“Agosto explora o lugar da perda. O poema sostense precisamente no salto entre a memoria e a actualización da esgazadura. Non hai lugar para a trampa nin para o artificio literario. Unha escrita desprovista de todo o superfluo que se inscribe na contención. Agosto abre unha fenda no espazo.”
“A Borrazás gústalle pensar que o autor deste libro é el, cando menos unha sorte de primus inter pares nunha táboa redonda na que sentan desde Epicuro a Andy Warhol pasando por Oscar Wilde, Pasolini e Josep Pla, entre moitos outros. Se na cuberta o único nome é o seu, débese a custións de espazo. Pola súa banda, é a economía do tempo a que artella e determina o percorrido das reflexións irónicas, os paradoxos elucidatorios e as certezas imperfectas anotadas desde 1998 a 2018. O libro segue un percurso: o da relación entre quen escribe -e cre que pensa- e o mundo, esa existencia estraña que o escritor ten diante e á que custa manterlle o paso, e o pulso, un mundo que o autor confronta unhas veces con delectación, outras con perplexidade, algunhas con xenreira. As máis, co humor dun desenganado a quen non lle falta achego polo que observa e como homenaxe ás posibilidades que xorden de combinar a razón e a imaxinación nun molde literario. Laiábase Talleyrand de que non dispuxera de tempo abondo para ser breve. O autor desta Vida feita anacos tívoo, velaquí vinte anos estrullados, dixeridos e deitados no papel, que a bo seguro han ter continuidade porque, mentres haxa abraio, haberá literatura.”
Ven al Luna Park, de Jako el Muzikante, é unha proposta musical de Xurxo Fernandes, que temos á venda na nosa libraría.
“Constantinopla, 1902. Nun café aman, gregos, turcos, armenios e sefardís descendentes dos xudeus expulsos de España en 1492 reúnense clandestinamente para cantar. Entoan nun estilo oriental cancións de amor, humorísticas e outras que falan sobre a súa realidade política e social. Jako el Musikante, Jako o buscavidas, malvive cantando en vodas e en festas de bar mitzvah, ao tempo que sisa o que pode aos seus compracidos e, moitas veces, embriagados clientes.
Pouco despois, o Imperio Otomán cae e Grecia, Turquía e Armenia adoptan estas músicas e adáptanas dentro das súas novas fronteiras. Mais as melodías sefardís caen no esquecemento pola complicada situación que os seus intérpretes padecen.
Nos inicios do século XXI, Xurxo Fernandes embárcase nun traballo de procura e investigación en Turquía e Israel, que o vai levar a recoller o repertorio destas cancións de café aman, e presentar Jako el Muzikante, un proxecto madurado durante varios anos de recolla, que nos fai sentir a sonoridade sefardí interpretada na súa lingua orixinal, ladino ou djudeo-espanyol.”
“Mario, un condutor, e Raimundo Martín, un ancián nada corrente, coinciden nunha ambulancia. Sen que ningún dos dous o pretenda, quedan unidos por un vencello inexplicable, coma se compartisen inconscientemente a solución dun enigma.
Ese vínculo descoñecido vainos levar a facer unha viaxe, a derradeira viaxe de Raimundo. A vida de ambos vaise despregar conforme o coche percorre quilómetros. O tempo estenderase polo espazo coma quen desenrola unha alfombra na que os debuxos parecen estar dispostos seguindo a orde do azar. O viaxeiro perfecto amosa non como son as cousas en realidade senón como son realmente as cousas, tendo en conta que, as máis das veces, coma nas aventuras de ficción, a vida é accidentada e está dominada polas circunstancias. Cunha prosa ateigada de revelacións e faíscas inesperadas, da que o humor tamén forma parte, o autor de O imposible de desatar (Premio Blanco Amor 2010) crea dous personaxes inesquecibles, na xinea de James Boswell e o Dr. Johnson, para introducirnos no que é unha insólita novela de viaxes.”