Recomendamos: Alfredo Vilas (O republicanismo irredutible do esquecido «Castelar galego»), de Gonzalo Vilas

Alfredo Vilas (O republicanismo irredutible do esquecido «Castelar galego»), de Gonzalo Vilas, é unha obra publicada por Positivas e o Consorcio de Santiago.

“Alfredo Vilas (1854-1904) foi un dos máis destacados oradores galegos de finais do s. XIX. Avogado e médico, figura dos estrados, político sen escano, “soldado da república”, nas súas verbas, que nunca cedeu na propagación da idea republicana, Vilas aparece como unha figura pública célebre na súa época que hoxe apenas é lembrado nalgún episodio en que interviu, como o traslado dos restos de Rosalía de Castro. Dotado dun enxeño proverbial e dun intelecto destacado, a súa oratoria despregada no foro xudicial, en xuízos que espertaban o entusiasmo do público e a prensa, ou en mitins políticos de diversa índole, valéronlle o alcume de “O Castelar Galego”. Título que algún autor como Antón Vilar Ponte consideraba inxusto, por supeditalo a outra figura e considerar o compostelán aínda superior en algúns aspectos ao daquela tido polo mellor orador do Estado.
Declarado anticlerical, Vilas foi unha voz discordante dende mozo na Compostela dominada pola Igrexa, pugna que tivo o seu colofón cando, na súa morte, o arcebispo prohibiu o seu enterro en terreo sagrado, obrigando ao seu sepelio no cemiterio civil coruñés, entre un considerable escándalo. Gonzalo Vilas, descendente indirecto do orador, interesouse pola súa figura desde pequeno, en que na casa familiar de Prevediños (Touro), que fora residencia de don Alfredo, resoaban ecos inconexos arredor do personaxe. Despois de anos de recompilación de datos, e principalmente de indagación na prensa da época, ofrécenos esta biografía deste republicano sen república, na que, lateralmente, podemos sumirnos tamén nas circunstancias e episodios políticos e sociais dunha época apaixonante e non sempre ben coñecida.”