Recomendamos: A Galiza feminista. Tebras e alboradas, de Miriam Couceiro Castro

A Galiza feminista. Tebras e alboradas, de Miriam Couceiro Castro, é unha obra publicada por Galaxia.

“Neste libro, a autora achégase a un posible relato arredor do movemento feminista en Galicia, unha corrente de pensamento, e sobre todo de acción, sen a cal non é posible entender a nosa terra nos nosos días. Miriam Couceiro Castro cóntanos o camiño percorrido dende os inicios ata as folgas feministas do 8-M nun estilo coidado e ameno, lonxe de formulacións academicistas e co obxectivo de espallar unha historia de loita e rebeldía onde as mulleres continúan marchando na actualidade. Porque o camiño da Igualdade desexada aínda está, desafortunadamente, moi lonxe.”

Recomendamos: Douche a miña palabra, de Fran Alonso

Douche a miña palabra, de Fran Alonso, con ilustracións de Bea Gregores, é unha obra publicada por Xerais.

“Como se chega a ser escritora ou escritor? Por que se escribe? Pódese vivir sen ler? Pódese aprender a pensar a través da lectura? As palabras poden proer, picar, denunciar as inxustizas, resultar molestas e incómodas. Tamén poden facernos reaccionar. Os escritores e escritoras pelexan coas palabras, míranlles as patiñas nun microscopio e constrúen historias. Cunha linguaxe comprensible e chea de anécdotas, Fran Alonso cóntanos neste libro inusual cousas sobre a escrita, a literatura ou a lingua e convídanos a reflexionar sobre o superpoder da lectura e a importancia de sentir a chamada das palabras.”

Recomendamos: Rugando ou o misterio do cuarto secreto, de Celia Díaz Núñez

Rugando ou o misterio do cuarto secreto, de Celia Díaz Núñez, é unha obra publicada por Galaxia.

“Esta obra recibiu no 2012 o IX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez. Edición corrixida e aumentada
Uns poucos días nunha plácida casa rural abondan para descubrir un misterio que Olalla e os seus colegas tratarán de descifrar.
Baixo os muros dunha vella ferrería un monxe alquimista busca a eterna quimera procurada desde a orixe dos tempos.
Presente e pasado van da man nesta historia. Ou son, se cadra, a mesma cousa?
Atopará Olalla a solución ao enigma? E, sobre todo, acadaría o monxe o éxito desexado?”

Recomendamos: Un verán en Galicia, de Catherine Gasquoine Hartley

Un verán en Galicia, de Catherine Gasquoine Hartley, traducida por Xosé María Gómez Clemente, é unha obra publicada por Rinoceronte.

“”Soamente aqueles que comprenden que hai que achegarse aos lugares coa mesma disposición coa que se coñece un amigo –con simpatía, amor e sentimentos altruístas–, poden persuadir un país para que lles revele os seus segredos, a súa beleza e verdades.”
Publicado orixinalmente en inglés no ano 1911, Un verán en Galicia describe o noso país a comezos do século pasado, ao tempo que afonda nos seus trazos distintivos.”

Pode lerse un fragmento da obra aquí.