Recomendamos: De remate, de Héctor Cajaraville

De remate é Héctor Cajaraville De remateo novela coa que Héctor Cajaraville gañou o Premio Xerais 2015.

De remate é unha novela tremendamente singular no xeito de narrar. Está construída fragmentariamente a través das columnas de opinión do seu protagonista, o xornalista Bieito Sanmarful, complementadas con textos pertencentes ao seu diario íntimo e outros materiais de diversa procedencia: correos electrónicos, anotacións en blogs, poemas, documentos oficiais… A través das páxinas desta novela non asistimos só ao retrato sociolóxico da Galicia que habitamos, senón que tamén imos descubrindo a propia vida e o itinerario persoal do protagonista, aflixido por unha doenza coa que se ve obrigado a convivir e que combate con humor, ironía e estoicismo. Coa lectura dos seus textos imos descubrindo un Bieito Sanmarful que se mostra, nos últimos anos de súa vida, como unha persoa fráxil e dependente, autoesixente, que nos achega a súa visión nada dogmática sobre o mundo e as persoas que o rodean, a través dunha reflexión permanente sobre si mesmo. Estamos ante un relato de estrutura poliédrica no que se artella un calidoscopio literario do país e dos seus habitantes valéndose dunha amálgama de estilos metaliterarios cos que o propio autor comparte protagonismos. De remate é unha novela entretida, divertida, ben escrita, que recrea con acerto e moita habilidade diferentes rexistros lingüísticos, incluídas diversas variantes dialectais que axudan a retratar os personaxes; unha novela sólida, moderna, que convence, que engancha e que nos fai redescubrir o gusto pola palabra.”

https://www.youtube-nocookie.com/embed/ipUHbJo-BHE

https://www.youtube-nocookie.com/embed/2VXep9oorAE

O DVD de A Esmorga, de Ignacio Vilar, á venda na Libraría Sisargas

A EsmorgaNa nosa libraría temos á venda desde xa o DVD da versión cinematográfica da novela de Eduardo Blanco Amor A Esmorga, dirixida por Ignacio Vilar, con Antonio Durán “Morris”, Miguel de Lira e Karra Elejalde.

https://www.youtube-nocookie.com/embed/_f3ePrkSE0Y

ESMORGA-cartelA-web

Un chapeu negro e un nariz de pallaso, sobre Roberto Vidal Bolaño

A figura de Roberto Vidal Bolaño é ben analizada neste libro-DVD, Un chapeu negro e un nariz de pallaso, ensaio de Montse Pena Presas acompañado por un vídeo de Gonzalo Enríquez Veloso, publicado por Galaxia. Aquí queda este petisco:

Presentación de Morreu o demo, acabouse a peseta, o venres 14 de xuño

A sexta feira 14 de xuño, a partir das 20:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Monte Alto-Atochas-A Torre, nun acto organizado conxuntamente coa Librería Sisargas, terá lugar a presentación do libro-DVD Morreu o Demo, acabouse a peseta. Un documental e máis de sesenta páxinas de contidos conforman este lanzamento, que quere difundir a figura de Barriga Verde, títere por excelencia no noso país durante o século XX. O filme, que se puido ver xa en diferentes festivais europeos, chega agora para a súa distribución en formato doméstico nunha edición de luxo que achega múltiples contidos extra.
Anxo García e mais Germám Ermida, da Asociación Cultural Morreu o Demo presentarán a iniciativa, que permite coñecer polo miúdo a figura de Barriga Verde, a súa importancia para a cultura galega entre os anos 10 e 60 do século pasado e mais o seu parentesco con outras figuras do títere popular europeo.
O filme Morreu o Demo, acabouse a peseta, dirixido por Pedro Solla e con produción executiva de Comba Campoy, amosa por unha banda o proceso de recuperación da barraca de Barriga Verde da man da compañía Viravolta Títeres, ao tempo que indaga nos parentes europeos de Barriga Verde: Punch, Pollichinella, Guignol ou Kaspar, amosando a vitalidade dun legado a nivel continental que tamén ten a súa representación no noso país.
O DVD vai acompañado dun libro de 62 páxinas que permite coñecer máis polo miúdo o proceso de xestación do documental, a importancia da tradición europea de títeres, a familia europea destes bonecos ou unha primeira achega á biografía de José Silvent, principal responsable de que Barriga Verde se convertise nun fito da nosa cultura popular. Textos de Toni Rumbau, Xaime Iglesias, Comba Campoy ou Germám Ermida actúan a xeito de extras do documental e permiten unha ollada máis fonda a este fenómeno da nosa escena.
A edición foi froito da colaboración entre Urco Editora, Tintimán Audiovisual e a Asociación Cultural Morreu o Demo, que inicia con esta iniciativa o seu traballo a prol da difusión e recuperación do títere tradicional galego. A Asociación que unifica diferentes inicitivas de investigación e divulgación encol deste tema, presentará proximamente as súas propostas de actividades para os vindeiros meses.
Os membros da familia Silvent foron os principais responsábeis da popularización deste personaxe, coñecido e imprescindible en feiras e festas de todo o país. Malia a se ter retirado da escena nos anos 60, moitos dos ditos das súas obras, como a frase “morreu o demo, acabouse a peseta” quedaron gravados na memoria popular de varias xeracións. No seu día obtiveron unha inmensa popularidade coa foi reivindicada por múltiples voces como a principal expresión teatral galega durante os anos da posguerra.