fragas ate atopar a tenrura que buscaba. Pedinlle unha pouca prestada. Eu soñaba ser tileiro, un érbedo, un acivro ou un carballo.”

Recomendamos: De Quiqui Bar… a Castromil, de Francisco Macías

De Quiqui Bar… a Castromil, de Francisco Macías, é unha obra publicada por Edicións Positivas.

“Sempre que se fala do Castromil en Santiago de Compostela, e cada día parece que máis, refírense a un fermoso edificio demolido en 1975. De Quiqui Bar… a Castromil tenta ser unha crónica do que rodea o Quiqui Bar ou edificio Castromil, dous nomes para un mesmo edificio, dúas etapas diferentes que se comportaron de maneira distinta en circunstancias diversas.”

Recomendamos: Somos de Arxerís, de Xosé Carlos Carracedo Porto

Somos de Arxerís, de Xosé Carlos Carracedo Porto, é unha obra narrativa publicada por Toxosoutos.

“Querida lectora e lector:
Por se queres saber máis de nós direiche que a persoa que escribe e a que ilustra estas páxinas viñeron ao mundo por primeira vez nun luscofusco. De Xosé Carlos sábese que naceu chorando tanto que as súas bágoas confundíanse coa choiva dunha cicloxénese que lle cedeu espazo ao ceo para que o nato puidese ver o solo que se deitaba. De Fuco, que ese día bosquexaba unha instantánea desa luz, que se precipitaba entre a choiva, batendo o record guiness de arcos da vella por metro cadrado.
Nesas estamos porque aínda -esperamos- queda moito por vivir. Como a Arxerís, que se constrúe con persoas. Cos teus ollos de turista, aos que lles ofrecemos un fogar. Adiantámosche que, se aceptas, pode que descubras que es máis hóspede de Arxerís do que acertas a crer. Atréveste a comprobalo?
Talvez desveles o misterio do luscofusco…”

Pode verse a recensión de Ramón Nicolás aquí.

Recomendamos: Cervatos, de Lucía Novas

Cervatos, de Lucía Novas, é unha obra publicada por Kalandraka.

“A obsesión pola beleza do efémero, dos obxectos superfluos e das atmosferas kitsch está na cerna deste volume.
Compóñeno versos lanzados desde o lugar estético do videoclip e, por tanto, xenerosos en golpes de música e imaxes. Son reflexo dun mundo urbano, nocturno e inhóspito. Mais tamén o espello dunha realidade mutuamente contaxiada pola lentitude da aldea, porque a destas páxinas é unha voz poética híbrida, irmá da mestizaxe, filla das marxes e neta da periferia.
E aparece a técnica da colaxe e o recurso ao enxerto, no hábitat do fragmentario. Todo iso ao servizo dunha crítica á posmodernidade que non exclúe, asemade, a adicción
aos seus ouropeis. E aparecen Brancaneves sinistras, Alicias marabillosas e algún Peter Pan a unha bocalada de se perder para sempre.
Porque somos, tras a defunción dos grandes relatos, seres ensarillados no amor e nos seus xogos. Cervatos alleos -na distracción e a fraxilidade- ao teimudo, fascinante e implacable paso do tempo.”

Aquí pode lerse a recensión de Ramón Nicolás, no seu blogue Caderno da crítica.