Recomendamos: Ola! Son un bicho bóla!, de Elvira Ribeiro

Ola! Son un bicho bóla!, de Elvira Ribeiro, e ilustracións de Noelia González Caamaño, publicado por Apiario.

“É un libro para prelector*s e primeir*s lector*s, para explorar a soas ou ler xunt*s. Un libro para rir e descubrir as habilidades dos bichos bóla que viven ao redor do mundo.
Por que ler?
– Porque Elvira Ribeiro e Noe Caamaño conseguen total complicidade entre texto e ilustración.
– Porque os bichos bóla non teñen comezo nin fin.
– Porque a diversión neste caso vai da man da unión e do colectivo.
– Porque nestas páxinas a comunidade constrúese dende a diversidade.”

Recomendamos: A póla branca, de Xavier Seoane

A póla branca, de Xavier Seoane, é unha obra publicada por Xerais.

A póla branca, que se inicia cun espléndido limiar sobre os haikus e a súa tradición, trasládanos á capacidade creativa de Xavier Seoane ante ese xénero e ofrécenos versos enormemente actuais, sintéticos, moi ocorrentes, persoais, capaces de abraiar. En palabras de Juan Martínez-Casanueva Viqueira, son haikus «máis preocupados por captar a impresión do momento, por atender a voz da natureza, por deixarse levar pola admiración ante todo acontecer que por dar cumprimento á formalidade do canon estrófico. Están entre o sentimento panteísta e o asombro cósmico, onde tamén hai sitio para a experiencia cotiá, o urbano, o pop».”

Recomendamos: Irmandiñas, de Aurora Marco

Irmandiñas, de Aurora Marco, é unha obra publicada por Laiovento.

“Malia os tímidos avances que se produciron nas primeiras décadas do século XX, non foi nada doado para as mulleres a incorporación aos espazos públicos. As irmandiñas non foron unha excepción e a súa proxección pública foi abondo limitada se a comparamos coa dos compañeiros, mais o seu compromiso e actividades non foron en absoluto irrelevantes. Quer no activismo inicial tras o nacemento das Irmandades, quer nos coros e agrupacións teatrais, na actividade intelectual no Seminario de Estudos Galegos, no desenvolvemento editorial galego, na actividade política, no espallamento do ideal galeguista e republicano, na defensa da lingua, na escrita… Alí estaban as mulleres galegas cuxas traxectorias se recollen neste libro, para tentar cubrir un inxusto baleiro.
A través dunha pescuda perseverante en hemerotecas, arquivos, fundacións, a través de fontes orais, a autora de Irmandiñas confirmou documentalmente que na acción social, cultural e política, tamén estaban elas, mais ese mantelo tan opaco que as cubriu e que apenas deixou pasar unha raiola de luz sobre as súas vidas e accións, foinas envolvendo até a actualidade. Todas as que figuran no libro desenvolveron a súa actividade no período 1916-1936 e pódense encadrar dentro das entidades, asociacións, grupos ou organizacións que encabezan cada capítulo. Mulleres que deixaron a leira decruada e a semente botada. É tempo de recolleita.”
Poden lerse nesta ligazón o limiar e o índice da obra.

Recomendamos: Distancias, de Tamara Andrés e Marcos Viso

Distancias, de Tamara Andrés e Marcos Viso, é unha obra publicada por Galaxia.

Distancias é un artefacto poético concibido por Tamara Andrés e Marcos Viso, un álbum ilustrado sen fronteiras nin idades, unha pregunta constante, un deixarse levar.
Despois do sobre viaxeiro Bicos, laranxas e un feixe de pensamentos, Distancias é o segundo froito de Cartas ás 12, un proxecto que os dous creadores idearon para experimentar, para asombrarse, para establecer un diálogo sen xerarquías entre texto e ilustración, para amosar a literatura como unha arte en acción.”

Recomendamos: Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, de Rosa Aneiros

Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, de Rosa Aneiros, obra gañadora do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade de 2018, está publicada por Xerais.

“Edelmira odia dúas cousas por riba de todo: a nata do leite e o seu nome. A primeira consegue eliminala cun coador vello, pero da segunda non hai maneira de librarse. Chámanlle así polo avó Edelmiro, e el tampouco lle gusta nada porque é un verdadeiro túzaro. Por iso, cando o seu pai lle anuncia que pasará o verán co avó en Marabilia, Edelmira non pode crelo. Van ser uns meses terribles! Mais todo muda na aburrida aldea coa chegada de dous nenos, André e Daniel, cos que inicia arriscadas expedicións na procura de corsarios choscos, frotas de flamengos e gatos con cola de dinosauro. Ata que algo aparece inesperadamente no mar para mergullalos nunha extraordinaria aventura que os converterá en afoutos bichicomas.”