Recomendamos: Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga

Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga, Premio Blanco Amor de novela en 2019, é un libro publicado por Galaxia.

“Contar a emigración desde a parte dos retornados. Velaí o obxectivo que se propuxo Xesús Fraga ao encetar esta novela que é, sobre todo, o relato dunha epopea como a que protagonizaron tantas mulleres galegas que, levadas pola adversidade, rematan percorrendo o mundo á procura dun futuro mellor.
Xesús Fraga constrúe unha historia que se centra nas vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas marcada pola emigración, historia que tamén é a da segunda metade do século XX, e que vai medrando coma quen vai pintando un lenzo a base de sensacións, recordos, fotografías, o diario dunha nai e a voz das testemuñas que poden contar. Unha obra que ten moitas lecturas e moitos vieiros, polos que o autor nos leva coma se fosen as liñas do metro de Londres, a cidade ao redor da que gravitan os personaxes da novela. É, tamén, a historia dun neto asombrado e dunha avoa poderosa. A historia dos que marchan e que, cando regresan, nin eles son os mesmos nin a terra que deixaron é a mesma.”

Recomendamos: A formiga destemida, de María Reimóndez

A formiga destemida, de María Reimóndez, ilustrado por Iván Sende, é un libro publicado por Xerais.

“Unha formiga curiosa e valente decide afastarse do seu formigueiro para vivir novas experiencias. Polo camiño vaise atopar con animais que nunca vira e aprenderá a facer cousas que xamais imaxinara: tocar música, flotar na auga, voar… Tamén saberá da existencia dos humanos: serán tan malvados como contan? Sen temor ao descoñecido, está disposta a descubrilo por ela mesma. Unha fábula sobre a ansia de coñecemento e sobre a importancia de afrontar a vida sen prexuízos que nos limiten.”

Recomendamos: Os camiños do vento, de Xavier Estévez

Os camiños do vento, de Xavier Estévez, ilustrado por Xosé Cobas, é un libro publicado por Xerais.

“Lucas e Sara comezan o novo curso xuntos no instituto. O cambio á ESO non será doado, e menos cando un novo misterio peta nas súas portas. Unha pequena ladroa de peixe aparece no peirao onde adoitan ir pasear. Na súa pescuda por descubrir quen é esa rapaza, aprenderán a ver o mundo con outros ollos e coñecerán dous novos amigos e a odisea que viviron ata chegar á vila: unha viaxe a través dos camiños do vento.”

Recomendamos: Galileo no espello da noite, de Xabier Paz

Galileo no espello da noite, de Xabier Paz, é un libro publicado por Xerais.

“Galileo, un dos astrónomos máis célebres da humanidade, vese proscrito de vello, condenado polo Santo Oficio. El, que fora filósofo oficial na corte dos Medici e persoa reputada e achegada á curia pontificia, agora está maldito. Desde a vellez, o sabio cavila sobre a súa vida e a súa desgraza. Galileo no espello da noite é unha novela que nos mergulla na súa propia memoria, a través da que desfilan o cativo acosado pola nai, o estudante irreverente, o home testalán, o pai de familia e o filósofo e científico xenial. Sen esquecer a importancia que tiveron as mulleres na súa vida, sobre todo a súa filla, a narración vai compoñendo o tapiz dunha traxedia na que, canto máis avanza o seu coñecemento dos ceos máis o apertan as ameazas dos rivais e inimigos.”