Recomendamos: A herba de namorar, de María do Cebreiro

A herba de namorar, de María do Cebreiro, é un poemario publicado pola Editorial Galaxia.

“Vinte anos de poesía non son poucos. A herba de namorar condensa en cincuenta poemas a produción de María do Cebreiro dende a aparición de O estadio do espello en 1998 ata o recente Soños. Arquivos. Cartas (2018).
Neste volume —onde tamén atopamos poemas inéditos— acompañamos
o caudal e os meandros dunha das voces máis singulares e recoñecidas da poesía do novo século.
A herba de namorar é un libro vello e novo ao mesmo tempo, un libro resultado de antologar, en palabras da autora, “aqueles poemas que salvaría se só puidese escoller eses”.”

Aquí pode escoitarse unha entrevista á autora sobre este seu novo libro no Diario Cultural.

Recomendamos: Partituras, de Xoán Carlos Domínguez Alberte e Mercedes Queixas

Partituras, de Xoán Carlos Domínguez Alberte e Mercedes Queixas é un poemario conxunto publicado por Laiovento.

“Este libro contén un exercicio literario pouco frecuentado na literatura galega. A creación a dúas voces, entre senllos poetas, consciente e decidida dende un comezo. Unha escritura poética que, coma os latexos da vida, se foi construíndo devagar mais de forma incesante. De xeito que cada poema interpela e dialoga co seu próximo.
O joc partit das vellas cantigas medievais cobra vida auténtica e dobra e expande o potencial da voz poética. Os textos entrelázanse, nunha estrutura cambiante e (ir)reversíbel.
A partir da sensibilidade individual –de creadora e creador, neste caso– os versos asumen a condición dun todo único e plural. O que fai que, pola súa vez, isto constitúa un marabilloso exercicio de reinterpretación, á vez singular e colectiva, da existencia.”

Pode lerse un fragmento da obra aquí.

Recomendamos: As fauces feroces, de Emma Pedreira

As fauces feroces, de Emma Pedreira, é unha novela publicada por Baía Edicións.

“Todo é cuestión de posicións. E de preposicións. Ela escribe contra a súa nai, entre a culpa e a vitimización e Elsa faino sobre a súa relación con alguén que pasou fugaz mais deixou ruínas ao seu paso. Benedetta próstrase ante Bartolomea e esta acouga canda o corpo da monxa compañeira. A través dos séculos que as afastan, as catro mulleres –e unhas quinta e sexta que se intúen–, compoñen un tapiz reflexivo sobre a maternidade, a sexualidade, a diversidade nos afectos e o libre albedrío. Unha composición feroz e íntima, desde o interior de catro mulleres que falan entre elas e sobre elas como o farían consigo mesmas, para procurarse.
Entre a ficción e a realidade histórica, As fauces feroces enlaza unha reflexión actual sobre a relación nai-filla co histórico proceso á monxa italiana Benedetta Carlini durante a Contrarreforma.”

Recomendamos: Na defensa dos animais, de Óscar Horta

Na defensa dos animais, de Óscar Horta, é un ensaio publicado por Axóuxere Editora.

“Interesante ensaio que nos confronta cunha cuestión fulcral: dar pleno respecto só aos seres humanos é unha forma de especismo, nome aplicado á discriminación –análoga a outras coma o sexismo ou o racismo– dirixida cara a quen non pertence a unha certa especie. De resultas do especismo, billóns de animais son explotados e matados de xeitos horrendos. A través dunha intelixente concatenación de argumentacións éticas, exploradas nas súas variadas formas e modos, este libro convídanos a mudar esa situación, póndonos do lado daqueles que non tiveron a sorte de naceren humanos, e dando o paso que precisan, a prol da súa defensa.”

Aquí pode lerse un fragmento da obra.

Recomendamos: Dragal V. O segredo do dragón, de Elena Gallego Abad

Dragal V. O segredo do dragón, de Elena Gallego Abad, é unha obra publicada por Xerais.

“Nalgún lugar da costa galega os dragalianos exploran os seus poderes. Híbridos entre humanos e dragóns, invisibles ao ollo humano durante milenios, poderán eludir a tecnoloxía do século XXI? Mentres o cabaleiro alquimista ensaia a fórmula que garantirá a supervivencia da estirpe, as damas da Fraternidade alíanse para protexer a xestación dunha nova criatura. Pero os inimigos do dragón non descansan: o achado dun pergamiño que desvela a existencia das catacumbas pode supor o desastre. Que sabían os trobadores do tesouro de Dragal? Intensa, sorprendente, máxica, adictiva… Dragal V explora os límites entre realidade e ficción científica para satisfacer os fans máis esixentes do universo dragaliano e conquistar novos lectores. «Só quen se mergulle no sangue da lúa descubrirá o segredo do dragón.»”