Recomendamos: Final feliz, de Xavier Queipo

Final feliz é un libro de Xavier Queipo, publicado por Xerais.

“Os de Final feliz son relatos en carne viva, un mando de historias para espertar conciencias ou establecer a ponte entre o real e o imaxinario, entre o que non se conta e o que agroma do subconsciente. A través delas sentimos o voo dos estorniños nun ceo de Istanbul envurullado en murmurios do Oriente; abrimos o armario encaixado na súa coiraza de pedra para deixar fuxir os fantasmas sexuais en gloriosa promenade; vemos medrar a hedra do tempo no medio dunha gran nevarada en Viena; notamos o vaivén das ondas nos afastados mares de Terranova. Xavier Queipo preséntanos historias impregnadas de sensacións oníricas, que asentan nas lecturas, na experiencia vivida, na observación da natureza, e que conforman un novo elo no universo literario do seu autor.”

Recomendamos: Heidi, de Johanna Spyri

Heidi, de Johanna Spiry, traducido por Patricia Buxán Outeiro, con ilustracións de Miguel Robledo, é un libro publicado por Aira.

“O toutizo do Metiu do Alpe, o veciño do que ninguén quere saber, vai ter que tomar conta da súa neta orfa, Heidi. A chegada da cativa á cabana do avó cambiará para sempre a súa vida. Chega á colección ‘Clásicos ilustrados’ unha novela inesquecible, un clásico da literatura alemá, un tesouro da cultura suíza. Unha reinvidación da vida sinxela, un canto de gratitude aos dons que outorga a natureza máis esgrevia. Quen coñece a Heidi non pode apartala xa nunca máis do seu recordo, que é o mesmo que dicir do seu corazón.”

Recomendamos: Ara do mar. Poesía a Fisterra

Ara do mar. Poesía a Fisterra é un libro publicado por Eneida.

“Chegar até Fisterra; a fin do mundo; o Nérion Akrotérion de Strabon; o Promontorium Celticum de Plinio; é procurar a senda do Arasolis; de san Guillerme a luz e as Pedra Santas; a tumba da Orcavella ao pé do Facho; e a Cova do Encanto en Mar de Fóra; Duio; Castromiñán; Hermedesuxo; o xemido da lenda nunha bágoa. Antoloxía coordinada por Alexandre Nerium.”