Recomendamos: Mariña: de deusa a santa, de Rafael Quintía Pereira

Mariña: de deusa a santa, de Rafael Quintía Pereira, libro que conseguiu o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2016, está publicado por Galaxia.

“O libro é unha análise e estudo da apropiación dos mitos célticos e da relixiosidade galaica realizada polo cristianismo. Neste caso, exemplificada a través das múltiples advocacións a Santa Mariña presentes en Galicia. Mariña: de deusa a santa está escrito nunha prosa áxil e fluída que facilita un percorrido ameno polas transofrmacións históricas do culto pagá e do cristián. Estas transformacións converteron os lugares de culto coma montes, fontes, árbores e lagoas sagradas en lugares cristianizados. O traballo de investigación realizado polo autor insírese dese xeito nunha tradición de grande importancia para a cultura galega, tradición que chanta as súas raíces no labor do Seminario de Estudos Galegos. Velaquí un ensaio ben documentado e cunha exposición analítica dun caso senlleiro que constitúa unha especificidade de enorme significado para a antropoloxía cultural de Galicia.”

Recomendamos vivamente entrar no blogue do autor!

Galicia Rural, de Iain Colquhoun

Iain Colquhoun, un inglés que reside aquí desde 1991, deixounos esta ollada delicada e tan allea como propia á Galicia Rural de onde provimos case todas e todos nós. Unha forma de ver e de vernos do máis interesante. Nas súas palabras:
“(…) A cultura rural en Galicia, os seus costumes e obxectos, a súa arquitectura e a súa simple pero efectiva tecnoloxía foi construída pola xente común e é unha herdanza inestimable que non só ten que ser consevada, contemplada e admirada; é un modelo do cal tirar algunhas leccións importantes para o futuro. É hora de que escoitemos de novo unhas voces vellas e sabias que seguen resoando entre estes vellos muros de pedra e que nos falan doutra maneira de vivir en consonancia coa nosa verdadeira humanidade e co noso planeta Terra. (…)”.