Recomendamos: Notas sobre a extinción, de Marta Dacosta Alonso

Notas sobre a extinción, de Marta Dacosta Alonso, é unha obra publicada por Galaxia.

“Esta obra nace da capacidade de asombrarnos e descubrirmos a fermosura das pequenas cousas, de comprobar, unha vez máis, que a poesía é quen de borrar os límites do tempo e o espazo e de fixar, coma unha alfaia imprescindíbel, cada unha das palabras que nos construíron e nos negamos a perder. Poesía-antídoto. Poesía-paz. Contemplar e reconciliarnos coa vida. Descubrir que a beleza aínda é posíbel. Retela canda nós.”

Recomendamos: Estrita necesidade, de Carlos Negro (fotografías de Benxamín Otero)

Estrita necesidade, de Carlos Negro, con fotografías de Benxamín Otero, é unha obra publicada por Alvarellos.

“Versos e fotografías compoñen a nova obra de Carlos Negro, ilustrada coas imaxes de Benxamín Otero. Leva por título Estrita necesidade, e nela os autores renden homenaxe, escrita e visual, á xeración de pais e nais da posguerra, a uns tempos de racionamento, austeridade, duro traballo, afectos fondos e resistencia.
A carón dos versos de Carlos Negro emerxen as imaxes de Benxamín Otero, nun diálogo escrito e visual que se complementa á perfección.
Así describe a súa obra o seu autor Carlos Negro:
“Este libro establece un diálogo coa figura paterna, pescuda nas tensións íntimas da masculinidade, captura a relación entre un corpo e os obxectos que o rodean, entre as mans e a ferramenta, entre a palabra e os múltiples silencios que habitan nas elipses dunha biografía. Este libro retrata unha xeración de homes que nunca botou os restos de comida ao caldeiro do lixo. E deixa sobre o prato a prana dunha mazá, a esencia da luz, o termar da memoria entre as sombras. Este libro é de estrita necesidade, como as fotografías que o alumean“.”

Recomendamos: Os libros que hai en min, de Emma Pedreira

Os libros que hai en min, de Emma Pedreira, é unha obra publicada por Cuarto de Inverno.

“Cando unha pensa que un día sen ler é un día perdido, o fai en calquera parte e o comparte nas redes sociais, corre o risco de que unhas editoras atentas e curiosas lle pidan algo así como unha “biografía bibliográfica”. Un ensaio que percorra a vida dunha bibliópata desde a infancia ata os, poñamos por caso, corenta anos; desde que odiaba ler ata chegar ao punto de desexar non parar de facelo, no que conte as súas vivencias arredor desas obras que supuxeron un antes e un despois. Un texto cheo de humor, amor, anécdotas, digresións e libros. Os libros que hai en Emma Pedreira.”

Recomendamos: O peso do cerebro, de Xesús Constela

O peso do cerebro, de Xesús Constela, é unha obra publicada por Xerais.

“En O peso do cerebro, unha sorprendente e innovadora novela de Xesús Constela, cuestiónase de que xeito, chegada a vellez, poden as nosas lembranzas confabularse para nos manipular e en que lugares se agachan esas memorias traizoeiras. Na cidade barco, que languidece tras perder o lustre do seu glorioso pasado de grandes estaleiros e insignes navegantes, don Honorio, enguedellados por completo os seus pensamentos, congrega arredor de si un singular grupo de personaxes mentres procura o xeito de coller unha lancha na que poder cruzar a ría para asistir a unha verbena. A súa neta Paula corre desesperada no seu auxilio para ver de impedir que poida sufrir ningún dano. Entrementres, agachadas no falso anonimato do pé de páxina, dúas mulleres rexouban sen censura nin escrúpulos acerca de todo canto vai pasando.”