Recomendamos: Quérote. Canto, de Eva Veiga e Baldo Ramos

Quérote. Canto, de Eva Veiga e Baldo Ramos, é unha obra conxunta publicada por Galaxia.

“Desde un mesmo espazo compartido -o silencio- abrollan os poemas que, seguindo camiños paralelos, acabarán por desembocar nun texto-libro onde a determinación da autoría se dilúe a prol da afluencia e a resonancia. Baldo Ramos e Eva Veiga deciden internarse uns días no mosteiro de Oseira, mais sen compartir durante a estadía o que pensan nin o que escriben. O resultado é a comprensión unha vez máis, de que a poesía é o verdadeiro territorio común, o lugar propicio da nosa soidade vinculada.”

Recomendamos: Vampira de biblioteca, de Ledicia Costas

Vampira de biblioteca, de Ledicia Costas, é unha obra publicada por Edicións Xerais.

“Esta non é unha historia calquera. É a miña historia. Preguntarás quen son eu. Chámome Eleonora, son unha vampira e dedícome a papar os insectos que queren roer as páxinas dos libros da biblioteca onde vivo. Así que se es desas persoas que non cre na existencia de criaturas coma min, é mellor que non abras este libro, que o coloques nun andel e te esquezas de todo isto para sempre. Fin. Ou tamén podes atreverte a continuar. Mais para iso debes darme unha mostra de confianza e pasar unha proba. Atréveste?”

Recomendamos: Árbores no deserto, de Rosalía Fernández Rial

Árbores no deserto, de Rosalía Fernández Rial, é un poemario publicado por Galaxia.

“Igual que a escultura vive nos bloques de pedra andes de ser tallada, a poesía latexa no corpo en prosa do pensamento filosófico.
Do mesmo xeito que as partituras sustentan as acrobacias da improvisación, entre os cimentos dos discurso sólidos brinca, funambulista, a liquidez dos versos. Así, este libro escribiuse ao desconstruír a voz e o trazo das súas autoras. Sobre a trama resultante a literatura compuxo colaxes urdidas coa figura e as palabras de pensadores que teceron imaxinarios redentores a través do tempo. As raíces das súas ideas medran agora en nós, como árbores no deserto. Coma árbore no deserto agroma, rizomática, a nosa arte, oasis de liberdade.”

Recomendamos: Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de Terra

Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de Terra, de Iván Suárez (deseños), Xico Paradelo, Irene Veiga e Carlos Rafael Ramos (roteiro), é un libro de banda deseñada publicado por Demo Editorial e Através Editora.

“Banda Desenhada alicerçada em vários itens da biografia de Ricardo Carvalho Calero: a infância em Ferrol, os estudos universitários em Compostela, a Guerra do 36, a docência em Lugo no Colégio Fingoi, catedrático na USC e a eclosão do reintegracionismo. Tudo orquestrado de forma a mostrar os problemas da situação cultural, linguística e política do país ao longo do século XX e do estado de cousas na atualidade.
A obra arranca em Lisboa, 1996, numha realidade alternativa. Durante o ato de fundaçom da Comunidade dos Países de Língua Portugyesa, Ricardo Carvalho Calero, representante da Galiza e um dos principais intelectuais do galeguismo, imagina, momentos antes de tomar a palavra, como teria sido a sua história e a da sua Terra se o passado tivesse acontecido de umha forma diferente.”