Recomendamos: Carrusel, de Berta Dávila

Carrusel, de Berta Dávila, Premio Manuel García Barros en 2019, é unha obra publicada por Galaxia.

“Unha escritora que atravesa unha crise creativa decide elaborar un relato do seu percurso vital coa intención de encontrarlle sentido a un pasado difícil, marcado pola doenza mental que padece. Enfrontar as propias pantasmas nun libro lévaa a mergullarse no pouso íntimo das vivencias que o tempo deixou atrás e nas afinidades ignotas e inusitadas que elaboran as lembranzas da súa historia familiar e persoal. Só así será quen de afondar na súa condición de enferma, na súa relación co imprevisible tío Carlos, que sofre a mesma doenza, e tamén na súa experiencia coa maternidade e coa perda de seres queridos. É posible que iso a axude a dar significado ao pasado e a entender o futuro, mais ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe para intentar salvarse.”

Recomendamos: Os corpos invisibles, de Emma Pedreira

Os corpos invisibles, de Emma Pedreira, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil en 2019, é unha obra publicada por Edicións Xerais.

“L. C. é unha rapaza de quince anos que traballa desde os oito nunha fábrica téxtil de Londres en plena Revolución Industrial, onde as nenas escravas son parte da produción en cadea. A vida de L. C. dá un xiro cando cae nas súas mans unha carta escrita por Prometea Stoner, unha muller de familia acomodada propietaria dunha cadeira de rodas motorizada, unha saúde fráxil, toda unha lenda sobre as costas e unha vontade de ferro. As súas vidas non poden ser máis diferentes, pero ambas as dúas buscan a liberdade, a existencia e o recoñecemento que a sociedade lles negaba a elas e a todas as súas compañeiras.”

Recomendamos: A morte de Galicia, de Isidro Dubert (editor)

A morte de Galicia, coordinada por Isidro Dubert, é unha obra publicada por Edicións Xerais.

“A obsesión que o groso das elites sociais, políticas e culturais amosan dende hai máis dunha década polo suposto «inverno demográfico» que asola Galicia, coincide no tempo co inicio da quinta vaga emigratoria que sacode o país ao longo da súa historia. É a primeira da democracia, pasados trinta anos da ocorrida en 1950-1975, despois do gasto de cuantiosas axudas europeas destinadas dende 1986 a crear emprego, e afecta xa a máis de 380.000 mozos e mozas, un de cada dous con estudos medios ou superiores. A resposta das autoridades galegas a esta importante perda de capital humano e do seu potencial demográfico consistiu na difusión social do natalismo. Unha ideoloxía caracterizada por agochar a emigración e culpar os vellos e as mulleres da pronta «morte de Galicia». Fronte a isto, este libro é un exercicio de «historia crítica» que contrasta o pasado e o presente, o que foi e o que se nos di que é, e será, Galicia. O resultado amosa a enorme capacidade que a vellez e a emigración supuxeron para vertebrar a nosa historia, e xa que logo, para configurar o presente que estamos a vivir. Un presente que, coma o noso futuro, nada ten que ver con esa «morte de Galicia» predicada polos partidarios do natalismo.”

Recomendamos: Antologia da poesia em galego, de Ricardo Carvalho Calero

Antologia da poesia em galego, de Ricardo Carvalho Calero, é unha antoloxía elaborada por Paulo Fernández Mirás, publicada por Através Editora.

“A escolha dos textos recolhidos nesta antologia tenciona não somente mostrar as excelentes qualidades e capacidades do poeta como versificador ou criador mas também achegar fragmentos da sua vida feitos poesia, essa parte biográfica que contém a sua obra e que não figura apenas na narrativa, como Scórpio, para além de outros poemas que destacam pela sua qualidade.”