Recomendamos: María Vinyals, a muller do porvir, de Diego Piay Augusto

María Vinyals, a muller do porvir,de Diego Piay Augusto, é un libro publicado por Alvarellos Editora.

“Esta obra é o resultado dunha profunda e rigorosa investigación, con numeroso material inédito (documental, gráfico e de testemuñas orais), sobre a apaixonante historia vital de María Vinyals y Ferrés, nacida en 1875 no Castelo de Soutomaior (Pontevedra).
María Vinyals medrou no seo dunha familia acomodada, acumulou intensas experiencias e acabou converténdose nunha prolixa escritora, unha pioneira do feminismo e unha muller preocupada pola sociedade que a rodeaba.
Na súa vida privada rebelaríase contra o desencanto dun matrimonio desgraciado. Co seu segundo marido –o médico cubano Enrique Lluria–, compartiría ideais políticos e sociais, e xuntos chegarían a fundar, en 1910, un gran sanatorio, no vello teatro do propio Castelo de Soutomaior. Fixaron aquí a súa residencia xunto aos seus cinco fillos; catro procedían de matrimonios precedentes.
En 1917, afogados polas débedas e marxinados polos seus ideais políticos, María Vinyals e Enrique Lluria abandonarían para sempre o Castelo de Soutomaior. Foi entón cando os seus camiños, e os dos seus fillos Antonio, Enrique, Emilia, María Teresa e Roger, tomarían diferentes rumbos e nunca volverían a atoparse.
O presente ensaio histórico repasa estas sete vidas que medraron baixo a sombra dun castelo. Desde esta impresionante fortaleza medieval, que hoxe é patrimonio público, propiedade da Deputación de Pontevedra, Diego Piay viaxa máis alá dos seus límites e das súas ameas, máis alá de Pontevedra, Galicia… ou Europa.
Esta historia xestouse tras as robustas murallas do castelo e agora, moitos anos despois, regresa ao lugar onde todo comezou.”

Aquí pode escoitarse unha entrevista ao seu autor na Radio Galega.

Recomendamos: Falando claro. A historia do anarquista Claro Sendón, por Pepe Sendón

Pepe Sendón Falando claroFalando claro. A historia do anarquista Claro Sendón, do escritor, actor, músico e tradutor Pepe Sendón, está publicada por Alvarellos Editora.

“Pepe Sendón, (Lira, 1964) rescata a figura do anarquista de Louro (Muros, A Coruña) Claro José Sendón Lamela (1897 -1937), unha das figuras políticas máis destacadas do anarquismo galego. Falando Claro é unha obra de divulgación histórica froito dunha longa investigación que comezou cando o autor descubriu, nunha enciclopedia, un breve perfil biográfico de Claro Sendón escrito polo historiador Dionísio Pereira. A partir dese momento iniciou unha procura tratando de seguir o rastro dunha vida trepidante e localizar unha produción escrita dispersa e difícil de encontrar.
O resultado desa procura publícase agora nun libro que é a reconstrución dunha peripecia vital novelesca e, ao mesmo tempo, a primeira escolma publicada do traballo xornalístico de Claro Sendón. A obra inclúe tamén unha serie de fotografías inéditas do protagonista.”

Aquí tendes unha conversa do autor da obra no Diario Cultural da Radio Galega:

http://www.crtvg.es/flow3/flowplayer.commercial.swf