Recomendamos: A parte dos anxos, de Emma Pedreira

A parte dos anxos, de Emma Pedreira e Carlos Lago (O Terser Home), é unha obra publicada por Aira.

“Belas criaturas no transo da morte. Humor e terror abrazados nun melancólico tango. Esta colección de relatos de Emma Pedreira e Carlos Lago detense no derradeiro alento para converter o inesperado, o incómodo e o arrepiante en literatura, en beleza.”

Recomendamos: Na insônia cruel do relógio, de Antom Laia

Na insônia cruel do relógio, de Antom Laia, é un libro publicado por Medulia.

“Con fermosas fotografías interiores a toda cor realizadas por Antom Laia e pola poeta Teresa Ramiro, estamos ante un libro de poemas de gran forza visual. A paisaxe, o amor pola natureza, pola terra ou o desexo, están presentes nestas páxinas.”

Recomendamos: Estrita necesidade, de Carlos Negro (fotografías de Benxamín Otero)

Estrita necesidade, de Carlos Negro, con fotografías de Benxamín Otero, é unha obra publicada por Alvarellos.

“Versos e fotografías compoñen a nova obra de Carlos Negro, ilustrada coas imaxes de Benxamín Otero. Leva por título Estrita necesidade, e nela os autores renden homenaxe, escrita e visual, á xeración de pais e nais da posguerra, a uns tempos de racionamento, austeridade, duro traballo, afectos fondos e resistencia.
A carón dos versos de Carlos Negro emerxen as imaxes de Benxamín Otero, nun diálogo escrito e visual que se complementa á perfección.
Así describe a súa obra o seu autor Carlos Negro:
“Este libro establece un diálogo coa figura paterna, pescuda nas tensións íntimas da masculinidade, captura a relación entre un corpo e os obxectos que o rodean, entre as mans e a ferramenta, entre a palabra e os múltiples silencios que habitan nas elipses dunha biografía. Este libro retrata unha xeración de homes que nunca botou os restos de comida ao caldeiro do lixo. E deixa sobre o prato a prana dunha mazá, a esencia da luz, o termar da memoria entre as sombras. Este libro é de estrita necesidade, como as fotografías que o alumean“.”

Recomendamos: Illados. Diario da pandemia, de María López Sández

Illados. Diario da pandemia, de María López Sández, con fotografías de Miguel Muñiz, é unha obra publicada por Galaxia.

“A primavera de 2020 mudou para sempre as nosas vidas e deixará, sen dúbida, fondas pegadas na memoria da nosa xeración.
A cámara de Miguel Muñiz condensa, en imaxes, moitas das emocións experimentadas ao longo destes días que transcorreron baixo a sombra da pandemia: o baleiro das rúas, os ollos asustados, a épica da loita, as historias de camioneiros en tránsito e circos varados nun tempo estraño, escolas desertas e nenos confinados, reencontros e fronteiras, a vida que á fin agroma entre as fendas… Imaxes e textos; literatura e fotografía; poesía e ensaio. A arte coma unha arma para enfrontármonos ao mundo e dotalo de sentido. Ao xeito de Boccaccio e os seus cen contos do Decamerón, erguéndose, con vitalismo, fronte á peste negra, os textos de María López Sández acompañan e interpretan estas fotografías que lle dan forma ao que sentimos e o integran con tinta imborrable na nosa experiencia.”

Recomendamos: Aldeas sen voz, de Vicente Ansola e A Porta Verde do Sétimo Andar

Aldeas sen voz é vicente-ansola-aldeas-sen-vozun proxecto que recolle as fotografías de Vicente Ansola e os versos de A Porta Verde do Sétimo Andar, publicado pola Editorial Canela.

“Os pobos das néboas é un amplo espazo xeográfico que cobre, aproximadamente, as dúas terzas parte do concello da Pontenova. Dentro del existe un triángulo máxico que, ao igual que o resto da zona, Vicente Ansola denominou como Triángulo dos Trasnos. Aquí, en todo este territorio, desenvólvese a historia que conta Aldeas sen voz, un libro de fotografía, enriquecido coa poesía e a narrativa.
Paisaxes oníricas, retratos cheos de forza, chiscadelas á pintura con fotografías que lembran estilos e obra de Johannes Vermeer ou Antonio López, a Piet Mondrian, a Paul Klee, ou a Vincent van Gogh, que a ollada áxil do lector observador pode detectar rapidamente. E homenaxes á “Rural Art”, como a define o propio Vicente Ansola.
Imaxes en que se representa o abandono do mundo rural e o deterioro de aldeas que, outrora, foron xermolo de vida, convivencia e subsistencia. Imaxes que tentan concienciarnos da necesidade urxente da conservación e recuperación destes lugares, tanto no aspecto arquitectónico como no social e de servizos.
Unha obra con mensaxe en que participaron 18 poetas de toda Galicia que forman parte do colectivo “A Porta Verde do Sétimo Andar”: Paco Souto, Rochi Nóvoa, Xosé Iglesias, María José Fernández López, Iolanda R. Aldrei, Jose Estévez, Miguel Ángel Alonso Diz, Patricia Sánchez, Miguel Alonso, Marta Pedrosa Agra, Rosa Enríquez, Xosé Manuel Abeledo, Alfonso Láuzara, Pili Mera, María N. Soutelo, Ramiro Vidal e Manolo Pipas, alén de Loli Beloso, Alberto Calvín Corredoira e Belén Rico Prieto, o director de cinema Pepe Jordana, Francisco Martín Medrano, Pablo Quintana… e toda a veciñanza do entorno.”

Aquí poder lerse a crónica feita por María José Fernández López e unha entrevista ao fotógrafo Vicente Ansola, na Palavra Comum.

Recomendamos: Terra, publicación con poemas e fotografías promovida por Cultura que une

Terra, Terralibro colectivo con fotógraf@s e autor@s de Galiza e Portugal, está publicado por Cultura que une.

Cultura que une é un proxecto transminhoto, unha aposta galega e portuguesa para a comunicación libre e directa entre as dúas culturas, ou, se se quere ver así, entre dúas partes dunha mesma cultura, feito por persoas e entidades a un e outro lado do Miño, nomeadamente tendo como grande impulsora á Fundación Vicente Risco.
Terra é unha das súas primeiras materializacións, un traballo en formato de libro coa participación dest@s artist@s e escritor@s:
– Fotografía: António Pinto, Anxo Cabada, Catarina Almeida, Diogo Cardoso, Fernando Ribeiro, Iván Merayo, João Madureira, Maribel Valdivieso Varela, Santi Amil e Xosé Luís Alonso.
– Poesía: Alfredo Ferreiro, Amadeu Baptista, António Fortuna, Berta Dávila, Carlos Da Aira, João Madureira, José Braga-Amaral, Ramiro Torres, Virgínia do Carmo e Yolanda Castaño.

Aquí poden verse vídeos coas fotografías e a voz d@s autor@s.

Galicia Rural, de Iain Colquhoun

Iain Colquhoun, un inglés que reside aquí desde 1991, deixounos esta ollada delicada e tan allea como propia á Galicia Rural de onde provimos case todas e todos nós. Unha forma de ver e de vernos do máis interesante. Nas súas palabras:
“(…) A cultura rural en Galicia, os seus costumes e obxectos, a súa arquitectura e a súa simple pero efectiva tecnoloxía foi construída pola xente común e é unha herdanza inestimable que non só ten que ser consevada, contemplada e admirada; é un modelo do cal tirar algunhas leccións importantes para o futuro. É hora de que escoitemos de novo unhas voces vellas e sabias que seguen resoando entre estes vellos muros de pedra e que nos falan doutra maneira de vivir en consonancia coa nosa verdadeira humanidade e co noso planeta Terra. (…)”.