Recomendamos: Mercedes Tella Comas. Mestra e directora da Escola Normal de Mestras da Coruña, de Ana Romero Masía

Mercedes Tella Comas (1868-1934). Mestra e directora da Escola Normal de Mestras da Coruña, de Ana Romero Masiá, con limiar de Aurora Marco, é unha obra publicada por Baía.

“Mercedes Tella foi un referente destacado na vida da cidade durante o primeiro terzo do século XX e co seu traballo e actividade deu o mellor exemplo da reivindicación do papel que a muller debía ter na sociedade. Podería ter un posto merecido na historia da Coruña con so realizar o traballo docente e de Dirección da Escola Normal durante máis de 20 anos, pero non se conformou con iso senón que redobrou o seu traballo e esforzo demostrando que as mulleres podían e debían estar presentes e actuando de forma activa na vida cultural, científica e social, sen esquecer a colaboración na atención á infancia fóra das aulas ou aos presos nos cárceres.
Admiradora de Concepción Arenal, estreita colaboradora de Manuel Casás, de pensamento conservador e católico, non dubidou en defender valores progresistas en educación como a defensa da coeducación ou o papel que debían ter os libros e os xogos na educación da infancia, o que lle permitiu ser unha das más destacadas renovadoras da pedagoxía das Escolas Normais en Galicia no primeiro terzo do século XX.”

Recomendamos: Relatos de Cascarilla. 12 contos de xente da Coruña, de César Concheiro

Relatos de Cascarilla. 12 contos de xente da Coruña, de César Concheiro, con ilustración de Laura Veleiro, é unha obra publicada por Grupo Beroly.

Relatos de Cascarilla achéganos ás vidas de distintas persoas que comparten como escenario a cidade da Coruña.
No transcurso dos relatos acompañaremos os protagonistas por alegrías e tristezas, por amores ou soidades, por tempos pasados e tiempos por vir, e veremos como teñen en común algo máis que un lugar ou un tempo.
A necesidade de comprensión, afecto e amizade ábrese paso encarnada nas persoas que desfilan ante nós, mirando aos ollos e á nosa comprensión como seres fráxiles, resistentes, efémeros e todos eles importantes.”

Recomendamos: Sen alento, de Ramón Area

Sen alento, de Ramón Area, é unha obra publicada por Positivas.

“O aire, ás veces, deixa sen alento as persoas. Ao seu través viaxan os virus, as palabras dos profetas e as ordes dos gobernos. É quen de mover os muíños para despois acubillar as liñas infinitas dos cables eléctricos, testemuñas do progreso e tamén da loita polos beneficios económicos.
Ninguén asegura que o aire sexa invisible. Quizais porque é o lenzo onde as imaxes desafían a verdade. O pouco que nos deixa de seu son os cheiros que recolle aquí e alá, un rastro que tenta a nosa necesidade de achar orixes e significados.
O Atlántico cheira. A catedral ten arume propio por baixo do botafumeiro, os curas, as monxas e os peregrinos. Tamén olen os uniformes da garda civil, as residencias para persoas maiores, os cedros, os salmóns, as centrais eléctricas e mesmo os meses do ano.
Os olores rodéannos sen deixar moita marxe para evitalos, mesmo tapando o nariz. Por iso, cando na vila comezaron os roubos nas vivendas dos vellos, ao sarxento Fernández cheiroulle a repugnancia. Lucía, pola contra, amosouse decidida a rematar co mal olor.
Maila non ser decisións incompatibles, trazaban destinos distintos para todos os que estaban na obriga de compartir comarca e aire, fosen apóstolos, pantasmas, herexes, mozos prometedores, doentes dos bronquios, empresarios de longo percorrido ou anciáns de asilo e visita familiar o domingo á tarde.”

Recomendamos: A voz das últimas cigarreiras coruñesas. Lembranzas dun tempo ido, de Ana Romero Masía e Xulia Santiso

A voz das últimas cigarreiras coruñesas. Lembranzas dun tempo ido, de Ana Romero Masiá e Xulia Santiso, é unha obra publicada por Baía.

“Darlles voz ás cigarreiras. Iso mesmo debeu pensar Emilia Pardo Bazán. Darlles voz directa, non falar sobre elas ou por elas, senón que sexan elas as que falen por si mesmas. Nesta ocasión non puidemos ir á Fábrica de Tabacos —agora convertida en Audiencia Provincial— pero buscamos lugar no que encontrarnos para falar con elas. Así, ao longo de horas de conversa con Pilar, Cani, Lolecha, Mariceli, Rosi, Elena, Camocha, Matucha, Elvira e Rosalía puidemos comprobar como —pasados xa case 20 anos do peche da Palloza— seguen emocionándose cando rememoran o seu paso polos diferentes talleres, as relacións cos xefes, as festas na fábrica, as dificultades para compaxinar traballo e familia… e, sobre todo, a dor e a tristura dos últimos días como cigarreiras.”

Recomendamos: Luces da Costa da Morte, de Xosé Iglesias

Luces da Costa da Morte, de Xosé Iglesias, é unha obra publicada por Bululú.

“Unha colección de postais de faros con poemas do mar ou viceversa? O que tes nas mans é moito máis. É un artefacto poético e visual que emerxeu das augas da Costa da Morte, onde vive o seu autor, o artista oceánico Xosé Iglesias. Páxina a páxina, funde o misterio máxico da fin do mundo coa beleza directa e salvaxe do mar. Combina, así, a súa paixón pola poesía, pola pintura e por ese universo mergullado que navega a diario, por ese mundo feito de sal, vento e sol, e habitado polas súas criaturas icónicas: baleas, candorcas, delfíns…”

A estrambótica volta ao mundo en oitenta días, contacontos coa Compañía Pérez e Fernández, o 12 de novembro ás 12:00 h.

Con A estrambótica volta ao mundo en oitenta días, publicado pola Editorial Bululú, Pinto e Chinto convídannos a acompañar ao cabaleiro inglés Phileas Fogg e a Paspartú, o seu criado, nunha viaxe contra o reloxo. Teremos que sobrevivir a travesías marítimas ateigadas de tornados, a montañas que devoran trens e, mesmo, a rituais fanáticos no medio da selva. Iso si, podemos asegurarvos que os nosos amigos superarán todos estes perigos con boas doses de imaxinación e improvisación; as mesmas doses de diversión e gargalladas que vos proporcionará este libro. Agarrádevos ben ás súas páxinas e preparádevos para unha viaxe ao redor do mundo.

Recomendamos: Donas de nós, de Ánxela Gracián

Donas de nós, de Ánxela Gracián, gañadora do 10.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2022, é unha obra publicada por Baía.

“A Morgana desta obra, implacable co patriarcado, asume como misión propia que as mulleres sexan donas de si. Co mago Merlín como aliado, axudará a Mendiña, unha moza fermosísima, libre e apaixonada, que vive recitando os seus poemas polo Camiño a Compostela, ata que un día, por azar, cruza cun Príncipe que, seducido pola súa beleza, valentía e naturalidade, lle pide matrimonio, negándose a casar con Mademoiselle Xuxú, unha rica princesa provenzal que resulta moi conveniente para todos.”

Recomendamos: A vella compañeira, de Anxo Lugilde

A vella compañeira, de Anxo Lugilde, é unha obra publicada por Luzes.

“Isto non é un libro de memorias. Nin unha autobiografía. É unha crónica, unha reportaxe vital. Anxo Lugilde é un correspondente na súa propia guerra, a que libra desde rapaz contra esa parte de si mesmo que loita contra el, a depresión, a Vella Compañeira. A depresión é coma esas guerras non declaradas, fóra dos titulares, nas que morre máis xente que nas que enchen os telexornais. A depresión ñe unha guerra civil cruenta e soterrada, casa por casa, neurona por neurona, pero na que as vítimas non chaman por ninguén, non expoñen as súas feridas nin as ruínas das súas casa, nin os seus mártires. As vítimas sofren os ataquen no medio do silencio e da vergoña.
XOSÉ MANUEL PEREIRO
Cal é o xeito en que está escrita esta odisea da alma que é a vella compañeira? Que a fai especial? Anxo Lugilde adéntrase máis alá do que semella a liña do inaccesíbel. Alumea o que non está ben visto. Porque adoita ocultarse, porque incomoda ou porque non se deixa ver.
A outra clave está no como se conta esa odisea. Lugilde fala dun exorcismo. Hai unha fusión sutilísima entre a corrente da vida, do pensamento e das palabras. Hai unha dose de humor, de ironía e retranca, que fai milagroso este exorcismo. Un humor dramático, un humor morado, no que, por fin, podemos ver os hematomas das doenzas da alma.
– DO PRÓLOGO DE MANUEL RIVAS

Recomendamos: Materia, de Yolanda Castaño

Materia, de Yolanda Castaño, é unha obra publicada por Xerais.

“Legados, relacións e ata proxeccións familiares: velaí a materia da que estamos feitas. Tanto na súa líquida versión capaz de humectar as raíces antepasadas, coma na solidez do que hoxe nos conforma mesmo se só asoma unha parte, ata a volatilidade gasosa dun futurible familiar. Dende a memoria histórica aos clarescuros da renuncia á maternidade se tratan nesta poderosa proposta poética de Yolanda Castaño na que cada estado da materia se expresa nun propio ton.”

Recomendamos: Algoritmos, de Xavier Queipo

Algoritmos, de Xavier Queipo, é unha obra publicada por Galaxia.

““Un exercicio de análise, de pensar fóra da norma, de expresar ideas e sentimentos con estas notas heteróclitas, aloucadas ás veces e excesivamente racionais outras, para construír o meu relato”, que diría Queipo.
Nestes Algoritmos non hai trama, senón unha variada galería de personaxes, lecturas e rememoracións, máis ben pretendidas intimidades intelectuais. Non son un dietarios, nin tan sequera unha compilación, senón unha secuencia de ideas acoutadas entre 2011 e 2018.
Felizmente inclasificábeis, como tantos outros textos de Xavier Queipo, estes algoritmos reflicten dalgún xeito que son os propios algoritmos a ideoloxía dominante neste tempo de dúbidas e incertezas, que temos que apandar con eles, coñecelos e dominalos, mesmo para seguir exercendo o oficio de escribir.”