Recomendamos: De Compostela a Braga e de Braga a Compostela (O Pío Latrocinio e outras vellas inimizades), de Miguel Vázquez Freire

De Compostela a Braga e de Braga a Compostela (O Pío Latrocinio e outras vellas inimizades), de Miguel Vázquez Freire, é unha obra publicada por Positivas.

“Este texto naceu en resposta a unha petición que o autor recibiu da editorial para axudar a cubrir un oco en relación cun tema, o Pío Latrocinio perpetrado polo arcebispo compostelán don Diego Xelmírez en varias igrexas de Braga, que abriu un período histórico de hostilidade entre a sé compostelá e a bracarense que tardaría séculos en superarse.
Aínda que o tema ten recibido cumprida atención en múltiples estudos históricos, sorprendentemente non tivo o eco na memoria popular que, segundo pensamos autor e editor, cabería agardar. Ese é o oco que se pretende atender e, a partir del, apuntar apenas algunhas outras vellas inimizades que algo fixeron para que galegos e portugueses, veciños e irmáns en tantas cousas, viviran moito tempo, sempre demasiado, de costas viradas.
Ter coñecemento delas se cadra, iso agardamos, poderá contribuír a que, onde onte houbo inimizade, haxa hoxe e mañá o que nunca debeu faltar: amizade e irmandade.”

Recomendamos: Que me pare o corazón se te esquezo, de Andrea Maceiras

Que me pare o corazón se te esquezo, de Andrea Maceiras, XV Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, é unha obra publicada por Xerais.

“Blue Shiva é a deusa das redes sociais. Na súa popular canle aparecen os retos virais máis arriscados. Pero tamén é unha deusa fráxil. A noite en que decide camiñar polo bordo dun edificio de dez andares, só desexa que a chuvia deteña a súa ousadía. Porén, Nordestal é unha cidade ventosa, e Blue Shiva precipítase ao seu propio abismo.Axiña as redes sociais difunden a nova da súa morte. Do outro lado da pantalla, Ada, que non pode crer que Blue Shiva xa non exista, pídelle axuda á súa irmá xemelga, Lúa, e convértea en cómplice involuntaria. Pola súa banda, Gabriel regresa a Nordestal guiado polos latexos do seu corazón.Narrada a dúas voces, Que me pare o corazón se te esquezo é unha historia sobre ese mar que nos axita por dentro e sobre aquel que se abre alén das nosas pantallas, tinguido pola peor sombra e, ao tempo, capaz da maior luz.”