Recomendamos: O paraíso dos inocentes, de Antón Riveiro Coello

O paraíso dos inocentes, de Antón Riveiro Coello, gañadora do Premio Torrente Ballester de 2019, é unha obra publicada por Galaxia.

“Marzo de 2016, en plena guerra de Siria, a cidade de Alepo está dividida en dúas partes enfrontadas. No lado rebelde, a activista Amira loita por informar o mundo desde dentro da guerra e visita un orfo rescatado baixo os cascallos; no lado do réxime, Isam, un químico que traballa nunha fábrica de xabón, teme a notificación do Goberno para engrosar as filas do exército. Ao mesmo tempo en Bruxelas, días antes do atentado terrorista de Zaventem, Alicia topa indicios desacougantes que a fan temer pola vida da súa parella.
Tecida a partir destas historias, O paraíso dos inocentes é unha viaxe á cerna da destrución provocada polo conflito sirio e á traxedia dos refuxiados, ao tempo que un canto emocionado á solidariedade, á esperanza e á liberdade.
Novela envolvente, na liña doutras obras do autor, como As rulas de Bakunin e Laura no deserto, escrita desde o interior de personaxes que atravesan o horror cos ollos abertos e buscan un exorcismo na loita, no exilio ou no compromiso solidario. Intentos deseperados de axustaren toda a dor á expectativa dunha reconstrución.”

Recomendamos: Feminino singular, en plural, de Concha Blanco

Feminino singular, en plural, de Concha Blanco, con ilustracións de Laura Romero, é unha obra publicada por Baía Edicións.

“É ben sabido que a historia ten unha débeda coas mulleres. Moitas foron silenciadas, invisibilizadas ou agochadas por pertenceren a ese xénero tantas veces proscrito.
É tempo de cambio, de erguer a voz, de devolverlles o que foi delas, de crear futuro e restaurar (na medida do posible) aquel pasado.
É tempo de equidade. Por iso este libro, de xustiza poética, vai por e para elas, mulleres pioneiras, valentes e loitadoras.
Feminino singular, en plural é un canto agradecido a mulleres que loitaron individualmente e con moitos atrancos pola súa colectividade.
Non cesaron na súa afronta para intentaren acadar una sociedade máis afable, xusta e de igualdade. Sabela e Roi, unha nena e un neno coma vós, son os primeiros en faceren o percorrido por estas páxinas. Acompañádelos?”

Recomendamos: Os restos do franquismo en Galiza, de Manuel Monge

Os restos do franquismo en Galiza, de Manuel Monge, é unha obra publicada por Edicións Laiovento.

“Nun primeiro inventario, este libro pon de manifesto que aínda quedan en Galiza sobre 600 símbolos franquistas en 87 concellos: rúas, retratos, placas, esculturas e todo tipo de distincións que exaltan, honran e distinguen golpistas, franquistas e criminais. Fundacións franquistas; malfeitores e servidores da ditadura son premiados con títulos nobiliarios; a familia Franco conserva propiedades que roubou e recibe todo tipo de privilexios; policías torturadores conservan as medallas e incrementan a súa pensión pola actividade criminal na ditadura franquista. Todo isto xa foi denunciado en numerosas ocasións por organizacións internacionais e comisións de dereitos humanos da propia ONU, sen que esas denuncias fosen atendidas polo goberno. A permanencia da simboloxía franquista é unha exaltación das persoas que participaron en 1936 no golpe de Estado contra a República e das que formaron parte dos gobernos da ditadura, colaboraron ou ocuparon cargos de responsabilidade nas distintas institucións do franquismo.”

Pode lerse un fragmento desta obra aquí.

Carabela, de Paula Carballeira, visto por Olaia

Carabela é unha obra de Paula Carballeira, publicada por Galaxia.

Esta é a lectura feita por Olaia (10 anos):

“Carabela era unha gran cociñeira dun barco, como fora o seu avó. A ela encantaballe navegar, pero un día, o mar púxose bravo, coma nunca antes, e empezou a tronar, ate que o barco naufragou. Carabela salvouse, e acabou nunha illa de PLÁSTICO. Entón ocorréuselle facer unha nena con plásticos (o único que había), para estar acompañada.
E aquí comeza a aventura!!!!”