Recomendamos: Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra, de Henrique Rabuñal

Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra, de Henrique Rabuñal, é unha obra publicada por Galaxia.

“Da maneira que na novela Scórpio diversos narradores constrúen a biografía do protagonista, así neste libro diferentes narradores iluminan o conxunto da obra literaria, lingüística ou filolóxica de Carvalho Calero e as sucesivas etapas biográficas.
Os anos infantís en Ferrol, a vida universitaria e política xa na compaña de María Ignacia Ramos Díez, a guerra e o presidio, a dura posguerra e a fértil xeira de Fingoi, o seu labor académico, a súa entrega a Galaxia e o período da docencia universitaria. Tamén o ciclo vizoso como profesor xubilado e a incesante presenza e reivindicación de Ricardo desde o seu pasamento até os nosos días.
Escritor precoz e total durante seis décadas, entregado militante do nacionalismo republicano, intelectual brillante e libre sempre entregado á nosa cultura, Carvalho Calero ocupa un dos lugares máis sobranceiros na historia galega do século XX. Podemos afirmar del o que el dicía de Otero Pedrayo. Contra Carvalho Calero non se pode construír o noso país.”

Recomendamos: Fábula das aves, de Manuel Forcadela

Fábula das aves, de Manuel Forcadela, é o novo poemario do autor, publicado por Laiovento.

“Lingua morta, lingua estranxeira a dos filósofos e poetas, tal como lemos na cita de Agamben que encabeza a Fábula das aves. Viva e próxima, porén, a voz do vitalista escéptico Manuel Forcadela, sempre entregado á luz do paradoxo, ao fulgor da dúbida. Os seus poemas interpretan con estilo moi natural os seus propios acenos e movementos e os diversos rexistros do pensamento e das emocións. Os ámbitos da evocación nostálxica, o pracer de certa sensorialidade decadente, a música antiga do alexandrino pautado en rigurosa distribución de pés métricos, o diálogo entre acentos coloquiais e reflexión trascendente, alén doutras constantes da súa poética, tensan como nunca os seus instrumentos de precisión no relato desta Fábula das aves, que é a fábula da vida de Manuel Forcadela.
A vida, “esa mestura / da forza da vontade / e do poder do azar” constitúe a materia central da Fábula das aves, cuxo magnífico voo discursivo se resolve ás veces en formato de sátira. Así nos momentos en que o autor escolle a voz desmitificadora da poesía de mocidade, a dos autores de “poemas por sempre inesquecibles / que xa ninguén recorda”. Manuel Forcadela, sabio en artes de paixón escéptica, é consciente, porén, do permanente efecto transformador do poema, cuxo sentido simbólico “non substitúe o real senón que o incrementa”, tal como se verifica na lectura da Fábula das aves, alta música de pensamento e linguaxe.”
(Xosé María Álvarez Cáccamo)”

Recomendamos: Mulleres que (nos) dan que pensar, de África López Souto

Mulleres que (nos) dan que pensar, de África López Souto, é un ensaio publicado por Galaxia.

“Por fortuna, ao longo das últimas décadas vanse destapando nomes femininos nos que fixar a mirada e sobre os que resta moito por escudriñar.
Cómpre sacar á luz mulleres que foron agochadas, esquecidas, banalizadas. Pararnos a pensar con elas e sobre elas. Aprender das máis coñecidas, pero sobre todo das moitas próximas. Coñecer que existiu unha oceanógrafa como Ángeles Alvariño, a primeira almiranta, Sabela Barreto; a primeira farmacéutica galega, Manela Barreiro, as primeiras universitarias. A enumeración é longuísima e aínda será máis. Ampliala é unha forma de construír sororidade, de dar pasos sen ter que ser sempre pioneiras. Tamén seguidoras, seguidores. De moitas desas mulleres, fala este libro.”

Recomendamos: Veleno en familia, de Rocío Leira

Veleno en familia, de Rocío Leira, finalista do I Premio de Novela Vilar Ponte en 2018, é unha novela publicada por Baía Edicións.

“O relato de Leira Castro é, segundo o xurado, “unha radiografía da sociedade galega actual” con “dinamismo narrativo e polifonía de voces”, que realiza “unha excelente recompilación de fraseoloxía de linguaxe popular” e que contén “unha análise da situación específica das mulleres”.
Un ingreso hospitalario fai saltar polos aires un triángulo familiar no que nada é o que parece.
Unha muller trastornada. Unha muller apoucada. Unha muller de armas tomar.
Unha trama intrigante na que todas son vítimas e verdugas.
O crime perfecto nunha familia imperfecta.”