Recomendamos: Sindo de Olelas, de Xurxo Souto e Pedro Pascual

Sindo de Olelas, de Xurxo Souto e Pedro Pascual, é unha obra publicada por aCentral Folque.

““Olelas ou o asombro. Pedra, cachenas… e concertina. Fenómeno único na Galiza toda. Unha pequena aldea (só sesenta casas) que, por tradición, bailla con este son. Calquera noite de vrao pode soar o vira. Antroido, Matanza, Reis… Non existe (ou existía) celebración, pública ou familiar, na que alguén non pouse os dedos enriba deste instrumento.”
Olelas, concello de Entrimo, provincia de Ourense. Como os seus veciños din ,“unha aldea empoleirada na montaña”. No outro lado dun encoro -todos son familia-, A Várzea xa é Portugal. Terra de músicos. Calquera celebración xira ao redor dun instrumento: “a concertina” (acordeón diatónico).
Como en todas as aldeas contratan unha orquestra o día da festa. Mais aquí o clímax chega xusto no descanso, cando as concertinas soben ao palco e a parroquia enteira baila as danzas que aprenderon dos seus maiores: o vira, o S, e a cana verde.
O gran tocador destes tempos foi Sindo, directamente Sindo de Olelas. Como a maioría dos seus veciños emigrou a Francia (polo verán esta é unha aldea bilingúe, campan nela dous idiomas: o galego e o francés). Por suposto, canda a maleta levou tamén o instrumento. E tanta foi a súa paixón que á volta, cando construíu a casa nova, fixo no salón un pequeno palco para poder tocar en toda celebración.
Deixounos a finais desta segunda década do século XXI. Mais a tradición continúa. Alén dos propios tocadores de Olelas, os fillos de Sindo bailan nos ranchos portugueses de París. E o seu neto espalla por Francia adiante o repertorio destas montañas.”

Recomendamos: A Comuna del Barruzo, de Ugia Pedreira e Pierrot Rougier

A Comuna del Barruzo é un libro-disco de Ugia Pedreira e Pierrot Rougier, publicado por aCentral Folque.

A Comuna del Barruzo presenta dez cancióis representadas por dez seres qu’habitan a zona Eo-Navia. Tanto os dibuxos como as letras fain referencia a sitos físicos, y á cultura patrimonial e inmaterial da zona. Ademáis nos mostran xogos e alternativas saludables alredor da naturaliza. Tamén pequenos placeres como abrazar un árbol ou beilar col vento. A comuna trabaya pra aumentar a sensibilidá auditiva dos nenos, nenas y adultos, y propicia valores d’autoestima y aceptación de lo diferente.
A Comuna del Barruzo é o primeiro libro-disco en galego asturiano pra nenios, nenias y adultos qu’inda lo son. Nel un amplio abanico de poetas eonaviegos ofrécennos unha mostra da riqueza literaria e lingüística d’este territorio fronteirizo pasada hasta hai pouco de manera oral de padres a fillos e fillas.”


Recomendamos: Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968, de Xavier Groba e Sergio de la Ossa

Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968, de Xavier Groba e Sergio de la Ossa, é unha publicación de aCentral Folque.

“Gustav Henningsen (Slagelse, Dinamarca, 1934) é un destacado folclorista, antropólogo histórico e investigador que estivo ligado durante a súa vida profesional ao prestixioso Arquivo Danés do Folclore [Dansk Folkemindesamling] da Biblioteca Real de Dinamarca. Entre 1964 e 1968 realizou traballo de campo en Galiza, principalmente na comarca de Ordes, para estudar os rituais e as crenzas máxicas arredor da bruxería. Mentres que os seus traballos sobre esta materia tiveron alcance internacional, os outros materiais compilados (entre eles os musicais) ficaron “esquecidos” até hoxe. O fondo Henningsen integra unha impresionante colección fotográfica, da cal se realizou en 2015 unha primeira exposición no Museo do Pobo Galego, e un valiosísimo arquivo fonográfico que permanece até o dia de hoxe completamente inédito.
Grazas ao acordo entre aCentral Folque e Gustav Henningsen, dous destacados etnomusicólogos [Xavier Groba e Sergio de la Ossa] fixeron unha selección dos mellores rexistros musicais procedentes das súas recollas de tradición oral. Estes materiais edítanse xunto a un ensaio de carácter divulgativo, a transcrición das melodías e unha escolma de fotografías inéditas da súa estadía en Galiza, e conforma unha obra de singular valor histórico, antropolóxico, etnográfico e musical para Galiza.”

Presentación de Miniaturas de Eugenio Granell. Música revelada, o martes 16 de abril ás 20:00 horas en Portas Ártabras

O martes 16 de abril, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Asociación de Amigos dos Museos de Galicia), Rúa Sinagoga, 22, baixo, da Coruña, preséntase Miniaturas de Eugenio Granell. Música revelada, edición especial de 2 libros + CD que recolle a faceta musical do grande autor surrealista, feita realidade por aCentral Folque.
No acto participarán o director artístico do proxecto, Ramom Pinheiro Almuinha, o seu director musical, o cubano Alejandro Vargas, e o escritor Manuel Rivas.

Deixamos, a continuación, estes petiscos musicais:

Trapecista sentado soñando
Labrego alegre traballando
Galega cantando a unha pedra e unha gaita