Recomendamos: As miñas nanas negras, de Amalia Lú Posso Figueroa

As miñas nanas negras, de Amalia Lú Posso Figueroa, é unha obra publicada por Kalandraka Editora, con tradución de Isaac Xubín.

“Nacín e crecín en Quibdó, molloume a chaparrada, apertoume a calor, o vento ergueu as miñas saias enchoupadas de suor. O pacó e o manduro deron recendo ao meu espazo,o borojó e o marañón puxeron sabor na miña lingua. O río Atrato levou os meus ollos a viaxar, a chirimía coa súa música ensinoulle ao meu corpo amexerse e as miñas nanas negras encheron de fantasías as interminables tardes cheas de relatos barulleiros, acariñándome ao mesmo tempo que gurgullaban as palabras no seu zigzag. Nese intre non o imaxinaba, sóubeno despois: as miñas nanas negras ensináronme a gozar ao milímetro da riqueza do meu corpo, metéronme na loucura de gozar con todos os ritmos que teno meu corpo…
As miñas nanas negras recompila 25 contos cos que a autora lle rende homenaxe á narración oral da súa rexión natal, o Chocó colombiano, situado entre o Caribe e o Pacífico. Cada historia -que rescata da memoria da nenez- é un canto alegre á vida, partindo do ritmo e do baile como principais argumentos. As protagonistas destes relatos imaxinativos son mulleres de raíces afrocolombianas nas que ese ritmo vai asociado a unha parte concreta do corpo: a boca, o corazón, as nádegas, as cadeiras…
Sensualidade e elegancia son os sinais de identidade destes textos festivos, contados orixinalmente no dialecto chocoano que se fala no norte do litoral pacífico, e recuperados por escrito para que as lectoras e lectores de calquera parte do mundo poidan imaxinar ese abano de movementos, descritos con palabras tropicais e envolventes.
Amalia Lú Posso Figueroa transporta o público ata a selva e os ríos turbios do Chocó para facelo partícipe do deleite sensorial, dos sabores e das sonoridades que se poden atopar nese paraíso, incitándoo a erguerse e a danzar ao pulso dos tambores e das chirimías típicos dese territorio.
Con esta obra ten participado en numerosos festivais por todo o mundo, nos que a autora conta que o seu libro non é un estudo etnográfico da cultura negra do Chocó, senón un intento por rescatar a memoria oral desa rexión, onde a pel dos seus habitantes é negra, ondea terra é fértil, e os días transcorren coa cadencia das nanas.”

Aquí pode lerse un fragmento da obra.

Advertisements