Presentación de Bonus Track, de Rosalía Fernández Rial, o 3 de maio ás 20:00 h.

Imaxe

“Ás veces precísase dar todo por perdido para que algo inesperado te sorprenda.
Pero sempre hai unha posibilidade para a esperanza. Por iso cómpre esgotar as pistas establecidas se queres que apareza o Bonus Track.
Xusto nese xiro imprevisto, cando xa parece que non queda nada, nacen os relatos deste libro de Rosalía Fernández Rial: vinte e dous contos tecidos con letras de cancións e derradeiras esperanzas. É importante agardar. As mellores historias comezan onde remata a melodía. Resiste. E cando a música repouse, entrará a literatura a bailar.

Recomendamos: Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968, de Xavier Groba e Sergio de la Ossa

Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968, de Xavier Groba e Sergio de la Ossa, é unha publicación de aCentral Folque.

“Gustav Henningsen (Slagelse, Dinamarca, 1934) é un destacado folclorista, antropólogo histórico e investigador que estivo ligado durante a súa vida profesional ao prestixioso Arquivo Danés do Folclore [Dansk Folkemindesamling] da Biblioteca Real de Dinamarca. Entre 1964 e 1968 realizou traballo de campo en Galiza, principalmente na comarca de Ordes, para estudar os rituais e as crenzas máxicas arredor da bruxería. Mentres que os seus traballos sobre esta materia tiveron alcance internacional, os outros materiais compilados (entre eles os musicais) ficaron “esquecidos” até hoxe. O fondo Henningsen integra unha impresionante colección fotográfica, da cal se realizou en 2015 unha primeira exposición no Museo do Pobo Galego, e un valiosísimo arquivo fonográfico que permanece até o dia de hoxe completamente inédito.
Grazas ao acordo entre aCentral Folque e Gustav Henningsen, dous destacados etnomusicólogos [Xavier Groba e Sergio de la Ossa] fixeron unha selección dos mellores rexistros musicais procedentes das súas recollas de tradición oral. Estes materiais edítanse xunto a un ensaio de carácter divulgativo, a transcrición das melodías e unha escolma de fotografías inéditas da súa estadía en Galiza, e conforma unha obra de singular valor histórico, antropolóxico, etnográfico e musical para Galiza.”

Recomendamos: O Códice esmeralda, de Alberte Blanco Casal

O Códice esmeralda, de Alberte Blanco Casal, é unha obra narrativa publicada por Xerais.

“O achado dun antigo manuscrito familiar embarca a Xacobe nunha investigación que o retrotrae aos tempos da batalla de Rande. Xan Bieito, un antepasado seu, fora grumete na frota de Nova España e relatara as peripecias da longa viaxe, ademais da histórica batalla naval de 1702 na Ría de Vigo. O manuscrito deixaba entrever a existencia dun tesouro oculto, protexido por un estraño enigma que deberían resolver os seus sucesores. A busca das claves para esclarecer o misterioso segredo mergulla a Xacobe nunha aventura sorprendente na que vai descubrindo a recóndita personalidade do seu devanceiro, envolta en novos enigmas. Mais ao protagonista asáltano uns estraños soños simbólicos que se entrelazan coa realidade e cun mundo que descoñece, creándolle unha enorme confusión que o impulsa a afondar máis na investigación. Emporiso, o que busca Xacobe, axudado polo seu amigo Elphi, é en realidade un antigo códice maia, gardián dun arcano marabilloso, que os levará a desprazarse por toda a Ría de Vigo percorrendo un camiño iniciático no que irá sacando as capas de cebola que ocultan a realidade. Trepidante novela de intriga, O Códice esmeralda supón un engaiolante achegamento á historia da batalle de Rande, un dos episodios galegos nos que cómpre afondar.”

Recomendamos: Noró, de Xabier Díaz

Noró, de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, é o último traballo publicado polo autor.

“É unha ollada ás músicas setentrionais, unha declaración de amor ao norte que nos chega despois da exitosa xira do multipremiado The tambourine man (2015).
Nurtha, Nord, Norte… Noró
O norte é case un estado emocional para min. Gústame o seu frío, a auga, a humidade e a música.
“Este disco é como un retrato do meu timeline recente, como unha necesidade de acabar a talla e de mellorar o método, como unha insistencia de Tambourine, como se quixese tatuar con tinta indeleble o mapa das últimas viaxes para saír definitivamente da miña confusión antes de desorientarme de novo. Este disco tamén serve para celebrar o equilibrio desta pequena e ordenada república adufeira na que tantas cousas aprendo sen necesidade de que ninguén as explique.” (…)”

Recomendamos: O trapecista da malla de rombos, de Alberto Canal

O trapecista da malla de rombos, de Alberto Canal, é unha obra publicada por Edicións Xerais.

“Con dez anos acabados de cumprir, Iupanki soña con converterse no trapecista principal do Circo de los Muchachos. Mais todo se volve na súa contra. Cando coñece a nación de Benposta, o país utópico onde reside a escola do circo e os nenos son quen gobernan, atópase con xente estraña que quere destruír o soño que axudaron a erguer cativos de diferentes partes do mundo. O neno Iupanki, aguilloado polo amor que comeza a sentir pola contorsionista Nuna, decide entón embarcarse na aventura de salvar o circo das gadoupas dos poderosos para asegurar que os artistas da malla de rombos poidan seguir levando a maxia do circo a todos os recunchos do planeta. Baixo a mirada inocente e soñadora dun neno, O trapecista da malla de rombos rende homenaxe á utopía que se fixo realidade en Benposta, a cidade dos rapaces. Un proxecto nacido do compromiso e a ilusión, que pasou a formar parte da memoria colectiva de varias xeracións.”

Aquí pode verse unha entrevista ao autor en La Región.