Recomendamos: Donas de nós, de Ánxela Gracián

Donas de nós, de Ánxela Gracián, gañadora do 10.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2022, é unha obra publicada por Baía.

“A Morgana desta obra, implacable co patriarcado, asume como misión propia que as mulleres sexan donas de si. Co mago Merlín como aliado, axudará a Mendiña, unha moza fermosísima, libre e apaixonada, que vive recitando os seus poemas polo Camiño a Compostela, ata que un día, por azar, cruza cun Príncipe que, seducido pola súa beleza, valentía e naturalidade, lle pide matrimonio, negándose a casar con Mademoiselle Xuxú, unha rica princesa provenzal que resulta moi conveniente para todos.”

Recomendamos: As voces da auga, de Ánxela Gracián

As voces da auga, de Ánxela Gracián, é un libro publicado por Baía Edicións, gañadora ex aequo do VIII Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil en 2018.

As voces da auga destaca pola calidade de lingua empregada, a orixinalidade da proposta e o intenso labor de recreación dunha sociedade xeográfica e culturalmente tan distante como a chinesa. As voces da auga relata unha historia de supervivencia e de aposta pola vida nun contexto histórico especialmente complexo, máis alá dos convencionalismos.
Neses instantes, no interior do río, Li sentíase tan transparente coma o cristal. Entón, como polas noites antes de adormecer, podía escoitar de novo con nitidez as voces da auga, como unha chamada que non a enxordecía coa súa cantilena monótona de ave de paso, senón que lle infundía esa forza descoñecida das ondas que galopaban, propiciando que ela tamén formase parte dese mundo líquido e poderoso que, alí no fondo do val, se arrastraba lento coma unha búfala preñada, porque era alí, precisamente naqueles remansos, onde a voz do río berraba arrastrando consigo tamén a fondura dos cavorcos da terra.