Recomendamos: Alborada de Edipo, de Xesús Pisón

Alborada de Edipo, de Xesús Pisón, é unha obra de teatro publicada por Laiovento.

“Despois de Sófocles terlle dado forma canónica ao tema ou, mellor dito, ao misterio de Edipo, sucédense ao longo da Historia de Europa, e de forma máis ou menos continua, outras visións do dito misterio: desde Séneca, no século I d. C. até Heiner Müller, na segunda metade do XX, pasando por Corneille, Cocteau, Yeats ou Gide, por citarmos só algús nomes.
Tamén os músicos, os pintores e os cineastas teñen sentido a chamada do drama e, naturalmente, os directores de escena, que continúan aportado innúmeras olladas da que é, talvez, a creación máis próxima á natureza humana.
Ademais das obras dos escritores e dos artistas, desde mediados do século XIX vimos asistindo a un tratamento científico do caso; mitólogos, antropólogos, filólogos e mesmo psiquiatras procuran con cadansúa ferramenta unha explicación do dito misterio, non só indagando nas orixes do mito, mais tamén tratando de reduciren a figura de Edipo a un definitivo significado.
Nas páxinas de Alborada de Edipo, o autor afástase de calquera método ou escola interpretativa e achégase, da man do coñecemento e da intuición poética, ao enigma que tanto interese leva espertado, e continuará a espertar, no mundo occidental.
Mais a súa intención non é comprender Edipo, porque sabe que o Rei de Tebas, igual que o Príncipe de Dinamarca, Sigfrido, o Capitán Ahab, Frankenstein, Superman e outras imaxes da mesma criatura, resístense a seren comprendidos. Eles están aí, diante e detrás dos nosos ollos, non para seren convertidos nun teorema, mais para provocaren a ansia de procura, de encontro ou de debate. De vida, en fin.”

Aquí pode lerse o limiar da obra.

Recomendamos: O estado intermedio, de Rexina Vega

O estado intermedio, de Rexina Vega, é unha obra narrativa publicada por Galaxia.

“Rexina Vega debuta en Editorial Galaxia cunha novela sublime centrada na figura dunha filla que, morto o pai, decide entrar na casa familiar para facer desaparecer toda memoria
Ao tempo, a alma do finado iniciará, como a de Dante, unha viaxe aos infernos, onde vai ter que pelexar, á súa vez, coa propia memoria. Texto de imaxes luminosas, demóstranos a forza narrativa dunha das escritoras máis singulares da nosa literatura, capaz de crear, como fai nesta novela, un universo absoluto a partir dunha palabra que, máxica, sobrenatural, creadora, nos fai viaxar coa protagonista polas vidas duns personaxes atrapados, dalgunha maneira, dentro dos propios traumas. Todo debe arder. Por iso hai que ter claro o pasado. E iso fai a autora, levándonos a un tempo de violencias familiares e acontecementos políticos cruciais tras a morte do ditador; tamén ás vidas que fervían hai unhas décadas cando a liberdade era de estrea. Todo escrito cunha prosa magnética que, coma man de ferro, se nos crava no esterno para obrigarnos a ler e a pensar, a pensar e a revivir. Ata que chegue o lume final, que todo o destrúe.”

Recomendamos: Navegar é preciso. Unha breve Historia do Mundo Atlántico, de Carlos Sixirei Paredes

Navegar é preciso. Unha breve Historia do Mundo Atlántico, de Carlos Sixirei Paredes, é unha obra publicada por Ir Indo.

“O século XV marca o inicio da expansión imperial europea a escala global. Foi nesa centuria cando os europeos bordean toda a costa atlántica africana instalando alí postos comerciais e bases de fornecemento que lles permitían dominar as rutas comerciais desprazando aos árabes do comercio subsahariano; cando chegan á India establecendo a primeira ruta comercial que unía a Península Ibérica coas terras das especies e con Asia e cando descobren América convertindo ao Atlántico durante cincocentos anos no eixo arredor do que xirou toda a historia mundial. É coas expedicións dos pobos ibéricos cando o concepto de globalización comeza a tomar forma. É tamén agora cando se colocan os alicerces dos que serán os grandes imperios coloniais europeos que exportan e impoñen os seus modelos políticos, económicos e culturais na meirande parte do mundo. É tamén agora cando algunhas linguas europeas (o portugués primeiro, o español, o francés e o inglés) viran en linguaxes internacionais que hoxe son matriciais para máis de mil millóns de persoas e de comunicación global para outros milleiros. O s. XV resultou fundamental para o nacemento do Mundo Moderno. E todo comezou con Portugal.”

Recomendamos: Entre donas, de varias autoras

Entre donas, de varias autoras, é unha obra colectiva publicada por Baía Edicións.

“Temos nesta obra dez relatos doutras tantas escritoras galegas actuais, diversas en estilo narrativo, experiencias, recoñecemento e noutros moitos aspectos vitais, pero que coinciden en tomar a palabra e falar con voz propia, colocando as mulleres no centro da historia.
En palabras recollidas do Epílogo de Ana Luisa Bouza:
“Non hai que confundir a realidade co desexo dos homes”, recoméndanos un dos relatos desta obra colectiva. Non hai que confundir a literatura coa ollada masculina. A simple acción de escribir, de pasar de lectora a autora, de decorado a protagonista, cambia a literatura porque cambia o punto de vista. Mais este cambio faise radical cando a escrita é feminista. Se ollamos alén da aparente banalidade da escrita de ficción, podémonos facer unha idea da importancia do “relato dos relatos” na socialización, na construción, destrución e cambio de estereotipos de toda caste, incluídos os de xénero.”

Recomendamos: Astérix e os normandos

Astérix e os normandos, de Goscinny e Uderzo, está publicado na súa versión galega (realizada por Xavier Senín, Isabel Soto e Alejandro Tobar) por Edicións Xerais.

“Estamos no ano 50 antes de Cristo. Toda a Galia está ocupada polos romanos… Toda? Non! Unha aldea poboada por irredutibles galos aínda segue resistindo o invasor. E a vida non é doada para as gornicións de lexionarios romanos nos reducidos campamentos de Babaórum, Aquárium, Laudánum e Petibónum… Nesta ocasión, os normandos chegan á aldea gala dispostos a descubrir o que é o medo. Ao bateren con Astérix e Obélix, e co resto dos irredutibles galos, de seguro que o van conseguir.”