Recomendamos: Lingua guapa. Cantos que contan…, de Fina Casalderrey

Lingua guapa. Cantos que contan…, de Fina Casalderrey, en coautoría con Néstor Blanco, é un libro-CD publicado por Galaxia.

“Teño unha lingua moi longa con quilómetros de historia. Leva palabras de azucre que aturuxan na memoria.
Velaquí esta LINGUA GUAPA para voarmos por todas as músicas do mundo, a través dunha serie de traballos audiovisuais compostos a partir de poemas e textos da escritora e académica da lingua Fina Casalderrey, musicalizados por Néstor Blanco.”

Recomendamos: O mundo dos vivos, de Samuel Solleiro

O mundo dos vivos, de Samuel Solleiro, é unha obra publicada por Chan da Pólvora.

“Poucos libros resultan tan conmovedores como O mundo dos vivos, o regreso de Samuel Solleiro á poesía doce anos despois de escribir Punk, un título de culto para toda unha xeración de amantes do verso.
Samuel Solleiro non tiña claro que volvese publicar achegas propias ata que no ano 2017 debeu seleccionar varios inéditos para a antoloxía 13, realizada por María Xesús Nogueira e coeditada por Chan da Pólvora xunto a Papeles Mínimos, a editorial madrileña dirixida por Imanol Bértolo. Solleiro remexeu nos cartafoles remotos do seu ordenador, onde estaba o pouco que escribira nos últimos anos, e enfrontouse de repente á carnalidade daqueles textos case esquecidos. Foi, para el, unha experiencia dolorosa e, ao tempo, necesaria. Tanto que ao cabo dunhas semanas volveu escribir, aínda que fose como quen aprende a andar despois de poñer unha perna ortopédica. O resultado é O mundo dos vivos, un libro contra a significación excesiva e o risco de que as metáforas devoren o mundo. Un libro que propón unha maneira sorprendente de abordar o poema nun momento en que resulta necesario, máis que nunca, transitalo por camiños sen trillar.
Solleiro constrúe un texto sobre a posibilidade de volver ser o que unha vez se foi e sobre a fascinación de estar aínda sobre a terra, cuestións estas que converten O mundo dos vivos nun dos regresos máis escintilantes da poesía galega última, un poderoso e emotivo exercicio de amor atroz pola vida.”

Recomendamos: Voz e silencio. Entrevista con Ricardo Carvalho Calero, de Francisco Salinas Portugal

Voz e silencio. Entrevista con Ricardo Carvalho Calero, de Francisco Salinas Portugal, é unha obra publicada por Laiovento.

““Voz e silencio non chegou a ser revisado por Carvalho Calero, ao ser tamén obra póstuma. Publicado en 1991 e agora reeditado –após revisión e inevitábel actualización formal do autor/entrevistador, tres décadas despois da súa aparición–, esta fundamental achega ao coñecemento de Carvalho Calero surxe dunha entrevista que Francisco Salinas Portugal lle realizou en 1989 por encargo da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, tal como se indica na “Nota previa”. O que ía ser entrevista breve para a elaboración dun vídeo, veu dar en longa conversa por obra e arte dun entrevistador intelixente e incisivo e dun entrevistado do que sería longo enumerar as cualidades: entusiasmo, rigor, ecuanimidade, erudición viva, elocuencia, modestia, espírito reflexivo…” (Pillar Pallarés).”

Poden lerse nesta ligazón o limiar e o índice da obra.

Recomendamos: Atlas da Galicia pequeniña, de César Cequeliños e Jorge Campos

Atlas da Galicia pequeniña, de César Cequeliños e Jorge Campos, é unha obra publicada por Aira Editorial.

“Libro ilustrado pensado para crianzas de todas as idades que percorre moitas áreas da identidade nacional galega: xeografía, historia, lendas, personaxes célebres, festas e celebracións, símbolos… Un percorrido visual útil para aprender a coñecernos mellor como pobo, desenvolvido con mestría por César Cequeliños e por Jorge Campos, premio da Gala do Libro 2017 polo seu cómic Alter·Nativo

Recomendamos: Cadencias, de Manuel Portas

Cadencias, de Manuel Portas, é un libro publicado por Xerais.

“Moitas veces, case sempre, as cousas non son o que parecen. Hai matices, recendos, sombras, que condicionan a visión que temos da realidade, de calquera realidade. Nas cousas do amor tamén. En especial nas cousas do amor. A subxectividade innata dos sentimentos abrocha por riba das palabras e fai que a atracción se alimente ou se esfarele, se condense ou se dilúa. Nisto, os protagonistas de Cadencias non son unha excepción. Nunha Barcelona de trazos tenues, tres personaxes, ela, el e Elisa, percorren a vida no gume imperceptible entre o amor e o sexo, entre a urxencia do íntimo e o pozo profundo da soidade. Cadencias é o bosquexo dun cadro impresionista sobre o amor e o desamor. Ou se cadra non.”