Recomendamos: María Casares. A célebre refuxiada, a descoñecida, de Arancha Estévez

María Casares. A célebre refuxiada, a descoñecida, de Arancha Estévez, é un libro publicado por Aira.

“Centenario de María Casares (1922-2022)
María Victoria Casares Pérez é unha das figuras máis destacadas do século XX e malia todo aínda segue a ser unha descoñecida. Como unha nena «ben» da Coruña, filla dun ministro republicano, acabou por ser unha das grandes actrices de Francia? Por que escolleu para si a cicatriz de exiliada, refuxiada, e nunca volveu a Galicia?
Arancha Estévez escribe esta precisa e evocadora biografía da actriz, quen polas vicisitudes que tivo que atravesar, converteuse tamén en exemplo e metáfora das arelas e pesadelos da historia recente de Galicia. Unha invitación a unha festa, á vida intensa dunha muller que nos segue a fascinar.”
Aquí pode lerse un fragmento da obra.

Recomendamos: Historia da Galicia pequeniña, de César Cequeliños e Jorge Campos

Historia da Galicia pequeniña, de César Cequeliños e Jorge Campos, é unha obra publicada por Aira Editorial.

“O pasado de Galicia como nunca cho contaron. Mapas, obxectos, acontecementos e personaxes para que nos coñezamos mellor.
Dos autores do Atlas da Galicia pequeniña.”
Aquí podes ler un pequeno fragmento da obra.

Recomendamos: Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo, de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira

Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo, de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira, é un libro publicado por Galaxia.

“A tantas mulleres que turraron da vida coas mans e das que non ficou rexistrado o nome, este libro de mulleres das que sabemos os nomes.
A historia de Juana María de Vega é a dos repetidos intentos de revolución liberal ao longo do século XIX, da Constitución de 1812 aos pronunciamentos de Porlier, Del Riego, Torrijos e Solís e os mártires de Carral, que os seus protagonistas pagaron coa vida. Juana, o seu home, Francisco Espoz y Mina, e os seus pais, participaron nestes intentos, o que lles custou multas, cárcere e exilio. Juana de Vega converteu a súa casa da Coruña nun centro intelectual e político e ideou formas de participación na vida pública nun tempo en que isto estaba prohibido ás mulleres. Deixou tamén unhas Memorias que complementan as súas accións en defensa das liberdades coas xustificacións desa loita, e conseguiu amosar que as batallas polas causas perdidas son semente de futuro.”

Recomendamos: O meu sangue, de Diego Giráldez

O meu sangue, de Diego Giráldez, é un libro publicado por Galaxia.

“Empatizarías con alguén que humilla o teu sangue? Ata onde serías capaz de chegar para defender o que máis queres?
Para David Ledesma, que soña con ser un escritor de éxito de novela negra, un disparo ridículo nunha perna é o colofón da súa vida con Belén e o comezo dunha relación tráxica con María. A partir de aquí, o protagonista mergúllase nunha trama onde a violencia, a maldade e o amor entretecen un relato de vinganza.
Diego Giráldez compón un gran tapiz que nace da intimidade dun corazón desafiuzado que loita por recompoñerse. O meu sangue é unha intriga que nos arrastra ao particular descenso aos infernos do protagonista e a unha defensa irracional do que nos fai máis felices: os seres e os lugares queridos.”

Recomendamos: A (des)memoria, de Clara Vidal

A (des)memoria, de Clara Vidal, é un libro publicado por Medulia.

“O cuarto que nos amosa Clara Vidal neste fermoso poemario ten a forma dunha sima á que debemos asomarnos sen complexos, vencendo a vertixe que provoca a escuridade. Unha negrura que é, por familiar, abondo coñecida, porén da que ignoramos todo: a noite que nos invade cando as enfermidades da (des)memoria inzan as sinapses dunha persoa querida.”

Aquí podes consultar varios poemas e referencias do libro, na web da propia autora.