Recomendamos: Lingo, de Gaston Dorren

Lingo, de Gaston Dorren, é unha obra publicada por Rinoceronte, en tradución de Moisés Barcia.

Lingo propón unha viaxe por Europa e o seu amplo abano de linguas. Gaston Dorren recolle sesenta curiosidades arredor da diversidade lingüística europea que combinan historia, cultura e lingüística. Comprobaredes como ao francés, aparentemente tan maduro, o move realmente unha fixación pola súa nai ou que o alemán –contra o que cabería agardar– non se espallou por Europa a punta de pistola. Tamén viaxaredes a lugares máis afastados, cando exploremos a estraña natureza democrática do noruegués, as tendencias zigzagueantes do neerlandés no tocante ao xénero, as sanguentas batallas libradas por culpa do grego e os orfos lingüísticos dos Balcáns. E, afastándovos aínda máis dos camiños trillados, guiarémosvos ata as antigas reliquias do lituano, o snobismo do sorbio e os desconcertantes xiros do éuscaro.”
Aquí pode lerse unha mostra da obra.

Recomendamos: Alfredo Vilas (O republicanismo irredutible do esquecido «Castelar galego»), de Gonzalo Vilas

Alfredo Vilas (O republicanismo irredutible do esquecido «Castelar galego»), de Gonzalo Vilas, é unha obra publicada por Positivas e o Consorcio de Santiago.

“Alfredo Vilas (1854-1904) foi un dos máis destacados oradores galegos de finais do s. XIX. Avogado e médico, figura dos estrados, político sen escano, “soldado da república”, nas súas verbas, que nunca cedeu na propagación da idea republicana, Vilas aparece como unha figura pública célebre na súa época que hoxe apenas é lembrado nalgún episodio en que interviu, como o traslado dos restos de Rosalía de Castro. Dotado dun enxeño proverbial e dun intelecto destacado, a súa oratoria despregada no foro xudicial, en xuízos que espertaban o entusiasmo do público e a prensa, ou en mitins políticos de diversa índole, valéronlle o alcume de “O Castelar Galego”. Título que algún autor como Antón Vilar Ponte consideraba inxusto, por supeditalo a outra figura e considerar o compostelán aínda superior en algúns aspectos ao daquela tido polo mellor orador do Estado.
Declarado anticlerical, Vilas foi unha voz discordante dende mozo na Compostela dominada pola Igrexa, pugna que tivo o seu colofón cando, na súa morte, o arcebispo prohibiu o seu enterro en terreo sagrado, obrigando ao seu sepelio no cemiterio civil coruñés, entre un considerable escándalo. Gonzalo Vilas, descendente indirecto do orador, interesouse pola súa figura desde pequeno, en que na casa familiar de Prevediños (Touro), que fora residencia de don Alfredo, resoaban ecos inconexos arredor do personaxe. Despois de anos de recompilación de datos, e principalmente de indagación na prensa da época, ofrécenos esta biografía deste republicano sen república, na que, lateralmente, podemos sumirnos tamén nas circunstancias e episodios políticos e sociais dunha época apaixonante e non sempre ben coñecida.”

Recomendamos: Moza falangueira procura lingua materna, de Carys Evans-Corrales

Moza falangueira procura lingua materna, de Carys Evans-Corrales, traducida por Pepe Coira e Marta Cuba, é unha obra publicada por Laiovento.

““O relato dunha peregrinación á procura da verdade e da identidade a través do son das palabras”. Así define este particular libro de memorias a súa autora, Carys Evans-Corrales (1949-2020), lingüista, profesora, tradutora (traduciu ao inglés numerosos autores galegos: Murado, Pallarés, Sumai, Borrazás…) e protagonista dunha singular peripecia vital.
Con só tres meses de idade deixou o seu Londres natal para se instalar en Singapur, onde o pai conseguira traballo como profesor de Lingua e Literatura. As súas primeiras palabras foron en hainanés, o idioma da muller chinesa que a coidaba. E logo había entrar en contacto co malaio en Kuala Lumpur, co crioulo en Kingston, co galés na terra dos pais, co inglés e as súas infinitas variantes desde York a New Jersey, co galego e o castelán na Compostela do final do franquismo e os inicios da democracia…
A Carys cadroulle vivir, falar e escoitar en países que, coma a propia autora, estaban á procura dunha identidade. Moza falangueira procura lingua materna é o relato vital dunha muller que viviu os idiomas coma “ferramentas para intentar descifrar o mundo e para sabermos quen somos”.”

Aquí pode lerse un pequeno fragmento desta obra.