Recomendamos: Crónicas de Arteixo II, de Xabier Maceiras

Crónicas de Arteixo II, de Xabier Maceiras é un novo libro de divulgación publicado polo autor.

“Esta segunda entrega da memoria do Concello de Arteixo recolle o testemuño de numerosas personaxes e curiosidades de antano, onde se descobre a importancia das fontes orais.”

Poden verse dúas entrevistas co autor aquí e tamén nesta ligazón.

Recomendamos: Gramo Stendhal, de María Lado

Gramo Stendhal, de María Lado é un libro de poemas publicado por Apiario, con deseño e ilustración de Mauro Trastoy.

Gramo Stendhal é un libro de furia. De autodestrucción e procura. De nostalxia do verán, da despreocupación.
É unha osa tirando árbores na espesura. Laiándose a berros dende o alto dos outeiros. Ameazando con destruír todo canto a rodea.
É un mundo pequeno reflexado no fondo dunha culleriña de café. Todo invertido do fondo da culleriña, os pequenos piñeiros, o pequeno pico do tellado da casa, a diminuta cabeza da muller que a mira como querendo ler o futuro nos pousos.
E tamén a furia do océano e a paciencia. O desgaste deste sobre os cantís de pedra.

Por que ler?
-Porque hai moito de vertixe na procura que a autora fai da beleza.
-Porque aínda que estas páxinas ceden por momentos a un movemento triste, a el sobreponse o anuncio do verán.
-Porque a luz, que nos cega por momentos, acompáñase dalgunhas músicas que a multiplican: Nirvana, The Cure (a Forest), Radiohead, The Idols, Massive Attack, The Staat.
– Porque non quererás perderte o gramo de beleza que se agocha aquí.”

Recomendamos: Idioma e sociedade, de Xosé Ramón Freixeiro Mato

Idioma e sociedade, de Xosé Ramón Freixeiro Mato é un ensaio publicado por Laiovento.

“Nesta obra reflexiónase sobre a lingua galega e abórdanse cuestións relativas á súa normalización e planificación, ben como a outros aspectos da súa vinculación coa sociedade, sempre na perspectiva de procurar a vía adecuada para lle garantir un futuro digno como lingua nacional da Galiza. Máis do que un libro de sociolingüística galega, trátase duns apuntamentos sobre diversos aspectos da realidade social do idioma feitos por unha persoa que se veu dedicando durante boa parte da súa actividade como profesor universitario a estudar a lingua galega desde distintas vertentes. Alén do posicionamento persoal do autor sobre a realidade social desta, moitas outras persoas expertas, galegas e foráneas, foron convocadas a exporen e confrontaren as súas ideas, na procura dunha visión plural da realidade social do galego, dos seus problemas e das súas perspectivas de futuro. É, pois, esta unha obra polifónica, onde o autor, sen ocultar en ningún momento a súa opinión sobre diferentes temas que afectan a lingua e a sociedade galega, ofrece outros puntos de vista que veñen enriquecer o debate e a busca de solucións para unha lingua necesitada de reorientar o seu futuro. Deste modo, temas como o binormativismo, o sesquilingüismo ou o ecolingüismo ocupan un lugar destacado, ao lado doutros máis tradicionais como o bilingüismo, o imperialismo lingüístico ou o reintegracionismo.”

Aquí pode lerse o limiar do libro.

Recomendamos: A Señorita Bubble. Baixo cero, de Ledicia Costas

A Señorita Bubble. Baixo cero, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide, é unha obra publicada por Xerais.

“Lady Bubble comeza unha nova vida en Rovaniemi, unha preciosa vila de Laponia. Os problemas non tardan en petarlle na porta. Unha familia de pingüíns necesita da súa axuda con urxencia. Non son os únicos: os elfos da fábrica de xoguetes están vivindo unha situación desesperada. Abrígate ben e prepárate para vivir unha aventura baixo cero, onde Bubble vai ter que enfrontarse a un poderoso inimigo. Papá Noel cruzou ao lado escuro.”