Recomendamos: Orixe orzánica das sereas todas, de Rodrigo Osorio

Orixe orzánica das sereas todas, de Rodrigo Osorio, é unha obra publicada por Alvarellos.

“Unha Galicia imaxinada na que Urbano Lugrís ingresa en 1953 na Academia Galega da Lingua.
Presentamos unha moi orixinal proposta narrativa. Soñar mundos, imaxinar universos, debuxar ignotos ronseis… Velaquí a función, especialmente milagrosa, da literatura. Ser quen de reescribir vidas e tempos. O artífice deste libro, Rodrigo Osorio, proponnos nesta Orixe orzánica das sereas todas, un xogo marabilloso, un reto tamén. Os protagonistas son o pintor e escritor Urbano Lugrís González e o escritor Leandro Carré Alvarellos. Arredor deles, ou canda eles, deberemos mergullarnos na orixe orzánica das sereas todas, e deixar que o misterio das ondas nos leve polo vieiro dos soños.
Rodrigo Osorio, integrante do colectivo lugrisán In nave civitas, é un dos impulsores da reinvidicación da vida e obra de Urbano Lugrís. Nesta obra, Osorio soña unha Galicia ideal, imaxina como tería sido o noso país sen Franco, nin guerra, nin ditadura. Unha sociedade na que o xenial artista pronuncia o seu discurso de ingreso na Academia Galega da Lingua. É o 19 de novembro de 1953.”

Recomendamos: As mil vidas de Dorotea, de Lorena Conde

As mil vidas de Dorotea, de Lorena Conde, é unha obra publicada por Cuarto de inverno.

“Nenas e nenos! Señoras e señores!
Permanezan en silencio e apaguen os seus teléfonos.
Nuns intres, dará comezo a peza teatral As mil vidas de Dorotea.
Prometemos que durante os tres actos que forman esta obra, pasarán por un feixe de estados de ánimo e, ao mesmo tempo, coñecerán a historia de Dorotea Bárcena, a mestra, actriz, dramaturga e muller brava, que traballou moito e moi duro por facer o que máis quería: teatro.
Pasen e lean!”

Recomendamos: A Máquina Ousada. Pondal na Literatura, de Manuel Castelao Mexuto

A Máquina Ousada. Pondal e a Literatura, de Manuel Castelao Mexuto, é unha obra publicada por Laiovento.

“Eduardo Pondal foi o máis parecido a un escritor profesional que houbo entre nós, por non estar obrigado a gañar a vida e ter o tempo todo para o labor literario en que esgotou a súa vida, realizado cun rigor impar e, no entanto, moitas veces mal entendido, até se difundir a tristísima imaxe dun autor machista, racista, louco ou… nefelibata, hoxe común cando se fala do de Ponteceso. Este libro quere contribuír á superación de tales prexuízos cunha lectura atenta dos Queixumes dos pinos e esclarece como tal obra mestra trae ao primeiro plano a constitución da literatura nacional e torna visíbeis os múltiplos problemas que os escritores do Rexurdimento enfrontan na construción dos textos para conseguiren comunicar eficazmente co seu público, vencendo as limitacións dun contexto cultural españolizado. Os Queixumes adquiren sentido cabal se os interpretarmos como unha resposta á punxente situación da Galiza nos mediados do Século XIX e, entón, aparécennos caracterizados pola tensión estabelecida entre o alento emancipatorio que bole nos poemas e a lúcida consciencia da submisión colectiva que abafa o diálogo creador da comunidade.”

Pode lerse un fragmento aquí.

Recomendamos: Cobiza, de María Reimóndez

Cobiza, de María Reimóndez, que gañou o I Premio Pinto e Maragota á Diversidade Sexual e de Xénero, é unha obra publicada por Xerais.

“Esta apaixonante novela de ciencia ficción feminista foi merecedora do I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero organizado polo Concello de Pontevedra e Xerais. O xurado destacou «a súa altísima calidade literaria e unha nova e revolucionaria reflexión sobre a construción do sexo e do xénero, das identidades e das orientacións sexuais, así como unha profunda ollada feminista e ecoloxista na reflexión sobre o futuro do planeta». Luz habita o presente nun mundo que se divide entre os Recunchos e as Capitais, estas últimas só accesibles mediante a chamada «lotería da fertilidade». Gañala implica un acceso descoñecido á opulencia. Nun futuro marcado polo cataclismo denominado a Gran Desconexión, tres seres creados de materia vexetal, pero con forma humana, son capturados por un barco negreiro para chegar a un continente descoñecido. Aquí descubrirán como os seus corpos son clasificados como mulleres e comodificados, vendidos, para manter as estruturas de poder dominantes.”