Recomendamos: Luces da Costa da Morte, de Xosé Iglesias

Luces da Costa da Morte, de Xosé Iglesias, é unha obra publicada por Bululú.

“Unha colección de postais de faros con poemas do mar ou viceversa? O que tes nas mans é moito máis. É un artefacto poético e visual que emerxeu das augas da Costa da Morte, onde vive o seu autor, o artista oceánico Xosé Iglesias. Páxina a páxina, funde o misterio máxico da fin do mundo coa beleza directa e salvaxe do mar. Combina, así, a súa paixón pola poesía, pola pintura e por ese universo mergullado que navega a diario, por ese mundo feito de sal, vento e sol, e habitado polas súas criaturas icónicas: baleas, candorcas, delfíns…”

A estrambótica volta ao mundo en oitenta días, contacontos coa Compañía Pérez e Fernández, o 12 de novembro ás 12:00 h.

Con A estrambótica volta ao mundo en oitenta días, publicado pola Editorial Bululú, Pinto e Chinto convídannos a acompañar ao cabaleiro inglés Phileas Fogg e a Paspartú, o seu criado, nunha viaxe contra o reloxo. Teremos que sobrevivir a travesías marítimas ateigadas de tornados, a montañas que devoran trens e, mesmo, a rituais fanáticos no medio da selva. Iso si, podemos asegurarvos que os nosos amigos superarán todos estes perigos con boas doses de imaxinación e improvisación; as mesmas doses de diversión e gargalladas que vos proporcionará este libro. Agarrádevos ben ás súas páxinas e preparádevos para unha viaxe ao redor do mundo.

Recomendamos: As Sentinelas do Silencio, de Beatriz Maceda Abeleira

As Sentinelas do Silencio, de Beatriz Maceda Abeleira, con ilustracións de Laura Veleiro, é un libro publicado por Xerais.

“Iria ten que deixar a cidade onde vive, as súas amigas, o colexio, a praia das tardes do verán…, para mudarse cos seus pais ao campo, a un lugar chamado Malvela. Alí a súa vida semella perder todo o sentido. Mais, pouco a pouco, irá coñecendo unha comunidade de persoas especiais que, dotadas de cadanseu don, van ensinarlle outra maneira de estar no mundo, moito máis consciente. Todas elas teñen en común unha curiosa característica: calzan un zapato de distinta cor en cada pé. Iria descubrirá que ese distintivo é o que identifica os membros dunha sociedade creada en Malvela: «As Sentinelas do Silencio».”

Recomendamos: María Casares. A impaciencia por vivir, de María Canosa

María Casares. A impaciencia por vivir, de María Canosa, ilustrado por Bea Gregores, é un libro publicado por Bululú.

“Este libro permítenos coñecer a vida de María Casares. Aclamada e admirada como actriz en Francia, sobrepúxose ás adversidades que lle tocou vivir na súa vida persoal; a Guerra Civil e o exilio, o amor tempestuoso e tráxico con Albert Camus -un home casado e un dos intelectuais franceses máis importantes da primeira metade do século XX-, ou a morriña pola infancia feliz en A Coruña, foron o alimento da súa tenacidade por prepararse e estudar no teatro até chegar a converterse nunha icona mundial da interpretación e unha auténtica diva no senso máis amplo da palabra.”

Recomendamos: Heidi, de Johanna Spyri

Heidi, de Johanna Spiry, traducido por Patricia Buxán Outeiro, con ilustracións de Miguel Robledo, é un libro publicado por Aira.

“O toutizo do Metiu do Alpe, o veciño do que ninguén quere saber, vai ter que tomar conta da súa neta orfa, Heidi. A chegada da cativa á cabana do avó cambiará para sempre a súa vida. Chega á colección ‘Clásicos ilustrados’ unha novela inesquecible, un clásico da literatura alemá, un tesouro da cultura suíza. Unha reinvidación da vida sinxela, un canto de gratitude aos dons que outorga a natureza máis esgrevia. Quen coñece a Heidi non pode apartala xa nunca máis do seu recordo, que é o mesmo que dicir do seu corazón.”

Recomendamos: Pan con chocolate, de Paula Carballeira

Pan con chocolate. A merenda de Gianni, de Paula Carballeira, con ilustracións de Xiana Teimoy, é un libro publicado por Xerais.

“Este libro non conta unha historia, conta moitas historias. Este libro conta a historia dun neno chamado Gianni Rodari, pero tamén podería contar as historias de moitos outros nenos e moitas outras nenas que soñan e escriben para poder ter tantas vidas como queiran. Porque neste libro hai gatos, piratas, bruxas, cans, trens, corvos, teléfonos, cebolas, tomates… Imaxina ler este libro comendo pan con chocolate. Este é un libro para imaxinar aventuras. Este é un libro para xogar. Este é un libro para que te divirtas aínda máis.”

Aquí pode descargarse unha proposta de lectura da obra.

Recomendamos: Papá caníbal, de Antonio Manuel Fraga

Papá caníbal, de Antonio Manuel Fraga, con ilustracións de Santy Gutiérrez, é un libro publicado por Xerais.

“Fedora está farta de que o abusón do cole se meta con ela, así que decide asustalo contándolle que o seu pai é un caníbal. O Efebeí, un policía fóra de servizo por non facer nada ao dereito, inicia unha investigación pola súa conta sobre o suposto caníbal para tentar recuperar o prestixio perdido e poder reincorporarse ao traballo. A partir de aquí iníciase un atolado enredo que ten lugar durante a noite do Samaín. Unha novela disparatada, enxeñosa, macabra e tremendamente divertida, na que mesmo poderás escoller o final!”

Recomendamos: Madeira e metal, de Laura Rey Pasandín

Madeira e metal, de Laura Rey Pasandín, con ilustracións de Laura Romero, é un libro publicado por Baía.

“Aixa, unha nena de aldea, habilidosa e festeira, ten que marchar coa súa familia á cidade.
A morriña, a lembranza permanente da aldea e a vida que nela se gozaba fan que busque a alegría a través da música. A partir de madeira e metal recupera os sons da terra, do ar e do lar que perdera ao chegar á cidade.
Un conto que nos achega ao sentimento tan noso e tan universal, como é a morriña e a súa expresión a través da música.

Hai unha Forza que nos empurra cara ao camiño
e outra que nos amarra á Terra nativa.
A morriña transfórmase nun motor forte
á hora de manifestarse, comunicar, crear e transmitir.
A través dos ollos de Aixa escoitaremos o son do Lar.”

Recomendamos: Nación Mar, de Xosé Iglesias

Nación Mar, de Xosé Iglesias, é un libro publicado por Bululú.

Nación mar é un berro de vida, unha chamada de atención sobre un ecosistema que loita por sobrevivir sen perder a súa esencia. As súas fermosas evolucións ilustradas transmítennos perfectamente a beleza deste fascinante universo, a simbiose entre os seus moradores e o valor dos coñecementos nados da experiencia, ás veces tráxica, sempre esforzada, convertida nun tesouro transmitido a través de xeracións.”