Recomendamos: Sen alento, de Ramón Area

Sen alento, de Ramón Area, é unha obra publicada por Positivas.

“O aire, ás veces, deixa sen alento as persoas. Ao seu través viaxan os virus, as palabras dos profetas e as ordes dos gobernos. É quen de mover os muíños para despois acubillar as liñas infinitas dos cables eléctricos, testemuñas do progreso e tamén da loita polos beneficios económicos.
Ninguén asegura que o aire sexa invisible. Quizais porque é o lenzo onde as imaxes desafían a verdade. O pouco que nos deixa de seu son os cheiros que recolle aquí e alá, un rastro que tenta a nosa necesidade de achar orixes e significados.
O Atlántico cheira. A catedral ten arume propio por baixo do botafumeiro, os curas, as monxas e os peregrinos. Tamén olen os uniformes da garda civil, as residencias para persoas maiores, os cedros, os salmóns, as centrais eléctricas e mesmo os meses do ano.
Os olores rodéannos sen deixar moita marxe para evitalos, mesmo tapando o nariz. Por iso, cando na vila comezaron os roubos nas vivendas dos vellos, ao sarxento Fernández cheiroulle a repugnancia. Lucía, pola contra, amosouse decidida a rematar co mal olor.
Maila non ser decisións incompatibles, trazaban destinos distintos para todos os que estaban na obriga de compartir comarca e aire, fosen apóstolos, pantasmas, herexes, mozos prometedores, doentes dos bronquios, empresarios de longo percorrido ou anciáns de asilo e visita familiar o domingo á tarde.”

Recomendamos: A voz das últimas cigarreiras coruñesas. Lembranzas dun tempo ido, de Ana Romero Masía e Xulia Santiso

A voz das últimas cigarreiras coruñesas. Lembranzas dun tempo ido, de Ana Romero Masiá e Xulia Santiso, é unha obra publicada por Baía.

“Darlles voz ás cigarreiras. Iso mesmo debeu pensar Emilia Pardo Bazán. Darlles voz directa, non falar sobre elas ou por elas, senón que sexan elas as que falen por si mesmas. Nesta ocasión non puidemos ir á Fábrica de Tabacos —agora convertida en Audiencia Provincial— pero buscamos lugar no que encontrarnos para falar con elas. Así, ao longo de horas de conversa con Pilar, Cani, Lolecha, Mariceli, Rosi, Elena, Camocha, Matucha, Elvira e Rosalía puidemos comprobar como —pasados xa case 20 anos do peche da Palloza— seguen emocionándose cando rememoran o seu paso polos diferentes talleres, as relacións cos xefes, as festas na fábrica, as dificultades para compaxinar traballo e familia… e, sobre todo, a dor e a tristura dos últimos días como cigarreiras.”

Recomendamos: Luces da Costa da Morte, de Xosé Iglesias

Luces da Costa da Morte, de Xosé Iglesias, é unha obra publicada por Bululú.

“Unha colección de postais de faros con poemas do mar ou viceversa? O que tes nas mans é moito máis. É un artefacto poético e visual que emerxeu das augas da Costa da Morte, onde vive o seu autor, o artista oceánico Xosé Iglesias. Páxina a páxina, funde o misterio máxico da fin do mundo coa beleza directa e salvaxe do mar. Combina, así, a súa paixón pola poesía, pola pintura e por ese universo mergullado que navega a diario, por ese mundo feito de sal, vento e sol, e habitado polas súas criaturas icónicas: baleas, candorcas, delfíns…”

A estrambótica volta ao mundo en oitenta días, contacontos coa Compañía Pérez e Fernández, o 12 de novembro ás 12:00 h.

Con A estrambótica volta ao mundo en oitenta días, publicado pola Editorial Bululú, Pinto e Chinto convídannos a acompañar ao cabaleiro inglés Phileas Fogg e a Paspartú, o seu criado, nunha viaxe contra o reloxo. Teremos que sobrevivir a travesías marítimas ateigadas de tornados, a montañas que devoran trens e, mesmo, a rituais fanáticos no medio da selva. Iso si, podemos asegurarvos que os nosos amigos superarán todos estes perigos con boas doses de imaxinación e improvisación; as mesmas doses de diversión e gargalladas que vos proporcionará este libro. Agarrádevos ben ás súas páxinas e preparádevos para unha viaxe ao redor do mundo.

Recomendamos: Donas de nós, de Ánxela Gracián

Donas de nós, de Ánxela Gracián, gañadora do 10.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2022, é unha obra publicada por Baía.

“A Morgana desta obra, implacable co patriarcado, asume como misión propia que as mulleres sexan donas de si. Co mago Merlín como aliado, axudará a Mendiña, unha moza fermosísima, libre e apaixonada, que vive recitando os seus poemas polo Camiño a Compostela, ata que un día, por azar, cruza cun Príncipe que, seducido pola súa beleza, valentía e naturalidade, lle pide matrimonio, negándose a casar con Mademoiselle Xuxú, unha rica princesa provenzal que resulta moi conveniente para todos.”