Recomendamos: 1928 km, de Óscar Senra Gómez

1928 km, de Óscar Senra Gómez, é un libro publicado por Através Editora.

“Ao estilo de um roadmovie, em 1928 km acompanhamos Elisa e Amália de Vedra até Bruxelas. Uma viagem de ida e volta que supom o retorno das protagonistas de Sete dias com Elisa, e que marcará para sempre as suas vidas.
“Elisa suspira e fecha os olhos com força dous segundos ao mesmo tempo que aperta o volante com todas as suas forças. Deseja desesperadamente um cigarro, mas não quer desperdiçar nem uma pinga de gasolina parando o carro. Levanta um pouco o pé do acelerador e baixa até aos 50 km/h. Agripina desliza suave pola estrada sem esforço, e Elisa segue o seu exemplo, deixa fluir as palavras, sem saber onde a levarám.””

Recomendamos: Sibila, de Rosa Aneiros

Sibila, de Rosa Aneiros, é un libro publicado por Xerais.

“É noite, a marea vai para arriba e chove a esmadrasar cando unha muller penetra ás agochadas nunha illa practicamente inexpugnable na boca da ría. É a neta da Rubia, a tola do argazo. A filla da expulsada. Sibila regresa ao lugar en que foi animal sen domesticar nun tempo en que todo foi seu. Agora nada ten agás a encarga dunha misión que cumprir e a terrible certeza de que lle vai a vida niso. Durante a estadía na illa irá descubrindo o salvaxe que nela habita: as tensións lacerantes entre quen é e de quen vén sendo; entre un pasado que estoura e un futuro que a aboca ao abismo; entre a ansia da mente e a vontade voraz do corpo.En Sibila, a nova novela de Rosa Aneiros, nada é o que parece. Ou si. Talvez sexa exactamente o que parece, o que ninguén quere ver.”

Recomendamos: A Barcelonesa, de Xabier Paz

A Barcelonesa, de Xabier Paz, é un libro publicado por Xerais.

“En A Barcelonesa a morte desencadea a narración. Un edifico notable, que liga a montaña luguesa coa Habana, coa Mariña e coa cidade da Coruña, atravesa tres xeracións como testemuña dos seus avatares e define o espazo vital de avós, pais e fillos. Nesta novela tan persoal, Xabier Paz reconstrúe, coa súa habitual vocación estilística, os case cen anos de tensión entre a vida familiar e os acontecementos sociais que conforman as biografías particulares e vontades dos personaxes: a emigración cubana, o retorno triunfal, a guerra, a ruína económica e a loita pola supervivencia érguense como metáfora do país.A memoria vai compondo esta narración a dúas voces nun intento de completar a mera visión individual. Os dous narradores coa mesma partitura interpretan cadencias ben diferentes. O contraste entre a visión sensual e distante coa máis íntima e identitaria permite a contemplación contrastante dun pasado común. O edificio familiar, cumpridos os cen anos, aparece como sede da memoria doméstica e social, lugar onde reclamar os ausentes.”

Recomendamos: Pan con chocolate, de Paula Carballeira

Pan con chocolate. A merenda de Gianni, de Paula Carballeira, con ilustracións de Xiana Teimoy, é un libro publicado por Xerais.

“Este libro non conta unha historia, conta moitas historias. Este libro conta a historia dun neno chamado Gianni Rodari, pero tamén podería contar as historias de moitos outros nenos e moitas outras nenas que soñan e escriben para poder ter tantas vidas como queiran. Porque neste libro hai gatos, piratas, bruxas, cans, trens, corvos, teléfonos, cebolas, tomates… Imaxina ler este libro comendo pan con chocolate. Este é un libro para imaxinar aventuras. Este é un libro para xogar. Este é un libro para que te divirtas aínda máis.”

Aquí pode descargarse unha proposta de lectura da obra.