En efecto bolboreta, de Ana Pillado Vega, é unha obra publicada por Edicións Fervenza.
“Véspera do Maios. Culminou a metamorfose.
A Gran Irmandade Lepidóptera, conformada por bolboretas e avelaíñas, inicia a revolución insecta, disposta a espallar o preciso cambio nas conciencias a prol de salvagardar o medioambiente. Iránse sumando á causa as reirei republicanas, as skornagirls (vacalouras lindas a rabiar), a Rede Arácnida Galega…
Na Cova das Sabias Céltigas, situada nas raíces pétreas do faro de Briga, celébrase unha Asemblea Extraordinaria. Milagreiras meigas e salgadas sereas, druidesas dos bosques e damas brancas dos castros, mouras de beleza dourada e falangueiras fadas chegan por terra, mar e aire. Canta o carro da Raíña Lupa baixo a lúa espectral da serpe.”
Arquivo por meses: Xuño 2019
Recomendamos: Números vermellos, de Ana Fontenla
Números vermellos, de Ana Fontenla, é unha obra publicada pola Editorial Galaxia.
“Este é o debut literario de Ana Fontenla, un montón de relatos, textos, poemas, monólogos, diálogos, excursións lingüísticas… para abordar unha vida en permanentes números vermellos. Mais non estamos a falar, só, de economía, que tamén, senón de todas as anemias que trae consigo a precariedade, a incerteza, a dúbida, as leas da vida moderna para alguén que quere abrirse camiño no traballo, no amor, na procura da propia identidade feminina.
A través dunha narradora que se converte en protagonista retrátase unha sociedade, a nosa, fragmentada, difícil, moitas veces desesperanzada, sobre todo para a xente máis nova. Un libro cheo de triplos saltos mortais dunha escritora que nos interpela e pregunta con canonazos enviados directamente á liña de flotación das nosas conciencias.
E con moito humor. Que non falte.
Xa que estamos en números vermellos.”
Pode lerse a crítica feita por Ramón Nicolás aquí.
Recomendamos: Óstraka, de Luís Valle
Óstraka, de Luís Valle, é unha obra publicada pola Editorial Galaxia.
“Aborda o esquecemento dunha parte das palabras e dos contextos vitais do eu poético.
Nestes versos constrúese e noméase a desmemoria e todo aquilo que, aos poucos, vai caendo na insignificancia. Cunha escrita fragmentaria, precaria e marxinal, coma os fragmentos cerámicos nos que se rexistraba o nome dos condenados ao ostracismo, o poeta reflexiona sobre a vida, a linguaxe e o finito de existencia.”
Na revista Tr3s Reinos poden lerse dous poemas desta obra, aquí.
Recomendamos: Infamia, de Ledicia Costas
Infamia, de Ledicia Costas, é unha obra publicada por Edicións Xerais.
“Emma Cruz é avogada e profesora de Dereito Penal. Trasládase a Merlo para impartir clases na Universidade, sen saber que ese lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada coincide co 25 aniversario da desaparición das irmás Giraud, dúas nenas ás que semella que tragou a terra. Emma axiña descubrirá que os habitantes de Merlo gardan segredos inconfesables, algúns deles imposibles de dixerir. Que foi das irmás Giraud? Están mortas? Se é así, quen as asasinou? Onde están agochados os seus corpos? Infamia é un thriller psicolóxico onde nada é o que parece. Unha novela de ritmo vibrante que agarra o lector e o conduce aos sumidoiros da condición humana. Unha historia de amor, odio e loucura. Fiel á súa escrita, Ledicia Costas é quen de explorar o máis recóndito da alma humana ofrecéndonos unha novela poderosa e adictiva.”
Recomendamos: Revolución Detrito, de Xosé de Cea
Revolución Detrito, de Xosé de Cea, é unha obra publicada por Edicións Xerais. Finalista do XII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.
“Ticho é un neno de once anos que malvive nunha chabola xunto co seu pai eivado e a súa irmá Area. El traballa de sol a sol nunha mina de carbón e a irmá fai outro tanto nun vertedoiro de lixo. É a única saída que teñen para sobrevivir na República de Ocidia, un país gobernado con man de ferro por un ditador tan extravagante como sanguinario. A vida de Ticho estará marcada por ese traballo inhumano para un rapaz, pola ausencia da nai e por buscar na fantasía a válvula de escape a unha realidade tan atroz. Podería ter sido a biografía cotiá de millóns de nenos e nenas en todo o mundo, pero Ticho cruzarase cun trasno na mina onde traballa e ese feito revolucionará a súa existencia e a da súa xente. E non, isto non é un conto marabilloso.”