Recomendamos: Papá caníbal, de Antonio Manuel Fraga

Papá caníbal, de Antonio Manuel Fraga, con ilustracións de Santy Gutiérrez, é un libro publicado por Xerais.

“Fedora está farta de que o abusón do cole se meta con ela, así que decide asustalo contándolle que o seu pai é un caníbal. O Efebeí, un policía fóra de servizo por non facer nada ao dereito, inicia unha investigación pola súa conta sobre o suposto caníbal para tentar recuperar o prestixio perdido e poder reincorporarse ao traballo. A partir de aquí iníciase un atolado enredo que ten lugar durante a noite do Samaín. Unha novela disparatada, enxeñosa, macabra e tremendamente divertida, na que mesmo poderás escoller o final!”

Recomendamos: Madeira e metal, de Laura Rey Pasandín

Madeira e metal, de Laura Rey Pasandín, con ilustracións de Laura Romero, é un libro publicado por Baía.

“Aixa, unha nena de aldea, habilidosa e festeira, ten que marchar coa súa familia á cidade.
A morriña, a lembranza permanente da aldea e a vida que nela se gozaba fan que busque a alegría a través da música. A partir de madeira e metal recupera os sons da terra, do ar e do lar que perdera ao chegar á cidade.
Un conto que nos achega ao sentimento tan noso e tan universal, como é a morriña e a súa expresión a través da música.

Hai unha Forza que nos empurra cara ao camiño
e outra que nos amarra á Terra nativa.
A morriña transfórmase nun motor forte
á hora de manifestarse, comunicar, crear e transmitir.
A través dos ollos de Aixa escoitaremos o son do Lar.”

Recomendamos: Todos fomos, de Marcos Calveiro

Todos fomos, de Marcos Calveiro, é un libro publicado por Xerais.

“Seis anos despois da desaparición de Natalia, unha chamada do pasado esperta unha mañá á inspectora Lina Souto: a rapaza apareceu espida e viva nunha praia de Teis. Comeza así unha trepidante carreira contra reloxo para descubrir o acontecido durante todo este tempo e, quizais, tamén para salvar a vida dun meniño. Mentres, os medios de comunicación sensacionalistas -coa inefable presentadora Belén Soliño á fronte- entorpecen a investigación e a resolución do caso.”

Recomendamos: Deixádenos remar, de Ana Cabaleiro

Deixádenos remar, de Ana Cabaleiro, é un libro publicado por Xerais, finalista do Premio Xerais de novela de 2020.

“A vida nun modesto arrabalde vese trastornada coa construción dunha flamante urbanización de chalés acaroados. A medida que as vivendas se venden e os novos veciños se van asentando, o muro exterior da urbanización transfórmase en fronteira e o microcosmos do barrio acaba por se dividir en dous bandos. Mais non se trata dunha rivalidade polo territorio, senón da colisión entre dúas formas de vida que se converte nunha lenta e constante guerrilla de pequenas escaramuzas veciñais, na reafirmación do status comunitario dos humildes, e na manifestación dos nosos soños e loitas dependendo do lado do muro en que habitemos. En Deixádenos remar, novela finalista do Premio Xerais 2020, Ana Cabaleiro dálles voz ás protagonistas anónimas do cotián, todas humildes e arrabaldeiras, ben sexan esforzadas traballadoras, opositoras, desempregadas, xubiladas, divorciadas, artistas ou viaxeiras.”

Esta foi a entrevista realizada á autora no Diario Cultural da Radio Galega.