Recomendamos: Diario sen datas dunha aborixe galega, de Diana Varela Puñal

Diario sen datas dunha aborixe galega, de Diana Varela Puñal, é unha obra publicada por Edicións Laiovento.

“A modo de diario, desde unha perspectiva vivencial, sen ningún tipo de aspiración pretenciosa, abordo os temas que máis me preocupan.
O concepto de identidade, a poesía e a ética son os tres eixos sobre os que xiran estes textos, con distintas manifestacións dentro de cada unha das materias.
No que atinxe á identidade, reflexiono sobre a galeguidade e a noción de nacionalismo desde un punto de vista ontolóxico, baseándome nas propias experiencias.
Da ética, trato cuestións relacionadas coa educación na violencia, no culto ó feo e no inmediato, alicerces que fomentan a deturpación da paisaxe, a concepción do amor en parella ou polos nosos maiores, abandonados como electrodomésticos inservibles.
Asemade reflexiono sobre o acaparamento de ideas nobres (o ben e o mal, o xusto e o inxusto, o lícito ou o prohibido) pola relixión e polos gobernos de calquera signo.
Por último, a poesía, representación total da ética e da dignidade. Unha forma de coñecemento profundo. Como dixo Pessoa: comprender sentindo moito.”

Aquí pode lerse un fragmento deste libro.

Recomendamos: Formig4s. Misión Camiño de Santiago, de Pere Tobaruela

Formig4s. Misión Camiño de Santiago, de Pere Tobaruela, con ilustracións de Andrés Meixide, é unha obra publicada por Xerais.

“FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 e FORM4IL son os catro integrantes dos FORMIG4S, unha brigada especial que vai ata calquera recuncho do mundo para esclarecer os casos máis enigmáticos e complicados. En Misión Camiño de Santiago os FORMIG4S investigan o estraño roubo dos restos do apóstolo Santiago. E para chegar ao fondo do asunto, han facer unha peculiar peregrinación no tempo: viaxarán polo camiño que, segundo conta a lenda, os discípulos do apóstolo percorreron para levar o corpo petrificado do seu mestre ata Compostela.”

Recomendamos: Feliz Idade, de Olga Novo

Feliz Idade, de Olga Novo, é unha obra publicada por Faktoría K, de Kalandraka Editora.

“Versos dun presente puro e esperanzado que tenden pontes interxeracionais, entre pasado e futuro. Neta, filla e nai recreando -con lume libertario- un mundo rural, telúrico e ancorado na patria.”

Pode lerse aquí a recensión de Lecturafilia.
Nesta ligazón pode accederse a varios textos da obra.

Recomendamos: Animais de estimação e bestas de companhia, de Rebeca Baceiredo

Animais de estimação e bestas de companhia, de Rebeca Baceiredo, é un ensaio filosófico publicado por Através Editora.

Animais de estimação e bestas de companhia é um livro em que a autora explora duma óptica filosófica a nossa relação com outras espécies e estuda a alteridade e a relação dos humanos com um Outro animal. Como se constrói a subjetividade com respeito ao Outro, o arriscado de falar por boca do Outro e a possibilidade da sua mercantilização são temas que aparecem neste ensaio. Rebeca Baceiredo faz um estudo desse outro animal que estamos se(gui)ndo.”

Presentación de Guías caninos, de Bieito Iglesias, o 9 de maio ás 20 h.

Bieito Iglesias presenta na Coruña a súa novela policial.
Guías caninos narra con moita retranca os feminicidios ocorridos nos últimos anos en Ourense.
Guías caninos é unha novela de xénero policial mais escrita con moita retranca. O humor é unha das constantes da narrativa de Bieito Iglesias e sérvelle ao escritor para falar do mundo no que vivimos sen poñerse demasiado tráxico.
En Guías caninos o protagonista é un policía, Benito Marañao, que recibe a encarga de investigar unha serie de feminicidios que están sucedendo na cidade de Ourense. Para intentar averiguar que pasa, o protagonista irase mergullando na vida diaria dunha cidade na que aparentemente non pasa nada mais que agocha moitos segredos.
Esta novela, que conta con ilustracións de Xulio Gayoso, está entre as obras finalistas á mellor obra narrativa na Gala do Libro Galego 2019.
Na presentación da Coruña estará acompañado de César Lorenzo Gil, director de Aira editorial, co que manterá unha conversa literaria.