Recomendamos: A fotografía 51, de María Canosa

A fotografía 51, de María Canosa, é unha obra publicada por Baía Edicións, con ilustracións de Paula Mayor.
A fotografía 51 presenta, a modo de imaxes fixas na retina ou nunha cámara fotográfica, a vida, dilemas e reflexións en primeira persoa de Rosalind Franklin, o seu traballo e a ocultación machista padecida, quen malia ser a que logrou a famosa fotografía 51 da estrutura do ADN, non foi recoñecida co Nobel, que si recibiron dous homes cos que colaborara nas investigacións.”

Recomendamos: Que me pare o corazón se te esquezo, de Andrea Maceiras

Que me pare o corazón se te esquezo, de Andrea Maceiras, XV Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, é unha obra publicada por Xerais.

“Blue Shiva é a deusa das redes sociais. Na súa popular canle aparecen os retos virais máis arriscados. Pero tamén é unha deusa fráxil. A noite en que decide camiñar polo bordo dun edificio de dez andares, só desexa que a chuvia deteña a súa ousadía. Porén, Nordestal é unha cidade ventosa, e Blue Shiva precipítase ao seu propio abismo.Axiña as redes sociais difunden a nova da súa morte. Do outro lado da pantalla, Ada, que non pode crer que Blue Shiva xa non exista, pídelle axuda á súa irmá xemelga, Lúa, e convértea en cómplice involuntaria. Pola súa banda, Gabriel regresa a Nordestal guiado polos latexos do seu corazón.Narrada a dúas voces, Que me pare o corazón se te esquezo é unha historia sobre ese mar que nos axita por dentro e sobre aquel que se abre alén das nosas pantallas, tinguido pola peor sombra e, ao tempo, capaz da maior luz.”

A estrambótica volta ao mundo en oitenta días, contacontos coa Compañía Pérez e Fernández, o 12 de novembro ás 12:00 h.

Con A estrambótica volta ao mundo en oitenta días, publicado pola Editorial Bululú, Pinto e Chinto convídannos a acompañar ao cabaleiro inglés Phileas Fogg e a Paspartú, o seu criado, nunha viaxe contra o reloxo. Teremos que sobrevivir a travesías marítimas ateigadas de tornados, a montañas que devoran trens e, mesmo, a rituais fanáticos no medio da selva. Iso si, podemos asegurarvos que os nosos amigos superarán todos estes perigos con boas doses de imaxinación e improvisación; as mesmas doses de diversión e gargalladas que vos proporcionará este libro. Agarrádevos ben ás súas páxinas e preparádevos para unha viaxe ao redor do mundo.

Recomendamos: Donas de nós, de Ánxela Gracián

Donas de nós, de Ánxela Gracián, gañadora do 10.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2022, é unha obra publicada por Baía.

“A Morgana desta obra, implacable co patriarcado, asume como misión propia que as mulleres sexan donas de si. Co mago Merlín como aliado, axudará a Mendiña, unha moza fermosísima, libre e apaixonada, que vive recitando os seus poemas polo Camiño a Compostela, ata que un día, por azar, cruza cun Príncipe que, seducido pola súa beleza, valentía e naturalidade, lle pide matrimonio, negándose a casar con Mademoiselle Xuxú, unha rica princesa provenzal que resulta moi conveniente para todos.”

Recomendamos: As Sentinelas do Silencio, de Beatriz Maceda Abeleira

As Sentinelas do Silencio, de Beatriz Maceda Abeleira, con ilustracións de Laura Veleiro, é un libro publicado por Xerais.

“Iria ten que deixar a cidade onde vive, as súas amigas, o colexio, a praia das tardes do verán…, para mudarse cos seus pais ao campo, a un lugar chamado Malvela. Alí a súa vida semella perder todo o sentido. Mais, pouco a pouco, irá coñecendo unha comunidade de persoas especiais que, dotadas de cadanseu don, van ensinarlle outra maneira de estar no mundo, moito máis consciente. Todas elas teñen en común unha curiosa característica: calzan un zapato de distinta cor en cada pé. Iria descubrirá que ese distintivo é o que identifica os membros dunha sociedade creada en Malvela: «As Sentinelas do Silencio».”

Recomendamos: A ladroa da biblioteca de Meirás, de Eva Mejuto

A ladroa da biblioteca de Meirás, de Eva Mejuto, é un libro publicado por Xerais.

“O prohibido era excitante e aterrador ao tempo. O perigo de ser vista, o medo de que desen con ela, formaba parte dun xogo ao que Mariña estaba prendida. Coábase na mellor biblioteca do mundo, co universo enteiro para ela arrombado nos andeis. Ata que non puidese saír da aldea, ese era, sen dúbida, o único paraíso posible. Ás veces a felicidade era tal que esquecía onde estaba e o perigo que corría. Facía mal en coller «prestados» os libros? Á familia roubáranlle a casa para facer a residencia de verán do Xeneralísimo, así que estaba no seu dereito. E ese verán pasarían tantas cousas que todo cambiaría de vez na vida de Mariña, no Pazo de Meirás e, talvez, no país enteiro…”

Recomendamos: Historia da Galicia pequeniña, de César Cequeliños e Jorge Campos

Historia da Galicia pequeniña, de César Cequeliños e Jorge Campos, é unha obra publicada por Aira Editorial.

“O pasado de Galicia como nunca cho contaron. Mapas, obxectos, acontecementos e personaxes para que nos coñezamos mellor.
Dos autores do Atlas da Galicia pequeniña.”
Aquí podes ler un pequeno fragmento da obra.

Recomendamos: María Casares. A impaciencia por vivir, de María Canosa

María Casares. A impaciencia por vivir, de María Canosa, ilustrado por Bea Gregores, é un libro publicado por Bululú.

“Este libro permítenos coñecer a vida de María Casares. Aclamada e admirada como actriz en Francia, sobrepúxose ás adversidades que lle tocou vivir na súa vida persoal; a Guerra Civil e o exilio, o amor tempestuoso e tráxico con Albert Camus -un home casado e un dos intelectuais franceses máis importantes da primeira metade do século XX-, ou a morriña pola infancia feliz en A Coruña, foron o alimento da súa tenacidade por prepararse e estudar no teatro até chegar a converterse nunha icona mundial da interpretación e unha auténtica diva no senso máis amplo da palabra.”

Recomendamos: Os Metrosiderais, de Héctor Cajaraville

Os Metrosiderais, de Héctor Cajaraville, é un libro publicado por Oqueleo.

Os Metrosiderais é unha aventura en que as persoas marxinadas, as diferentes, as que se afastan da norma… acaban demostrando o poder da unión por riba dos prexuízos.
Estela, Kofuku, Li, Tomás e a súa cadela Lía conforman a Banda do Cigurat, un grupo de rapaces e rapazas que consolidaron a súa amizade nas clases de reforzo do instituto. Durante as vacacións de verán, os seus integrantes van verse somerxidos nunha emocionante investigación que crava as súas raíces, literalmente, na historia da Coruña, a cidade en que viven. Un astrolabio, unha viaxe en barco que partiu da Coruña hai cincocentos anos, un peculiar ancián envolto en misterio e intriga, un estraño diario e unha árbore que non debería estar aí configuran a trama desta novela; ao longo das súas páxinas, os membros da Banda do Cigurat deberán enfrontarse a un enigma que rodea a cidade herculina, e que foi pasando de xeración en xeración, ampliándose ao longo dos séculos.”

Recomendamos: Quero saír!, de María Canosa

Quero saír! é un libro de María Canosa, publicado por Embora.

“”A nena comprende. Sabe que ten que agardar pola liberdade, que é unha convidada delicada. Prepara as súas ás (lava as mans), prepara as súas plumas (roupa) e prepara o seu peteiro (máscara). E por fin pode saír”.
María Canosa crea este texto para axudar aos nenos a entender o confinamento e a gozar na casa, pero tamén a sentirse libres coma paxaros.”