Recomendamos: Deixádenos remar, de Ana Cabaleiro

Deixádenos remar, de Ana Cabaleiro, é un libro publicado por Xerais, finalista do Premio Xerais de novela de 2020.

“A vida nun modesto arrabalde vese trastornada coa construción dunha flamante urbanización de chalés acaroados. A medida que as vivendas se venden e os novos veciños se van asentando, o muro exterior da urbanización transfórmase en fronteira e o microcosmos do barrio acaba por se dividir en dous bandos. Mais non se trata dunha rivalidade polo territorio, senón da colisión entre dúas formas de vida que se converte nunha lenta e constante guerrilla de pequenas escaramuzas veciñais, na reafirmación do status comunitario dos humildes, e na manifestación dos nosos soños e loitas dependendo do lado do muro en que habitemos. En Deixádenos remar, novela finalista do Premio Xerais 2020, Ana Cabaleiro dálles voz ás protagonistas anónimas do cotián, todas humildes e arrabaldeiras, ben sexan esforzadas traballadoras, opositoras, desempregadas, xubiladas, divorciadas, artistas ou viaxeiras.”

Esta foi a entrevista realizada á autora no Diario Cultural da Radio Galega.

Recomendamos: As ramonas, de Ana Cabaleiro

As ramonas, de Ana Cabaleiro, é unha obra publicada pola Editorial Galaxia, que obtivo o Premio García Barros en 2018.

“Mona Otero é unha muller loitadora e soñadora que persegue con ansia, e mesmo con deseperación, a súa meta de triunfar no mundo da arte. A protagonista, sancionada coa perda do carné de conducir, non pode dispoñer de coche propio, polo que depende doutras persoas para desprazarse. Toda a historia que se narra en As ramonas emana do interior de sucesivos vehículos desde os que a protagonista nos vai amosando un rosario de factores que delimitan a súa existencia: a competitividade, a autoestima, os odios, a pobreza, a familia, o abandono, as aparencias, a falsidade do éxito, a dignidade. Mais Mona Otero é só un fío do nobelo no que se vai xuntando coas outras ramonas -unhas veces complementarias, outras opostas- e a partir do cal van formando un complexo mundo de mulleres. A novela de Ana Cabaleiro é, ademais, o retrato dunha sociedade rural en mutación, cun pé asentado na tradición e nos lazos familiares e co outro alancando cara á globalización.”

Aquí pode lerse a crítica feita por Xosé Manuel Eyré en Ferradura en tránsito.

Recomendamos: Sapos e Sereas, de Ana Cabaleiro

Sapos e Sereas, de Ana Cabaleiro, é un libro de relatos publicado por Galaxia, estrea literaria da autora.

“Unha voz especialmente singular dentro da nosa literatura e que nos vai agasallar, no futuro, páxinas coa mesma potencia literaria coma as que temos neste mollo de relatos. Neste volume nada é o que parece. A autora disponse a darlle a volta a moitas historias que pensabamos que só se podían contar dunha maneira. E, grazas á súa ollada nova, descubrimos que hai moitos sapos que non merecen saír da fochanca, que hai Sereas atrapadas en destinos tráxicos e que a realidade é, cando menos, cuestionable. Mellor dito, que hai que a cuestionar.”

Aquí pode lerse unha entrevista coa autora en Sermos Galiza.