Recomendamos: nós-dentro, de Eduardo Estévez

nós-dentro, de Eduardo Estévez, é un libro publicado por Galaxia.

“Poemario que explora os elementos do cotián.
Os itinerarios de dentro constrúense coas mudanzas da luz, as rutinas dos habitantes e as interferencias que traen os libros. Porque as lecturas producen na voz poética reflexións sobre o cotián e os poemas dialogan cos autores que le e aos que convida a participar da vida da casa. Tamén é unha celebración da amizade: personas reais cos seus nome aparecen unha e outra vez nos poemas creando unha ficción con elementos da realidade.”

Presentación de Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, o 22 de novembro ás 20 h.

Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, conseguiu o Premio Xerais de Novela en 2018.
A obra relata, con grande orixinalidade, unha historia inspirada na figura e no mito de Blanco Romasanta desde unha visión que propugna unha revisión de xénero. Disposta como un conxunto fluído de microunidades narrativas, na novela conviven os rexistros culto e coloquial para vencellar as voces partícipes da historia e da creación do mito nacido arredor da persoa que foi considerada a primeira asasina en serie da nosa historia. A obra supón unha proposta transgresora e fragmentaria que se caracteriza por esa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros para abordar o tema da licantropía desde unha perspectiva de xénero. Narrada desde unha linguaxe poética, ao longo das páxinas desta excelente novela, salienta unha atmosfera de desacougo e angustia para abordar o tratamento dun personaxe que bebe das fontes cultas, mitolóxicas e populares galegas para reavivar a figura do lobo e a súa convivencia co ser humano.”

Presentación de Las islas Sisargas en 1948. Dos visitas ornitológicas, de Francisco Bernis, o 20 de novembro ás 20 h.

Las islas Sisargas en 1948. Dos visitas ornitológicas, de Francisco Bernis, é un libro publicado por Edicións Embora.
“Setenta anos despois das visitas do ornitólogo Francisco Bernis ás Sisargas en 1948, rescátanse aquí os dous artigos que con ese motivo publicou no Boletín da Real Sociedad Española de Historia Natural. Mistura literaria perfecta de historia natural, etnografía e observacións persoais, ambos textos revelan canto impresionaron as Sisargas ao rapaz que, co tempo, converteríase na figura clave da ornitoloxía española.”

Recomendamos: Don Pepe, de Moncho Iglesias Míguez

Don Pepe, de Moncho Iglesias Míguez, é un libro publicado por Edicións do Peirao.

“A novela navega no mundo da emigración, onde os soños chegan a mesturarse co devecer pola vida dunha lingua e dunha cultura propia, a galega. Nesa viaxe morriñenta atópanse contos dentro dos contos, narracións que entrelazan ficción e realidade, e mundos que conviven. Don Pepe merece lecturas a cachos ou dun tirón, porque combina estilos nas súas páxinas e porque xoga coas palabras como quen viaxa con elas. É, en definitiva, un álbum de imaxes feitas con palabras que convida a navegalas.
Don Pepe é unha obra pendurada no aire, referente puro diso que veñen a chamar a narración abismada, onde cada conto garda un novo no seu interior; de xeito que a estructura flúe sinuosa coma un río de camiño ao seu fin, que non e outro que o mar…
Unha novela que, ademais, foi finalista no Certame de Novela Do Peirao.
Pepe, mexicano por máis de sesenta anos, era un lector voraz de poesía galega. Atopábaa pueril, ignorante, aburrida e, por riba de todo, artificial. Con todo, non era quen de se deitar sen recitar algún verso deses poemas que non xulgaba separados dos seus poetas: xente nova de mans grandes e pel ennegrecida, mulleres abandonadas polas ocupacións dos maridos e a miseria da terra, nenos de escola, libre pensadores fracasados, ou pervertidos con sorte. Estaba seguro de que endexamais serían bos escritores e negábase a envexalos, malia lelos e estudalos dun xeito enfermizo.
Esta é a trama da novela, na que o seu personaxe principal, Pepiño, describe as lembranzas da súa Boborás natal, e a súa querenza pola súa lingua e a súa cultura, que levan a que queira ser escritor e novelar, versar e contar.”

Concerto-presentación do primeiro libro-CD de Faneca e Longueirón

O sábado 17 de novembro, ás 12:00 horas, terá lugar o concerto e presentación de Faneca e Longueirón, libro-CD de música en galego pra nenos e nenas, con Xavi Longueirón e Brais (aínda que nesta presentación só poderá estar Longueirón).

Os señores pelícanos e as donas ocas preguntan onde se poden facer cun exemplar de Faneca e Longueirón. Porquiñas e vacas astronautas tamén.
– Canto me gusta este mundo…- pensan as ameixas viaxeiras. – Os mundos están cheos de soños e as noites cheas de mundos…

Recomendamos: A Torre, de Antonio Sandoval

A Torre, de Antonio Sandoval, é un libro publicado por Kalandraka Editora.

“Sensacións, descricións da natureza, relatos míticos e históricos, reflexións sobre como mudar o xeito de relacionarnos co medio que nos rodea. Lecturas ao Natural cunha protagonista: a Torre de Hércules.”
Aquí pode lerse un fragmento da obra.

Recomendamos: A noite das bicicletas, de Teresa González Costa

A noite das bicicletas, de Teresa González Costa, con ilustracións de Jacobo Fernández Serrano, é unha obra publicada por Xerais.

“Raymond era un apaixonado da bicicleta e experto na apertura de todo tipo de cadeados. Membro dunha familia de saltimbanquis, a súa ilusión era participar nunha gran carreira ciclista, razón pola que era capaz de pedalear todo o día sobre “Vancouver”, a súa bicicleta azul e vermella. Cando chegou á nova vila amigou axiña con Elías Brimarán, que traballaba no estaleiro familiar e a quen todos os deportes ao aire libre lle encantaban. Xaora, os dous amigos quedarán abraiados ao veren como Valentina aprendera tan rápido a andar e facer acrobacias sobre a súa “Celífera”, progresando sobre a bicicleta a unha velocidade que ninguén imaxinara nunca. Precuela de A filla do ladrón de bicicletas, Premio Merlín de Literatura Infantil 2010, esta novela consolida un mundo asombroso de fantasía, cheo de humor e tenrura.