Recomendamos: O país sen fronteiras. Trinta días a través do Senegal, de Xerardo AgraFoxo

O país sen fronteiras. Trinta días a través do Senegal, de Xerardo AgraFoxo, é unha obra publicada por Galaxia.

“Esta é a historia dunha viaxe a través do Senegal que durou os trinta días do mes de novembro do ano 2016.
Levando na mochila unhas cartas comprometedoras, o autor visita en primeiro lugar Dakar e Sainst-Louis, onde residira Antoine de Saint-Exupéry, o creador de O principiño, para despois internarse na cidade santa de Touba e comezar un periplo solitario pola sabana africana coa intención de coñecer o País Bassari, onde viven as tribos máis antigas de África Occidental, percorrer a conflitiva rexión de Casamanza e cruzar o río Gambia, antes de mergullarse nas augas de onde parten os caiucos cara a Europa. Cun caderno nas mans e camuflado en camionetas estrafalarias, Xerardo AgraFoxo percorre sen rumbo fixo un territorio do continente africano, un lugar ateigado de vitalidade, paisaxes abraiantes e problemas sen resolver.”

Recomendamos: Orfeo canta, de Roberto Abuín

Orfeo canta. Iniciación, signo & retorno, de Roberto Abuín, é unha obra publicada por Axóuxere Editora.

“Entre a literatura e o pensamento ábrense territorios que a racionalidade mitopoética explorou ao longo dos séculos. Un deses lugares é o mito do descensus ad inferos (descenso ao inferno) protagonizado por Orfeo e Eurídice. Roberto Abuín insírese nesa mesma dramática para investigar algo esencial: a forza conducente que a escura potencia do real manifesta na conformación do visible; e faino a través dunha arriscada proposta a medio camiño entre poesía, narrativa e filosofía que se interna por unha senda exótica e inhabitual na escrita contemporánea.
O autor rianxeiro explora a raíz esencial do orfismo, navegando entre a antiga cerna mitolóxica e unha apropiación subxectiva que fai do mito, encarnándoo na súa propia voz e usándoo para inserirse no impensado. En diálogo cos restos conceptuais do Zaratustra nietzschiano e coas temáticas presentes en O espazo literario de Maurice Blanchot (noite, poesía, morte, sacrificio, amor), o libro transcende a tese dicotómica do teórico da literatura Ihab Hassan arredor da literatura por vir, abrindo un eido para unha exploración na que nin o modernismo nin o posmodernismo establecen o seu reino teórico, senón no que habita a sinxeleza dun poder anómalo no que a escrita se funde co visionario, no que o pensar se une co narrar e no que o canto se enraíza na vida. Obra da xinea de escrituras como as de Pascal Quignard, Maria Gabriela Llansol ou Giorgio Manganelli, escasas na nosa literatura mais que apuntan, como sempre sucedeu, cara a un territorio descoñecido no que se anticipa esa transfiguración perpetua, entre un velarse e un desvelarse, na que se fai realidade o poema.
Podes ler un fragmento da obra aquí.”

Presentación de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, de Manuel Rivas, o 23 de outubro ás 20 h.

Imaxe

Este novo libro de Manuel Rivas contén tres historias que, ao xeito da serie negracriminal, retratan un tempo histórico onde se acrecenta o poder das mafias, da cobiza, do diñeiro sucio e da corrupción. Mais tamén son historias que nos mostran a condición humana situada no límite, relatadas desde a maxia literaria dunha escrita impactante, poderosa e directa. En «O medo dos ourizos», dous mozos mariñeiros, que subsisten en precario, atopan no mar un tesouro, fardos procedentes do narcotráfico, que pode facelos ricos ou custarlles a vida. En «Vivir sen permiso», Nemo Bandeira, un poderoso magnate que levantou o seu imperio por medios ilícitos, consegue borrar as pegadas do seu pasado criminal, mais vaise atopar cun inimigo íntimo, inesperado e invencíbel. En «Sagrado mar», un mozo presidiario, apaixonado pola lectura, ten que enfrontarse non só co sistema carcerario, senón tamén co dilema da obediencia ou desobediencia ante o dominio que exerce un capo no interior da cadea. «Vivir sen permiso e outras historias de Oeste» é un libro fascinante, de literatura na beira, na marxe do risco, que o autor define como literatura vagabunda ou estremeira. Alí onde a cuestión final non é tanto ter ou non ter poder senón ter ou non ter liberdade.

Recomendamos: Libro dos océanos, de Esther Gonstalla

Libro dos océanos, de Esther Gonstalla, é unha obra publicada por Catro Ventos Editora.

“Verteduras de petróleo, sobrepesca, illas de refugallos plásticos… Hai tempo que os nosos mares deixaron de ser fonte de saúde, alimento e benestar. Nas últimas décadas, a contaminación e o espolio dos océanos aumentaron de forma notable. Mais cal é o auténtico estado do meirande ecosistema da Terra? Malia levarmos vivindo dende sempre do mar e co mar, hoxe en día segue a ser un dos territorios máis descoñecidos do planeta. Esta falta de coñecemento podería converterse na ruína do océano e, en consecuencia, na ruína do ser humano.
Cun deseño atractivo e informativo, e textos ben documentados, co apoio científico da German Ocean Foundation, Esther Gonstalla crea neste libro un retrato detallado que nos permite comprender mellor as relacións que existen entre a actividade humana e os cambios que sofre o mar, un retrato que, alén de convidar á reflexión, se converte nun recurso para a acción.
Podes ver unha mostra do libro en ISUU ou en PDF.”

Recomendamos: Iridium, de Francisco Castro

Iridium, de Francisco Castro, é unha obra publicada por Editorial Galaxia.

Iridium é unha historia de amor. Ou é unha historia de discriminacións e inxustizas. Ou é unha historia sobre a amizade máis aló das dificultades. Ou é unha historia sobre unha raíña do Instagram e un malote moi malo.
Esta novela conta a historia de Iris, unha rapaza que cursa primeiro de bacharelato e que, coma tantas e tantos do seu tempo, quere vivir a vida con intensidade. Pero Iris ten, ademais, unha discapacidade froito dun accidente de tráfico que lle deixa secuelas importantes. É unha raíña do Instagram, onde ten milleiros de seguidores en todo o mundo. Seareiros que ignoran o que lle pasa e que se o soubesen igual non a quererían tanto. É, pois, unha novela de denuncia da hipocrisía de moitos “normais” que desprezan a todas e a todos os que son diferentes.
Mais, sobre todo, Iridium conta unha historia de amor.
Porque todas e todos, independentemente do que nos suceda, sentimos igual.
E Iris sente, e goza, e chora, e ri, e sofre coma calquera.”

Presentación de Certezas alumeadas, de Luís Seoane, o 4 de outubro, ás 20 h.

O 4 de outubro, ás 20:00 horas, presentaremos o libro Certezas alumeadas, de Luís Seoane, publicado por Figurandorecuerdos Edicións, coa presenza de Xurxo Souto.
O libro contén ilustracións de Luís Seoane, Víctor Vázquez Collazo, Uxío López, Simón Fusté, Alfonso Caparrós, Calros Silvar, Baldo Ramos, Xosé Vizoso, Fernando Arenaz, Omar Kessel, Carlos Lorenzo, elerre, Séchu Sende e fillas, Troubs, Caxigueiro, Deside, Edmond Baudoin, e introdución de Isidro Novo. De maneira festiva e participativa, debuxando, lendo, falando, lembraremos a Luís Seoane e Maruxa Fernández.

Recomendamos: O home de negro, de An Alfaya

O home de negro, de An Alfaya, obra gañadora do Premio de Novela Xosé Neira Vilas en 2017, está publicada en Edicións Embora.

O home de negro proponnos unha trama singular, a dunha escritora que comeza a relatar “a historia dun home que un día espertou dun estraño soño onde el era o único habitante dun espazo branco” e que, a partir dese momento, vai converterse nun ente autónomo que dirixe o seu propio destino e mesmo interactúa coa súa creadora.
A grande imaxinación despregada por An Alfaya nesta obra así como as implicaturas filosóficas que encerra o seu relato fan desta novela un texto que debe interpretarse cunha mirada aberta, que nace con vocación de chegar a un abano amplo do lectorado.”