Recomendamos: Migrantas, de María Alonso Alonso

Migrantas. A nova diáspora galega contada por mulleres, de María Alonso Alonso, é un libro publicado por Galaxia.

“Trátase dun libro de conversas coas que marcharon forzadas por unha crise, ou crises, que nada teñen que ver con elas.
Un libro de historias en primeira persoa sobre a nova diáspora galega onde falan as súas protagonistas, e que intenta romper coa idea patriarcal da emigración galega. Os testemuños das mulleres que aquí participan abordan temas relacionados cos sentimentos de pertenza e de desarraigamento, a idea de fogar, o concepto de tránsito ou o do regreso imposible. As historias que dan forma a este libro son historias dispares condicionadas por variadas causas e con diferentes resultados, historias de superación e de frustración, en moitos casos, que quedarán como memoria oral dunha xeración e dunha época.”

Recomendamos: venecia desabitada, de Eduardo Estévez

venecia desabitada, de Eduardo Estévez, é un libro-CD publicado por Positivas.

“É venecia abandonada un libro de poemas en prosa escrito por Eduardo Estévez, que ten como fío condutor o paseo dun viaxeiro solitario por unha Venecia distópica que quedou deshabitada de forma imprevista. É unha reflexión sobre o lugar, os espazos comúns, o modo en que estes lugares se entrelazan coas marcas da cultura que os ordena; sobre o abandono, a transcendencia da pegada humana nos espazos físicos e as escollas que as persoas fan cando teñen que deixar atrás un lugar.
Os textos do libro dialogan coa música do Grupo 1500 (Belén Bermejo, Andrés Díaz e Pablo Ruibal): un conxunto de pezas que xiran arredor dos múltiples tópicos cos que se identifica a República Serenísima de Venecia. Obras escritas e musicadas en italiano antigo, latín, castelán e galego, o groso delas publicadas nas imprentas de música que funcionaban en Venecia no 1500.
O concepto do conxunto (e a súa orixinalidade) procura tender pontes con dous polos xeográficos e dous polos temporais. Venecia e Compostela, o século XVI e o XXI. Catro grandes imáns da cultura que interactúan para construír unha gran metáfora dos tempos que nos toca vivir. A imaxe da cidade deshabitada nos poemas e a música dos séculos finais da Idade Media e comezos do Renacemento, proxéctanse sobre as rúas abandonadas na Compostela da pandemia en arranxos escritos e interpretados por músicos galegos do século XXI.”

Recomendamos: A desvértebra, de Ana Romaní

A desvértebra, de Ana Romaní, é un libro publicado por Chan da Pólvora.

“Ana Romani levaba unha década sen publicar un poemario pero a espera pagou a pena porque A desvértebra supón un xiro revelador na súa obra e descubre novas vertentes e expresións dunha poeta que xa é, en por si, unha das voces máis admiradas da poesía galega contemporánea. Estamos ante un libro que imbrica a trascendencia co humor, a postura de radicalidade ética coa máis fina ironía ata conseguir un dos títulos máis relevantes que se publicaron en Galicia nos últimos anos.
O libro chega acompañado dunha experiencia singular que a poeta desenvolve xunto a Chus Silva, músico e integrante do proxecto de electrónica musical Aparato, co que traballou nos últimos anos. Xuntos estrearon xa o pasado ano a peza “2% un recital para esquecer” no Festival Alguén que respira, do que forman parte como creadores de espazos sonoros.
A desvértebra é un territorio literario, xeográfico e político que Ana Romaní cartografía co rigoroso instrumental do poema, convertido aquí na substancia dun corpo común, social, inmobilizado, pero tamén nun exercicio liberador de ironía e irreverencia paródica. En A desvértebra todo semella estar a caer e nese abismo conflúen tempos e espazos. Os seus exhaustos organismos, sometidos ao escrutinio, ao control, á disección, á disciplina, aos mecanismos diarios da vixilancia, explotación e espolio, parecen subsistir nos ámbitos sitiados por unha autoridade que se arma nos discursos, con estratexias despregadas no emocional, no intelectual e no físico. E aínda na crueldade táctica disciplinaria e nos espazos cotiáns onde se manifesta tentacular ese dominio, Ana Romaní fai emerxer orografías imprevistas, outras formas da materia vibrante, acaso a vida.”

Esta foi a crítica de Ramón Nicolás sobre a obra, dispoñíbel aquí.

Recomendamos: Pazo de inverno, de Alberto Lema

Pazo de inverno, de Alberto Lema, é un libro publicado por Galaxia, gañador do Premio García Barros en 2021.

“Que sucedería se un grupo político novo chegase ao goberno coa intención de cambiar a orde das cousas? Que relación establecerían con eles os poderes fácticos locais? Como se conciliarían os proxectos e a realidade? Serían quen de dominar a complexa maquinaria burocrática do concello dunha cidade do norte de Galicia?
Nesa cidade, chamada Faro, as cousas non son tan sinxelas como parece. A Helena, a nova alcaldesa, a quen lle abonda un aceno para transmitir a vontade toda da transformación social, non lle chega con obter a maioría nunhas eleccións. Cómpre introducirse nas engrenaxes da administración; tratar con xornalistas coma Miranda, tan escéptico como para ser cínico, e manter a raia empresarios que levan toda a vida mandando, como Cosme Durán. Tampouco é suficiente inverter o protocolo patriarcal nin manter os compañeiros afastados da doenza infantil do esquerdismo. Cómpre gorentar o fracaso para ter a certeza de que a grandeza das ilusións nunca se perde.
Mapa dunha paisaxe social, das arelas, conflitos e intereses dunha cidade, a novela de Alberto Lema consegue personificar vicios e virtudes, dúbidas e certezas, crenzas e valores cun xeito de contar que sorprende e fascina ao tempo que desvela e ilumina a realidade.”

Recomendamos: O segredo de Al’eume, de Pilar Ortega Pereiro

O segredo de Al’eume, de Pilar Ortega Pereiro, é un libro publicado por Cuarto de Inverno, que obtivo o IV Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil.

“Despois do accidente en bibicleta da súa irmá Teba, nunha visita ao mosteiro de Caaveiro, Xiana ve como os seus problemas van en aumento e conseguir os cartos para a carísima operación da nena convértese no obxectivo familiar. Presionada polo segredo que agocha en relación co accidente, embárcase, xunto coa súa amiga Lúa, na procura dun suposto tesouro, tras o que andan tamén o seu tío, uns investigadores da Universidade de Oxford e un compañeiro de instituto. Quen conseguirá dar co tesouro de Al’eume?”