Recomendamos: As palabras están a mirarse arredor da mesa, de Antonio García Teijeiro

As palabras están a mirarse arredor da mesa, de Antonio García Teijeiro, é un libro publicado por Cuarto de inverno.

“Partindo dun verso de Gioconda Belli, que o autor emprega no título da obra, Antonio García Teijeiro reivindica o esforzo e dedicación do poeta por chegar á palabra exacta en cada verso, procurando a perfección a través dunha poesía que busca ser catalizadora dos sentimentos e da memoria.”

Recomendamos: A orixinalidade radica na orixe, de Iria-Friné Rivera Vázquez

A orixinalidade radica na orixe. O concepto de imaxe galega na estética de Vicente Risco, de Iria-Friné Rivera Vázquez, é un libro publicado por Doutor Alveiros, da Fundación Vicente Risco.

“Como teórico da Arte, Vicente Risco recolleu as maiores influencias artísticas da nacente modernidade. A súa figura funcionou como un catalizador dentro da cultura galega, impulsando diferentes ámbitos –dende a Arte até a Literatura– na cal se forxou un imaxinario atemporal galego entre el, Camilo Díaz Baliño e Ramón Cabanillas. Cuestións como o simbolismo, o concepto de vangarda, a sinerxia entre a linguaxe visual e a literaria ou o poder da imaxe aparecen nas súas conferencias, artigos, libros ou cartas. Pero igualmente estilos artísticos –tanto históricos como contemporáneos–, referencias científicas, as viaxes ou a amizade exerceron unha rede que constituíu un Renacemento Galego que hoxe continúa emitindo unha vitalidade construtiva dende o humanismo galego para a cultura universal.”

Recomendamos: Nación Mar, de Xosé Iglesias

Nación Mar, de Xosé Iglesias, é un libro publicado por Bululú.

Nación mar é un berro de vida, unha chamada de atención sobre un ecosistema que loita por sobrevivir sen perder a súa esencia. As súas fermosas evolucións ilustradas transmítennos perfectamente a beleza deste fascinante universo, a simbiose entre os seus moradores e o valor dos coñecementos nados da experiencia, ás veces tráxica, sempre esforzada, convertida nun tesouro transmitido a través de xeracións.”

Recomendamos: Don Carlos e o misterio dos lucecús, de Patricia Torrado Queiruga

Don Carlos e o misterio dos lucecús, de Patricia Torrado Queiruga, é unha obra publicada por Baía Edicións.

“Na vila comezan a xurdir sucesos inexplicables e, por se fose pouco, na casa contáronlles que o seu profesor, o único que os podería axudar a buscar unha explicación a tanto misterio, padece unha enfermidade que lle fai esquecer as cousas.
Xiana, Maca, Román, Sofía e Afonso convídante a desentrañar cada misterio coa axuda de don Carlos. Unhas pescudas que vos levarán a valorar o lugar no que vivides, o medio ambiente, as tradicións, o amor e os prexuízos cos que podemos atoparnos todos os días. Acompáñasnos?.”

Recomendamos: Dicionario irreal para un país imposible, de Xavier Seoane

Dicionario irreal para un país imposible, de Xavier Seoane, é unha obra publicada por Xerais.

“Este Dicionario irreal para un país imposible, do escritor e profesor humanista Xavier Seoane, é un libro singular, fermoso, entregado, distinto e atrevido sobre este vello e milenario país que é Galicia. Concibido con moita orixinalidade, editado con sumo coidado e fermosamente ilustrado por Ramón Trigo, o libro combina a óptica analítica, o alento poético, a imaxinación e o humor co sentido crítico, a reflexión matizada e a información exhaustiva. Por este dicionario literario, que constitúe un orixinal ensaio, desfila a historia de Galicia, a súa cultura, os feitos, as persoas, os tópicos, os mitos e carencias… Escrito desde detrás da silveira, o seu formato permite lelo en calquera orde, en calquera sentido e de calquera xeito, focalizando a atención sobre os máis diversos aspectos do país galego, ese que procura o seu lugar na historia, na cultura e no reino do imaxinario e do proxectivo.”

Esta é a crítica sobre o libro realizada por Ramón Nicolás.